Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Loucura en Xapón coa estornela

Atención palanadores: a wii prepara o Billarda All Stars 2009!

Logo de que unha serie infantil metese a moda no país, a xaponesa Nintendo anuncia que en poucos meses poñerá nas tendas un videoxogo inspirado neste deporte tradicional.

Redacción - 10:45 01/04/2008
Tags: billarda wii

Do Aberto do Lacón ao Torneo de Osaka? A Liga Nacional da Billarda ameaza chimpar fronteiras. Gorentosos de novidades, atentos a tendencias e sutís plaxiadores de boas ideas, os xaponeses veñen de realizar a súa particular adaptación do xogo que nos últimos tempos axita con forza a escena do deporte galego.

Kotaro-Chan naceu apenas como un personaxe secundario dun coñecido manga xaponés. Ao xeito que acontece con outros secundarios que gañan presencia, co salto da serie en banda deseñada á pantalla televisiva, os creadores viron a potencialidade que por si soa tiñan as historias de Kotaro-Chan. Foi así como naceu o que en libre tradución ao galego é O equipo K-Chan. "Dálle co pau" vén a ser a tradución aproximada que os xaponeses argallaron para referirse á billarda. Escrito en caracteres xaponeses: ビートスティック .

Agora, e na inercia do éxito da serie nos seus primeiros capítulos, o xigante xaponés dos videoxogos dá a sorpresa: a billarda chegará á coñecida videoconsola Wii. Será a comezos de 2009, cando os palanadores do futuro poidan experimentar a pé de salón e sen apenas levantar do sillón, a emoción billardeira en toda a súa intensidade virtual. Na rede poden saber máis do proxecto.

Queda por ver como souberon os xaponeses da billarda. Algún xenio da vizosa canteira de debuxantes galaicos que anda facendo extras por terras xaponesas? Algunha foto perdida dun turista xaponés que en visita a Galiza levou inmortalizados na súa cámara a Ismael, o Zidane da Billarda, ou David, do Sporting Petapouco? Seguiremos investigando.


Esta nova pertence á edición especial Vieiros 1 de abril


4,64/5 (11 votos)


Comentarios (4)

Calidonia #1 1/Abril/2008 Calidonia

Bo intento!

Pelexom #2 1/Abril/2008 Pelexom

O um de avril vam os burros onde nom devem de ir!!!

Garrano #3 1/Abril/2008 Garrano

Esta ben a coña, mais convidaa unha refexión. Por qué paises con linguas minoritarias teñen os seus xoguetes na lingua propia e outros non? por que en Dinamarka con só 5 millóns de dinamarqueses teñen tantos xoguetes na lingua propia? Eu estiven alí e podo acreditalo. Non son moitos máis habitantes do que somos na GZ. Só un par de millóns máis. Que acontece logo? Descoñezo o que acontecerá en Malta co maltés e noutras latitudes.

Vontade da industria, dicía marisol. Non ser que con tanta rexouba ida e traida co das bonecas galegofalantes a industria xogueteira española, maioritariamente ubicada en Valencia (Ibi), recúa da idea pola repercusión que poidera ter noutras areas do seu mercado? Que acontece con outros productores de xoguetes? Poñamos os chineses. Alguén imagina aos chineses con prexuízos para facer un xoguete que fale nun idioma ou que teña unha versión nun idioma demandado?

A producción dun videoxogo custa máis do que unha superproducción de cinema.

Lembro cando foi o da campaña da Mesa pola versión de Harry Potter ao galego nos cinemas, tiñanna conseguido os cataláns e nós non iamos ser menos, claro, non nos fixeron puto caso. Mais que tería acontecido se tiveramos tanteado a outros distribuidores que movian unha outra peli que competía naquel mesmo momento coa 1ª de H. Potter? Esa peli era a 1ª do Señor dos Aneis. Poida que tampouco tiveramos conseguido nada,ou poida que si, mais non podemos estar apostando sempre a unha carta e fostiandonos sempre co mesmo valado.

Estou seguro de que Marisol non falou cos chineses.

BonKarallan #4 1/Abril/2008 BonKarallan

Eu tampouco nintendo nin quero entender.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O protagonista do anime co seu irmán pequeno, listos para arramplar con todo
O protagonista do anime co seu irmán pequeno, listos para arramplar con todo
Na LNB xaponesa tamén hai equipo feminino
Na LNB xaponesa tamén hai equipo feminino
Toda boa serie ten o seu malvado, aquí a contraparte de Kotaro-Chan
Toda boa serie ten o seu malvado, aquí a contraparte de Kotaro-Chan
Rapaces xaponeses péganlle ao palán nunha escola de Kioto
Rapaces xaponeses péganlle ao palán nunha escola de Kioto