Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa da Xunta sobre "clima social"

Catro de cada dez cidadáns consideran que a situación económica é "mala"

A avaliación negativa aumentou case quince puntos nos últimos oito meses. Desemprego e atraso económico con respecto á media estatal son as preocupacións máis citadas.

Redacción - 15:15 02/05/2008

Se un 29,6% dos enquisados en xullo de 2007 cualificaban de "boa" a situación económica en Galiza, esa opción só e elixida polo 21,4% segundo o mesmo estudo realizado entre os meses de marzo e abril deste 2008. Pola contra, a opción de "mala" para o contexto económico pasa do 25,3% a 38,4%.

De xeito paralelo, aumenta tamén a preocupación dos cidadáns polo desemprego (pasa dun 24,1% a un 28,8%). Onde aparece unha variación significativa é no resto de ítems citados. Se hai un ano, a vivenda e o urbanismo aparecía en segundo lugar (9%), desta volta nese lugar atopamos "O atraso económico con respecto ao resto do Estado" como opción escollida maioritariamente (pasa do 1,7% ao 9,5%). As listas de espera nos hospitais baixan do terceiro ao quinto posto entre as prioridades mencionadas (dun 6,1% até o 4,3%). Desta volta, a preocupación polos baixos salarios e a carestía da vida aumenta tamén, pasando a esa terceira posición.

Durante a presentación das cifras este venres, o secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, destacou o que segundo el é "a mostra de confianza na acción do goberno autonómico no seu ollar cara ao futuro", e indicou que preguntados sobre a situación política en Galiza dentro dun ano, "só o 17,9% cre que empeorará". No entanto, cando o prognóstico é ao respecto da situación económica no futuro, un 37,3% de cidadáns agoiran que irá a peor.

Mantense estábel a avaliación de líderes e partidos
Á hora de poñérenlles nota aos líderes políticos do país, mantense semellante a avaliación de hai un ano, con lixeiros descensos no caso de Emilio Pérez Touriño (baixa de 5.78 a 5.70), e Anxo Quintana (pasa do 5.29 a 5.23), e pequecho incremento para Alberto Núñez Feijoo (do 4.34 ao 4.45).

Por outra parte, á hora de expoñer a súa intención de voto, e malia non ser datos extrapolábeis, segundo explicou o propio Rivera Otero, a única variación significativa é o aumento en case catro puntos porcentuais para o PP (22,2%), que con todo, aparece nesta enquisa por baixo do PSdeG (28,7%). O BNG mantén as mesmas cifras (15,8%). A nivel provincial, PSdeG e BNG obteñen as súas maiores porcentaxes de apoio na provincia de Lugo, e coinciden tamén co peor prognóstico respectivo en Ourense, que é de paso a provincia con maior porcentaxe de indecisos. Mentres, o PP amosa a maior fortaleza na provincia de Pontevedra e insinúa unha significativa caída en Ourense.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: