Ademais do enfrontamento con Vicepresidencia a conto das galescolas, PPdeG e PSdeG critican agora as normas de habitabilidade deseñadas pola consellaría de Vivenda.
A executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, outorgoulle este martes ao seu presidente, o socialista Carlos Fernández, a facultade para presentar un recurso contencioso administrativo contra as Normas do Hábitat Galego. Esa reclamación presentaríase sempre e cando o Goberno non modificase esta normativa e introducise as suxestións realizadas polos municipios. A decisión contou co apoio dos representantes na Fegamp de PSdeG e PPdeG. Votou en contra o BNG, que apoia o proxecto da consellaría de Vivenda, xestionada pola nacionalista Teresa Táboas.
A Fegamp xa anunciara a comezos do mesmo de febreiro a súa oposición á iniciativa de Vivenda, considerando que, do mesmo xeito que criticaran ao respecto da Lei de Servizos Sociais impulsada por Vicepresidencia, "atenta contra a autonomía municipal". O presidente da Fegamp, o rexedor socialista en Ames, Carlos Fernández, opinou daquela sobre a futura Lei de Vivenda que podería "colidir" cos plans de ordenación urbanística dos concellos. Fernández explicou por exemplo que o Decreto de Habitabilidade interfire co límite de altura máximo aprobado en plans municipais. Tamén dixo que era "desproporcionada" a reserva do 40% dos inmóbeis para vivenda protexida.
Que tomen nota os cargos do BNG: cando non estean de acordo cunha proposta que veña de despachos dirixidos polo PSdG, que voten o oportuno. É correcto que se tente conseguir un labor harmónico entre as dúas forzas de goberno, pero esa harmonía debe partir dun diálogo e dun acordo entre as dúas forzas coligadas.
En casos como este, está claro que os intereses duns e doutros difiren, pero o PSdG debería ter un mínimo de respecto polo labor do BNG (sobre todo cando xa está pasctado no Consello da Xunta). Ademais neste tipo de enfrontamentos sempre sae gañando o PSOE. Cómprelles valentía aos cargos públicos do BNG porque a miúdo se lles ve acolloados cando lle teñen que tirar das orellas aos compañeiros de goberno. Deberían de lembrarlles máis decote ao PSdG que sen eles, non presidirían a Xunta.