Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O debate salta ao Parlamento

O escenario económico pasa a primeiro plano

En función dos resultados electorais en Galiza, os grupos políticos tamén poderían reabrir o debate da reforma estatutaria.

Redacción /EP - 09:00 05/02/2008

A situación económica centrará o primeiro pleno do ano 2008 no Parlamento e será prioridade durante todo o período de sesións, que abrangue até xuño. Segundo decidiu a Xunta de Portavoces, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, contestará unha pregunta do PPdeG sobre a posición galega ante a crise internacional e o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, comparecerá para tratar esta cuestión.

Ademais, acudirá á Cámara o titular de Industria, Fernando Blanco, para explicar a postura do Goberno ante a eliminación da tarifa nocturna. Precisamente, debaterase unha proposición non de lei do BNG na que se pide o mantemento desta modalidade de pagamento. Sobre materia económica tamén falará a responsábel de Vivenda, Teresa Táboas, que fará balance das medidas de fomento ao aluguer de vivendas para mozos.

Así, tanto os grupos parlamentarios do PPdeG coma do BNG coincidiron en colocar a situación da economía como unha das súas prioridades para os próximos meses. Preguntado ao respecto, o voceiro do PSdeG, Ismael Rego, fixou os retos da súa formación en darlle axilidade ao amplo calendario lexislativo previsto pola Xunta e en achegarse á cidadanía e en expoñerlle o traballo do Goberno.

A maiores, neste primeiro pleno, que se celebrará a semana próxima, Touriño tamén contestará unha pregunta do Bloque sobre as previsións de Executivo para a transferencia dos portos e aeroportos de titularidade estatal, e unha do PSdeG acerca dos resultados do Cumio de Braga entre os gobernos de España e Portugal. Así mesmo, celebrarase o debate de totalidade do proxecto de lei de creación da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

A reforma estatutaria pendente

Por outra banda, socialistas e nacionalistas condicionaron ao resultado das eleccións xerais e a súa influencia sobre o PPdeG unha posíbel reapertura do proceso de reforma do Estatuto, fracasada hai máis dun ano. "Se o Bloque ten máis presenza en Madrid e o PP menos, quizais se poida retomar", confiou o voceiro do Bloque, Carlos Aymerich.

Tamén Rego relacionou a posibilidade a un cambio de postura do PP, aínda que se mostrou pesimista ao respecto. "Temémonos que despois dos comicios estarán máis preocupados por cuestións internas que polo Estatuto", agoirou, apuntando que "a última palabra tena Núñez Feijoo".

Non obstante, o voceiro da oposición, Manuel Ruiz Rivas, retou os socios de goberno a presentar un texto conxunto de novo Estatuto e, asegurou, que se porían a traballar inmediatamente sobre el. Con todo, advertiu de que os 13 deputados nacionalistas "non van condicionar" os 37 do seu grupo.


5/5 (1 votos)


Comentarios (1)

ecoe #1 5/Febreiro/2008 ecoe

O escenario ecvonómico FOI O PRIMEIRO PLANO DAS PREOCUPACIÓNS GUBERNAMENTAIS, mais só en canto INTERESE DO CAPITAL E DO CAPITALISMO. Vacas grosas mais a tope de regulamentos contra traballadores, a maioría na sociedade capitalista como a do €$tado €$pañol.

Agora, cando xa miran que o mercado -nin xamais o fixo nin o fará- non regulamenta nada, salvo a barbarie, outravolta han recuar e pedir á teta do Estado que os alimente dde novo, pois periga o "INTERESE NACIONAL" (da burguesía, e mesmo dos socialcapitalistas
).

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: