Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Por "malas prácticas"

Retíranlle a Norfor o selo de calidade forestal

A filial de Ence fora denunciada reiteradamente polas plantacións intensivas de eucalipto con uso de técnicas e produtos non autorizados.

Redacción - 09:00 25/06/2008

Despois de anos de recibir queixas, a empresa certificadora responsábel da concesión a Norfor do selo de xestión forestal sostíbel atendeu por fin as evidencias e decidiu suspender o certificado concedido baixo os principios do Forest Stewardship Council, FSC.

De feito, as reclamacións para a retirada do selo á empresa filial de Ence iniciáranse xa no momento en que lle fora concedido en 2004 por SGS, entidade certificadora con sede en Suráfrica. O conxunto do movemento ecoloxistas e varios grupos sociais argumentaran desde aquela que a "mala xestión" forestal da empresa non a facía merecedora.

En 2005, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría presentaron as primeiras reclamacións formais, acompañadas de probas da "destrutiva actividade" de Norfor á que acusan de provocar "graves problemas de degradación dos solos, de erosión, de perda de biodiversidade, de aumento do risco de incendios forestais, de perda de recursos forestais pola agresiva utilización de pesticidas e herbicidas, de perda de valor económico da madeira pola súa política de derrube dos prezos e de degradación e empobrecemento da paisaxe rural polos monocultivos".

A evidencia da "insustentabilidade" do monocultivo de eucalipto
Fronte á insistencia das queixas, non foi até 2007 cando a FSC decidiu abrir unha auditoría para comprobar a certificación concedida por SGS as Norfor. O informe resultante advertía de "deficiencias graves" no proceso de certificación e sinalaba que "nunca se debería ter concedido". Polo medio, os propios grupos galegos, Adega e Verdegaia, que seguían formando parte do FSC, retiráronlle o apoio á plataforma.

Froito da presión, chega á fin agora, con catro anos de atraso, a suspensión do certificado. Deste xeito, Norfor terá desde agora prohibida a utilización da etiqueta FSC, e terá que retirar do mercado calquera produto fabricado a partir da madeira indebidamente certificada procedente das súas parcelas.

Desde a Asociación pola Defensa da Ría consideran que o acontecido pon en evidencia unha vez máis que o monocultivo de eucalipto que esta empresa practica "é unha actividade claramente insostíbel ambiental, social e economicamente" e que o modelo económico de ENCE "está a provocar graves danos na economía forestal de Galiza no seu conxunto provocando a perda de recursos onde se instalan as parcelas e a degradación ambiental irreversíbel dos solos e a perda de biodiversidade".


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: