Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Ao tempo que se multiplican as visitas á diáspora

PSOE e PP quítanlle importancia ao voto emigrante malia o aumento do CERA

Un total de 324.388 galegos no exterior poderán votar o 9M, case 20 mil máis que hai catro anos.

Redacción / Europa Press - 13:00 05/02/2008

Pontevedra rexistrou nestes catro anos o maior aumento de rexistros no Censo de Residentes Ausentes, o CERA, con 6.260 electores máis. Na Coruña a cifra aumentou en 4.470 emigrantes, e Ourense e Lugo repártense incrementos respectivos de 3.878 e 3.445. Foran en total en Galiza e en 2004 un total de 306.335 cidadáns que viven fóra do país os que tiñan dereito a votar nos comicios xerais, e a suma increméntase en 2008 até as 324.388 persoas, un 5,57% máis.

Por países, Arxentina é o que conta con máis galegos con dereito a voto, cun total de 116.229, de xeito que en número de electores Bos Aires só se vería superada por Vigo, A Coruña e Ourense. A continuación, Venezuela achega 33.019 votantes, Brasil 29.049, Suíza 29.189e Uruguai 28.286.

Só o BNG non ten viaxes ao exterior en axenda
Aínda que PPdeG, PSdeG e BNG coinciden en que o voto emigrante non será "determinante" para o resultado final, só a formación nacionalista "non ten na súa axenda" ningunha visita ao exterior. No outro extremo, tanto PSOE como PP contaron cos residentes ausentes para planificar a precampaña electoral.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, viaxou a Brasil xa a mediados do mes de xaneiro e este mesmo luns volveu doutra visita de cinco días a Venezuela e México. A semana que vén volve coller o avión, desta volta con destino en Arxentina e Uruguai. Outro popular á procura do voto emigrante é o deputado ourensán Celso Delgado, que irá proximamente a Suíza e Alemaña.

Por parte do PSdeG, as deputadas Marisol Soneira e Laura Seara viaxaron en xaneiro a Venezuela, Brasil, Arxentina e Uruguai. Tamén viaxou recentemente á outra beira do Atlántico o presidente da Deputación da Coruña, o socialista Salvador Fernández Moreda, visita que desde o PP cualifican de "claramente electoralista", malia que desde o PSOE aseguran que "non tivo ningún mitin coas siglas do partido" e lembran que era os populares os "afeitos a solapar actos electoralistas con actuacións institucionais".

Ao respecto, desde o BNG, o coordinador da executiva da formación, Francisco Jorquera, opina que PPdeG e PSdeG tratan os residentes ausentes como "reservistas de voto" porque son "doadamente manipulábeis". Sobre o mesmo tema, Jorquera considera que populares e socialistas están freando as reformas lexislativas necesarias ao respecto do voto emigrante e "perpetúan unha anormalidade democrática que pode poñer en risco a garantía do proceso electoral".


4/5 (2 votos)


Comentarios (4)

Sabrexo #1 5/Febreiro/2008 Sabrexo

Os emigrantes galegos (Madrid, Barcelona, Canarias), xunto con moita xente que traballa no mar, segue sen poder votar. A PP e PSOE isto non lles preocupa, só obter o voto dos descendentes de emigrantes en América.

kkruxo #2 5/Febreiro/2008 kkruxo

Posiblemente a situación non sexa lóxica, nin xusta, pero estes son os bois cos que teñen que arar os que andan en política. ¿Que fai o BNG que non está traballando tamén o voto emigrante de maneira parella á PP e PSOE?

Atlantico #3 5/Febreiro/2008 Atlantico

Teñen moita presa por ilegalizar a Batasuna, pero con este pucheirazo ben que calan.

COUTOVEN #4 5/Febreiro/2008 COUTOVEN

Creo que é un grave erro político por parte do BNG o non considerar visitar as comunidades galegas da diáspora. De feito seria un retroceso.

