"Este tamén é territorio galego: nas aulas fala o teu idioma". Con este lema convidan na Universidade da Coruña a potenciar a lingua dentro das aulas.
Os últimos datos dos que dispón o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, UDC, indican que apenas o 8,9% dos profesores e profesoras desta institución usan o galego para as súas clases. Por outro lado, só o 13,4% dos alumnos bota man do galego cando fai preguntas en voz alta nas aulas. Son exemplo de cifras que quedan lonxe da realidade do "emprego real" que se fai dela fóra do ámbito docente.
Por este motivo, a Universidade da Coruña deseñou unha campaña co obxectivo de "rachar esa fronteira lingüística" que aparecería ao cruzar a porta das aulas universitarias. A campaña foi presentada xa a semana pasada polo reitor da UDC, Xosé María Barja, acompañado polo secretario xeral, Xosé Manuel Carril, e mais polo director do Servizo de Normalización Lingüística, Xosé Ramón Freixeiro Mato. Adhesivos e cartaces coma o que acompañado dun aramado de espiñas contén o lema "Traspasa esta fronteira. Nas aulas tamén en galego", aparecen nas paredes dos centros da UDC desde esta semana.
Este tipo de propaganda só serve para tranquilizar a consciencia dos galegoexterminadores acovardados.
Que di o regulamento de funcionamento da UDC? Di acaso que o galego debe ser usado por parte de profesores, alumnos e persoal de administración e servizos, sen prexuízo de usaren o castelán de xeito individualizado con quen aínda descoñeza lexitimamente a lingua propia do territorio, ou o castelán e mais outras linguas alleas por motivos debidamente xustificados (docendi causa, iocandi causa, ... ).
Na UDC, coma noutros organismos, o que teñen que facer évos deixarse de infrinxir sistematicamente o ordenamento xurídico regulador dos dereitos lingüísticos da Comunidade Lingüística Galega e dos seus membros.