Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Iniciativa parlamentaria

Novo intento do BNG para que Navantia-Fene volva á construción naval civil

Os nacionalistas piden cuantificar as axudas "ilegais" percibidas polo estaleiro e que se negocie coa UE o actual veto.

Redacción - 20:20 26/05/2008
Fernando Blanco Parga

Fernando Blanco Parga

O BNG presentou unha iniciativa no pleno do Parlamento para que a Xunta lle reclame ao goberno español información sobre a cantidade concreta de axudas que percibiu o estaleiro de Navantia-Fene e que se negocie con Bruxelas o seu regreso á construción naval civil.

A Unión Europea considerara "ilegais" en 2004 esas subvencións, que ascendían a 864,5 millóns de euros, nun proceso que derivou na disolución de IZAR, na creación de Navantia e na limitación da construción naval civil até 2015.

Na proposición non de lei, da que informou este luns en Ferrol o deputado Carlos Fernando Blanco Parga, solicítase "a transmisión ou adquisición dos activos" que non utiliza a empresa Navantia-Fene no actual estaleiro, para que se destinen á construción naval civil, previo concurso público.

"Fíxose responsábel a este estaleiro de todas esas axudas" percibidas polo conxunto do grupo naval español, malia que pode que mesmo o antigo Astano non se beneficiase en ningún momento desas cantidades económicas, afirmou Blanco Parga.

Plan Ferrol, "esencialmente propagandístico"

O voceiro comarcal do BNG, Manuel López Foxo, engadiu que "non hai razóns técnicas nin xurídicas que impidan a recuperación do sector naval na ría de Ferrol". Atribuíu a actual situación de infrautilización do centro á "falta de vontade política" do goberno do PSOE, coa conivencia dos sindicatos estatais, e cualificou o actual Plan Ferrol de "esencialmente propagandístico".

"Galiza non se pode permitir ter un activo produtivo como o estaleiro de Fene en estado de parálise total", sobre todo tendo en conta en conta que, segundo sinalou Blanco Parga, a "apenas 200 quilómetros" de Ferrol, na zona de Vigo, estanse a demandar "1.500 traballadores especializados para o sector naval".


4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: