Ironizou días atrás o presidente da Xunta sobre a posíbel prohibición de misas durante a campaña electoral, e recibe agora as críticas do líder do PPdeG. Mentres, o BNG pide a revisión dos acordos Igrexa-Estado.
Déralle xogo a Emilio Pérez Touriño a carta da Conferencia Episcopal con recomendas e guía para o voto dos fieis da Igrexa Católica nos comicios de 9 de marzo. Co PSOE amarrándose ao tema en todo o Estado aproveitando para tensar a precampaña, o secretario xeral do PSdeG aproveitara para comentar que "os evanxeos non din en ningún lugar que lle hai que votar ao PP". De paso, ironizou Pérez Touriño sobre a posibilidade de pedirlle á Xunta Electoral que "regulamente o papel dos bispos nisto da político e cavilen se o sábado de reflexión e o domingo da votación habería que prohibir ou non as misas".
Chegada a brincadeira a oídos do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, este pareceu tomar en serio as palabras do líder dos socialistas. Así, Feijoo solicitoulle ao presidente da Xunta a "rectificación" dos comentarios da pasada fin de semana e asegurou que lle recordaban "un réxime comunista non democrático". Dese xeito, pediulle Feijoo a Touriño que fose "respectuoso coa sociedade civil, coa Igrexa e coa pluralidade de pensamento das diferentes institucións".
Por outro lado, e fronte á polémica xurdida polo próximo nomeamento do bispo de Lugo, Afonso Carrasco Rouco, sobriño do cardeal Antonio María Rouco Varela, asegurou que "sorprende" a actuación de Touriño, que "como non pode nomear xa non a conselleiros do Bloque", senón "nin sequera aos directores xerais nacionalistas, quere ser moi valente" e "nomear aos bispos". "Non se decata de que de momento non é Papa", dixo Feijoo de Touriño.
O BNG a prol de revisar os acordos Igrexa-Estado
Por outra parte, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso, Olaia Fernández Davila, anunciou que o Bloque impulsará unha iniciativa parlamentaria na próxima lexislatura para a revisión dos acordos entre o Estado e a Igrexa. O obxectivo é que este pacto se "adapte á Constitución, na que se recolle que España é un estado laico".
Fernández Davila recordou que os nacionalistas xa presentaran unha proposta similar durante o período que acaba de finalizar, e subliñou que os acordos actuais entre o goberno español e a xerarquía eclesiástica "son de 1976 e son máis propios dun Estado confesional". "Hai que dar os pasos para facer realidade o estado laico e tamén deben modificarse os aspectos que se refiren ao financiamento e acordos en materia educativa ou cultural", expresou a deputada nacionalista. Ao fío, cualificou de "minimalistas" as propostas nese sentido realizadas polo secretario de organización do PSOE, José Blanco, quen na súa opiión "só fala de autofinanciamento". "É necesario ir máis alá", insistiu Davila.
están feitos uns galenecos
Horror! Pase que sexa un brando, un pose-socialista e un escravo da partitocracia madrileira, pero comunista si que non :-P
Touriño como non é do PePe, pois quere ser PaPa e xa que non pode "no-mear" bispos pois "mea" neles.
Touriño comunista????? Cuñáaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaa
O de prohibir misas paréceme moi forte, xa que estamos nun Estado Libre??? (sen que me oian os xuíces que declaran ilegal a todo aquel que lles cae mal).
Pero habería que controlar ese diñeiro negro, libre de impostos, que recollen nos cepillos durante as misas.
E quen é Touriño para interpretar os evanxeos?
Xesús dixo: Votade a María?¡No!
Pero os bispos interpretaron: Votade a Mariano...Rajoy. Quen se non?