Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALFREDO IGLESIAS E ALEX REGUEIRO, MATRIMONIO

"Algúns colectivos de gais só buscan a diferenciación e o gueto"

Alfredo Iglesias e Alex Regueiro cren que se avanzou no respecto aos homosexuais, mais lamentan a actitude de moitos colectivos gais.

Isabel G.Couso - 09:00 08/07/2008

Hai xa tres anos que as parellas do mesmo sexo poden contraer matrimonio. Porén, Galiza segue á cola neste tipo de celebracións. Só setenta parellas pasaron polo xulgado ou o concello para legalizar a súa situación.

A piques de cumprir o primeiro aniversario da súa voda, Alfredo Iglesias e Álex Regueiro felicítanse de que a situación de discriminación cara aos homosexuais vaia mudando pouco a pouco. Subliñan, porén, que Galiza segue a ser debedora do seu pasado máis recente e aínda abunda a hipocrisía. Aos colectivos de gais, como o de Santiago, pídenlle que non afonden na separación e a diferenciación e que promovan proxectos de verdadeira necesidade para os homosexuais.

Vieiros: Vai facer un ano do seu casamento, por qué tomaron esta decisión?
Iglesias e Regueiro: non é máis que a resposta normal de calquera persoa que establecer un vínculo legal coa persoa que ama. Demos o paso porque era o que nos apetecía realmente, comprometernos diante da nosa familia e dos nosos amigos.

Animounos tamén as vantaxes legais que iso supón fronte a alternativas como a de parella de feito?
Nun principio si. Despois encontrámonos con que tampouco era tan beneficioso en temas como por exemplo o da adopción. Unha parella casada gai non ten os mesmos dereitos que unha parella heterosexual xa que a nivel internacional non podes adoptar. Pero igualmente si que nos apetecía ter do noso lado a lei, xa que está tanto para protexerte como para pedir e dar tamén.

Ademais da cuestión da adopción internacional, que outras cuestións legais consideran que aínda están por facer?
Máis que legais, son cuestións prácticas. Todos os días tes que dar pasos máis longos do que che gustaría. Tes que estar pendente de como vai a reaccionar alguén do teu entorno, tanto laboral como social, ante unha palabra, un mimo ou un xesto. Iso é o máis pesado. Xa a nivel legal é máis sinxelo, porque dende o momento no que existe a lei, a protección é igual para todos. Neste aspecto sentímonos moi protexidos, a nivel social xa é diferente.

Cren que a aprobación da lei fixo que se normalizase dalgún xeito a existencia de parellas homosexuais?
Houbo avances forzados. A xente por educación quere aparentar e ás veces levas moitas sorpresas. Hai persoas que che dan unha palmada polas costas, que semella apoiarte, e ao final, cando saes pola porta escoitas "mira que mar de maricóns". E aínda así, outras persoas que non che din nada ou que puideras pensar que por certa filiación política teñen unha determinada idea, pois apóiante e estante mirando como persoa.

Até o de agora estanos sorprendendo positivamente máis o colectivo heterosexual que o gai, sobre todo en Galiza. Fóra é máis fácil atopar unha comprensión que non atopamos a nivel galego. Tamén temos que dicir que moitos colegas nosos gais falláronnos dende o momento que votaron o Partido Popular. Non queremos dicir que sexa mellor partido ou non, pero dende o momento que nós estabamos loitando por casar, formar unha familia ou adoptar e ese partido de dereitas non o apoia, a nós falláronnos porque a partir dese momento estaban secundando esas propostas.

Que opinan dos colectivos que representan aos gais?
Nós somos persoas coñecidas na cidade de Santiago, pois aínda estamos agardando que alguén do colectivo nos felicite. Ninguén se dirixiu a nós para nos dar a noraboa ou para pedirnos colaboración para dar unhas charlas, ou para animar a outras persoas que se poidan atopar na nosa situación... Iso non é un colectivo que defenda aos homosexuais, iso é como unhas amas de casa ou un club de pesca que se adica a facer uns actos festivos.

Nos últimos anos, dende que a lei é lei, os actos reivindicativos pouco mudaron: ciclos de cine, concienciación, unha marcha con bandeiras, un concerto na Quintana pola noite... se iso é todo o que podemos facer como colectivo orgulloso, pois é mellor adicarse á calceta. A maneira de integrarse na sociedade non pode ser esa, porque entón o único que estamos facendo é un espectáculo mediático no que os medios de comunicación só prestan atención nas marchas do orgullo ás plumas ou os tangas. A representatividade de colectivos coma ese é moi escasa, o que fai falta é un compromiso social, político, de concellos e de institucións para botar a andar proxectos serios.

Cales son eses proxectos serios que botan en falta?
Pois por exemplo, que un colectivo tivese un gabinete psicolóxico, outro pedagóxico, que lle explique á familia (pais, avós, irmáns...) cal é a realidade, que ser gai non é unha enfermidade ou un vicio. Ten que haber un gabinete de avogados, que estea especializado nesta temática. Queremos proxectos serios de integración, dende as escolas. As novas xeracións precisan ter modelos que lles indiquen que non están a obrar mal, que non están a cometer un pecado. Hai que tomar iniciativas pedagóxicas para que a sociedade nos acepte como somos.

Hai moitos homosexuais que non saen adiante porque non saben que facer e hoxendía, onde preguntan? quen conciencia? Fai falta madurar proxectos, ofrecerlle algo á sociedade, non só podemos estar pedindo constantemente.


4,64/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: