Este luns reúnese por vez primeira a nova executiva, onde estarán tres galegos: Xosé Blanco, Carmela Silva e Xosé Sánchez Bugallo.
"Galiza sae reforzada de maneira moi importante", analizaba este domingo o secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, ao peche do congreso federal do PSOE. "Galiza ten máis peso no socialismo español, o que fará que nos sintamos máis cómodos", indicou.
Toruiño referiuse especialmente a Xosé Blanco, de quen afirmou que terá "un papel aínda máis relevante e máis decisivo na organización" e asegurou que de alegra "extraordinariamente" do seu nomeamento. Ademais de felicitar a Blanco, o secretario xeral dos socialistas galegos envioulle os seus parabéns a Xosé Sánchez Bugallo, Carmela Silva, Carmen Marón e Clemente López Orozco. Os dous primeiros formarán parte da Comisión Executiva Federal do PSOE, que este mesmo luns ten a súa primeira xuntanza en Madrid, e da que forman parte 32 dirixentes. A maiores, Marón e Orozco forman parte do comité federal.
"Galiza conta, o socialismo galego xa non é unha forza relativamente secundaria no socialismo español", analizou Pérez Touriño ao respecto. "Foi un congreso de xente nova, de moitas mulleres cun lema que resume perfectamente o sucedido", comentou, "A forza do cambio é o lema dun partido que é a columna vertebral da gobernación de España e tamén de Galiza". Ao fío, e en referencia ao próximo congreso do PsdeG, Touriño subliñou que os socialistas galegos chegan "cos ánimos acrecentados, esperando que sexa un congreso útil á sociedade galega".