Fai algúns anos contamos coa presenza do señor Xosé Manuel Beiras na cidade de Valencia, Venezuela. Atopamos na súa persoa a un político serio e comprometido cun pensamento socialista moderno e un concepto da galeguidad amplo e respectuoso.

Non creo que existan razóns de peso para que Anxo Quintana non considere o visitar esta e outras latitudes onde existan galegos de primeira, segunda e ata terceira xeración.

O importante é que se isto concrétase non se seguise a liña do PSOE e o PP. É moi triste ver a demagóxica forma como se intenta compran votos. Ofrecendo o profano e o divino. Trasplantando prácticas caciquiis propias do feudalismo galego mais antigo e anacrónico.

Ofrécense axudas para persoas da terceira idade e resulta que gran parte das mesmas caen en mans de anciáns con solvencia económica. Isto en detrimento de as que realmente o necesitan.
Ofrécense viaxes para campamentos. Un ve ano tras ano que sempre viaxan os fillos dos directivos ou os achegados á mesma. Non existe menor interese que os beneficiarvos destas viaxes sexan os que non contan con recursos para realizalos. As axudas máis que distribuírse na comunidade galega en función de necesidades reais. Queda concentrada nuns centros sociais que reúnen a oligarquía. E é esta a que deciden quen fose da súa contorna poden ser acredores dalgún beneficio.

Na grave situación actual de Venezuela, o que se require é que a comunidade galega senta que conta cun goberno que defenda os seus intereses. Alguén a quen dirixirse para que sirva de interlocutor dos seus problemas e das múltiples inxustizas que se padecen ao intentar de realizar trámites como solicitar unha pensión ou poder sacar un simple pasaporte. Creo que moitos pensasen que o goberno galego pode facer pouco a este respecto. É certo, pero polo menos saberemos que non estamos sos e posiblemente lógrese algo máis xa que algúns gobernos coidan moito a súa imaxe de face ao exterior.

As axudas teñen que continuar, pero doutra forma. Un exemplo seria o achegue de tratamentos farmacolóxicos. Unha parte importante da comunidade galega que vive en Venezuela pertence ao grupo da terceira idade (60 anos e máis) moitos deles sofre de enfermidades crónicas como: Diabetes, hipertensión arterial, cardiopatías isquémicas, osteopatías, etc. Os sistemas de seguridade social en Venezuela non garanten a dispoñibilidade destes medicamentos. De feito, gran parte das miserables pensións logo de pagar regularmente por décadas non alcanzan para comer, moito menos garantir un tratamento regular. Se un ancián da nosa comunidade sofre unha fractura de cadeira, hai que organizar colectas para poder adquirir unha prótese e os materiais para ser intervido nun hospital público. Se falamos dunha cirurxía cardíaca estariamos soñando.

Unha conduta responsable dos nosos políticos para coas comunidades de ultramar que nun tempo axudaron a formar a galiza que hoxe existe. Pasa polo respecto e non porque se destine máis diñeiro. Senón que o mesmo distribúase entre os que realmente o necesitan.
Se estas comunidades senten desamparadas nos seus países de acollida. Poden optar polo retorno. Pero un retorno grave para eles xa que moitos pasarían os seus mellores anos produtivos. O seu maior capital serán os recordos, xa que o seu patrimonio practicamente é imposible que poida ser sacado. Os máis novos aumentasen a lista de desempregados envileciendo o mercado laboral.

De tal xeito que é unha obrigación para todos os políticos galegos e de forma especial os do BNG coñecer no terreo a realidade das comunidades fóra do noso país. Xa que o nacionalismo sabe que foi na diáspora onde se mantivo o lume que contribúo ao noso proxecto de nación. É máis, moitos medios de información ente os cales atópase VIEIROS din que a súa orixe está na Galiza exterior, pero lamentablemente hoxe dálle as costas á mesma. Polo menos nos apartados dedicados a Venezuela.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: