Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Incidentes tras a concentración

Nova protesta multitudinaria dos gandeiros pola baixada do prezo do leite

Máis de 3.000 gandeiros -o dobre que na última protesta- concentráronse fronte a fábrica de Lagasa (Celta), en Campolongo, Pontedeume.

Redacción - 14:30 13/03/2008
Os manifestantes chegaron deica o valo da fábrica

Os manifestantes chegaron deica o valo da fábrica

Máis de 3.000 gandeiros -o dobre que na última protesta- concentráronse esta quinta feira fronte a fábrica de Lagasa, do Grupo Lactogal (Celta), en Campolongo, Pontedeume, para protestar pola baixada de prezos que lle aplica a industria aos primeiros produtores.

Dende as 12.00 horas, convocados polos tres principais sindicatos agrarios do país, Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA), os gandeiros permaneceron no lugar entre fortes medidas de seguridade. Ademais, un helicóptero sobrevoaba a zona.

Ao finalizar a concentración, contra as 13.00 horas, e tras a intervención dos representantes sindicais, algúns dos gandeiros forzaron o valo das instalacións e entraron no almacén onde romperon varios palés de leite. Os axentes, da Garda Civil, non interviñeron e, pasadas as 13.30 horas, a manifestación disolveuse.

"Usura" das multinacionais

Marcos Louzao, responsábel do SLG, quixo salientar a masiva asistencia de gandeiros á protesta, chegados á fábrica de Lagasa en arredor dunha vintena de autocares e en coches particular, máis tendo en conta que "xa estamos en época de traballo".

Louzao criticou a "usura" das multinacionais e das industrias transformadoras, que son as "culpábeis" neste conflito e "quen deberían dar a cara". Por iso, exíxenlle á Administración que lles obrigue a ofrecer maior transparencia sobre os seu beneficios, "a mesma que lle piden aos gandeiros".

Esta quinta feira coñecíanse os novos datos do IPC. O leite baixou un 1%. Porén aos gandeiros rebáixanlles o prezo seis céntimos, é dicir, entre un 10% e un 15%, que ten carácter retroactivo.


4,5/5 (8 votos)

Comentarios (3)

baltar69 #1 13/Marzo/2008 baltar69

pois si se queixan os productores, imaxínese vde o que pode opinar o consumidor que paga 1 euro polo brick da góndola cando non fai moito pagaba a metade!!!
ambos teñen varias mediadas de presión:
o primeiro, indudablemente, non lle queda outra máis que bebelo el, tiralo ou repartilo directamente, anque ollo a esto, se non cumple toda a regulamentación sanitaria e administrativa, pode ser demandado e acusado dun delito contra a saúde pública, sobre todo contra a saúde monetaria de todo un entarimado establecemento funcionarial que vive de este tipo de dádivas.
o segundo en discordia pode directamente pasar dos lácteos. xa se sabe que non hai mamíferos adeptos a este alimento fóra do engulido o principio da vida e trátase dunha sustancia altamente indixesta e doadamente sustituible por outras fontes de calcio, hidratos de carbono ou proteínas que o organismo tolerará moito mellor e que non incidirán en tantos problemas estomacais, intestinais e en tantos casos de colesterol polas nubes. a ascensión na pirámide alimentaria de estes productos non deixa de ser máis que o resultado dunha inxente técnica de mercadotécnia, primada como sempre polos intereses económicos, pois trátase ó cabo dun producto de sinxela producción, manipulación, transporte e transformación.
pero imaxínense productor e comprador cantos coadvuvantes interveñen na chegada á mesa matutina de ese litro de líquido blancuzco de tan desagradable olor. dende que a vaca levanta a cabeza do costado e fixa o ollo no comedeiro a maquinaria empeza a xirar sumando interesantes beneficios para: union fenosa, saprogal, boehringer, bayer, massey fergusson, scania, michelin, repsol, delaval, termocool, masual, carrefour, tetra park, mcaan and erikson, ogilvy and mather etc etc. e son estes os que ganan, ho. son estas e outras grandes ou pequenas corporacións as que someten a políticos, agricultores, técnicos e consumidores á roda do consumo de sustancias lácteas e a un tipo de producción basada nunha competitividade que deixa tanto os productores coma os consumidores en pelotas.

XurxoMG #2 14/Marzo/2008 XurxoMG

Non hai máis saídas que o boicot a estas miserentas empresas. O agro vai a pique, o goberno limita as cotas, a UE impón criterios contrarios aos intereses, primeiro coa ecotaxa e agora coa futura liberalización do mercado e van as empresas leiteiras e baixan o prezo que afectan directamente nos petos dos gandeiros. Hoxe en día, ter unha explotación non sae rendíbel. Teñen todo o dereito de protestar de loitar e de boicotear. E nós, a non mercar os produtos de leite "Celta", "Puleva" e "Central Lechera Asturiana", e abofé que ahberá outras empresas nas mesmas.
O que cómpre, e como sinalou o Suárez Canal nunha entrevista en Vieiros, é apostar polo grupo lácteo galego, polo control dos maioristas e intermediarios que fan aumentar o prezo dun xeito bestial saíndo mal parados consumidores e produtores.
E xaora que os gandeiros elles imprescindíbel a loita porque outra saída, xa sabemos cal é: a emigración. E como lle escoitei un día a un paisano deses rebeldes: "antes de emigrar nós, arde todo o país porque senón non entendo por que non teño dereito a traballar eiquí".

galeguzo #3 14/Marzo/2008 galeguzo

De toda a cadeia, o elemento mais débil é o produtor, pois o leite é a fonte do 90% dos seus integressos habituais. No entanto, o consumidor sempre pode mudar de marca (o produtor não tem tanta facilidade para mudar de comprador, sobretudo os que estão em sociedades cooperativas) ou procurar alternativas (leite de soja, em pó...).

Ainda, com cada litro de leite que vende o produtor, a indústria fabrica ao menos dous de "leite gordo" ou quatro de "leite magro". Por último, enquanto a indústria vê medrar os seus benefícios, ainda por cima pretende restar dinheiro a uns produtores que não deixam de ver como todo sobe e cada vez ganham menos.

Nestes momentos, por cada litro de leite o produtor ganha de média QUATRO CÉNTIMOS (de média paga-se a 44 cêntimos/litro, mas o custo de produção chega até os 40) quando a indústria leva... pois nem sei, calculem a diferença entre os 0,44 euros e o 0,70 ou 1€ dos estabelecimentos comerciais.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



UUAA, SLG e XXAA convocaron a concentración
UUAA, SLG e XXAA convocaron a concentración
Máis de 3.000 gandeiros manifestáronse fronte á fábrica
Máis de 3.000 gandeiros manifestáronse fronte á fábrica
Ao finalizar a concentración, algúns gandeiros accederon ás instalacións e romperon varios cartóns de leite
Ao finalizar a concentración, algúns gandeiros accederon ás instalacións e romperon varios cartóns de leite