Os tres grupos comprométense a enviar a Madrid unha proposición de lei conxunta instando a garantir voto en urna e depurar o censo de residentes ausentes.
A menos dun ano da probábel data das próximas eleccións galegas e despois de dúas citas recentes coas urnas, municipais e xerais, onde o voto dos emigrantes volveu ofrecer polémicas por presuntas irregularidades, xorde unha nova oportunidade de resolver a cuestión. Así o escenificaron os voceiros parlamentarios de PPdeG, PSdeG e BNG nunha inédita comparencencia conxunta este martes no Parlamento.
Despois de meses coas propostas nos caixóns mentres seguían de tirapuxa a través dos medios, as tres formacións políticas con representación parlamentaria definiron en apenas media hora de xuntanza os puntos mínimos sobre os que están de acordo.
O espazo de encontro: a demanda da depuración dun censo do que se recoñece que está cheo de irregularidades, e o estabelecemento do voto en urna en igualdade de condicións cos residentes en Galiza. Sobre estas cuestións BNG e PPdeG xa achegaron propostas concretas e o PsdeG anunciou que achegará o seu documento para a semana que vén. Froito dese consenso sairá unha proposición de lei que, despois de ser aprobada no Parlamento, chegará coa unanimidade dos tres grupos ao Congreso.
Obxectivo: voto limpo en 2009
Na procura de que as eleccións de 2009 en Galiza estean exentas de suspicacias e irregularidades como as acontecidas hai tres anos, ese acordo de mínimos insta ao goberno español a acelerar as reformas necesarias antes da cita coas urnas do ano que vén.
Así, quedan fóra cuestións sobre as que as tres formacións aínda non están de acordo, fundamentalmente, a posíbel restrición de voto aos emigrantes nalgún dos comicios. Ao respecto, o PPdeG estaría a favor de que os emigrantes poidan seguir votando independentemente da cita electoral. No outro lado, o BNG propón restrinxila ás eleccións xerais e europeas e ademais, suxiren que só se voten os que naceran en Galiza ou residisen aquí cando menos durante dous anos. Mentres, o PSdeG estaría disposto a aceptar que os emigrantes non votasen nas municipais, pero si o fixesen no resto.
Moi ben.Os tres partidos de acordo nun tema que é de país e que por tanto debera estar fóra da loita partidaria. A emigración ou a diáspora galega non merece as labazadas que estivo recibindo durante case 20 anos. Hai milleiros de emigrantes que non foron nunca a ningunha merendiña co seu voto na man. Non se pode repetir o lamentable espectáculo de que voten os mortos ou de voten aqueles que aínda sendo irmáns nosos leven 30, 40 e 50 anos fóra do seu concello. Hai que arranxar porque é de xustiza que os máis de 300.000 censados no exterior poidan influír onde o deben facer que é en Madrid (onde perdemos representación)e en Santiago de Compostela.Rematarán as trangalladas dos alcaldes que viaxan á caza do votiño perdido. Agora os alcaldes viaxarán cando queiran para falar cos seus veciños e para informarlles dos asuntos do concello sen ningún interese partidista. Haberá moitos que lamentablemente non viaxarán nunca porque eles só querían o voto pero non aos emigrantes. Noraboa señoras deputadas e señores deputados: Marisol Soneira, Carlos Aymerich, José Manuel Castelao, Iago Tabarés, Fernández Leiceaga...
Reciben un moi cordial noraboa os representantes dos tres grupos parlamentarios que na cámara autonómica veñen de acordar unha petición-proposta conxunta para que o goberno central reforme a actual lei electoral.
Trátase dun consenso histórico (así é sen esaxeracións)que acabará con anos de corrupción e de desprezo para aqueles cidadáns galegos residentes no exterior.
Ata o día 15 de abril os emigrantes eran mercadoría electoral. O recadador chamado Pepiño ía a Bos Aires e enchía un saco con sobres nos que estaban as papeletas. Pepiño invitaba a un asadito e xa tiña o saquiño cheíño.
De agora en diante a emigración recupera a súa dignidade e honra porque votará en urna e non votará nas municipais porque non é xusto para os que residen en chan galego e sumará os seus máis de 300.000 electores para que GALICIA aumente os seus representantes en Madrid.
Neste consenso hai que destacar o labor do deputado Aymerich Cano que estivo sempre empurrando para que o voto fose a expresión da democracia no exterior. Non esquezo que o deputado Castelao Bragaña tamén puxo o seu gran de area para chegar a bo peirao. Hai quen di que desde Madrid (desde a rúa Génova concretamente) non vían con bos ollos tanto interese na reforma e preferían que se escornasen entre BNG e PSOE. De ser así, o apoio de Castelao, hónrao porque defende a Galicia por enriba das consignas do seu partido. O PSOE sempre se mantivo na ambigüidade pero parece que son os xefes en Madrid os que apostan pola reforma...entón tamén apoian. Estou feliz...é un avance realmente histórico e era unha débeda coa emigración.
Sei que as miñas curmás no Cerrito de la Victoria (barrio de Montevideo)estarán a festexar o recente acordo acadado no seo no parlamento. En cada cita electoral tiñan que andar desculpándose diante dos que lle viñan buscar o voto. Viñan pola casa para recoller o sobre para que elas non tivesen que desprazarse ao correo. Dicían as miñas curmás que eran uns "rostros de piedra" estes axentes-transportadores porque estaban a facerlles un favor. Viñan gratis e levabn o sobre a correos outra vez gratis.
Elas comentaban que era "una joda" que así el voto ni era secreto ni era libre ni por supuesto era voto (o que realmente escollía era o axente que cobraba dun partido equis por sobre recibido).
Sei que de agora en diante as miñas curmás votarán cando queiran e a quen queiran e sen intermediarios corruptos.
Isto ainda non é para agora, garden as botellas de champaña para o 2015... con sorte