Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Augura diferenzas nas condicións para Tráfico

O goberno español dosifica o traspaso de competencias

A ministra de Administracións Públicas só concretou a cesión inmediata do Parque das Illas Atlánticas e dun hospital militar en Ferrol.

Redacción - 14:04 06/05/2008

O traspaso competencia máis importante de todas as que están en xogo, a de Tráfico, semella que vai ir pola vía máis lenta. A pesar de que a demanda conta co apoio de todas as forzas parlamentarias galegas, a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, deixou moi claro que non quere apurar o traspaso e incluso deixou caer que as negociacións non van ser sinxelas. Salgado pretende que o trámite vaia pasando todas as fochancas burocráticas. A ministra non quixo poñer unha data para unha transferencia que é fundamental para o despregamento da futura Policía Galega. O propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mostrouse conforme con priorizar as nove competencias xa acordadas e non meter Tráfico no mesmo paquete.

Elena Salgado entrevistouse este martes co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; co vicepresidente, Anxo Quintana; co conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu; e co delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras. Na xuntanza, decidiuse que no mes de xuño se traspasen dúas competencias: a xestión do Parque das Illas Atlánticas e o Hospital de Básico de Defensa en Ferrol. Estes dous traspasos formaban parte da negociación que tivo Quintana co presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero.

As outras setes competencias que tamén negociou Vicepresidencia a finais do ano pasado (arquivos, bibliotecas e museos ou títulos non universitarios, entre outras) aínda terán que agardar. Porén, a ministra considera que todos os traspasos serán realidade antes de que remate o vindeiro outono.


1.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: