Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Opinión

"Hai que saber endurecerse sen perder a tenrura"

Hai poucos días, celebrouse unha homenaxe a un dos cinco funcionarios protagonistas dunha longa loita no Concello de Dozón. Ana Lois Navaza envíanos esta reflexión.

Redacción - 10:45 14/07/2008

Na Galiza, A Gouxa, 20 de Xuño de 2008.

Moitas veces téñome preguntado porque tanto e tanto falar do conflito de Dozón e que pouco saben os e as que falan, do que levamos pasado. No noso centro de traballo, no Concello non podemos enfrentar as agresións, as inxustizas, o acoso coa forza que, ás veces dá a cantidade, o nº de traballadores/as; temos que facelo dende a outra vertente, dende a calidade das persoas. É verdade que eu son a faciana do conflito, mais sabedes a maioría de vós o que leva pasado Pepiño?. É máis se non fora pola sua dignidade, o seu compromiso e o seu compañeirismo teño que dicirvos que dubido se seriamos quén, se seria quén eu, de termar das inxustizas permanentes do Alcalde. Polo tanto hoxe, a ledicia pola xubilación do noso compañeiro ten que ser, debe ser, aproveitada para facer un recoñecemento xusto, a quén o merece.

Con Pepiño comprendín algo que algunha vez tratoume de explicar o meu compañeiro Fermín, cando lle contei o chamado que lle fixera a Pepiño o Alcalde de Dozón (non só o chamou a el, pero hoxe toca falar del), para que votara polo Secretario que se ía presentar por outro sindicato (colaborador do Alcalde) nas derradeiras eleccións sindicais, para eliminarme ou se queredes para derrotarnos: logo de matinar un pouco, díxome: o movemento obreiro exprésase historicamente a través de asociacións, grupos, asembleas, congresos, etc. Como toda estrutura ten diferentes planos de integración e participación, hai élite ou vangarda e tamén base. A base do movemento obreiro son as relacións humáns laborais. Hai que partir do traballo ou da exclusión temporal/permanente do sistema; saber en cada caso, os factores que condicionan a existencia do traballador/a porque así a análise situa ao movemento obreiro no contexto real. Pepiño enfrontouse só a estes condicionantes e foi quén de defender a loita da dignidade do obreiro que pertence a unha clase, e con que “clase” respostou: “agora e para isto acórdaste de min, pois eu vou votar por Ana, porque é a nosa representante", espetoulle ao Alcalde, por todo iso é digno de estar no mellor da historia do movemento obreiro galego, xa me gustaría a min que moitos dirixentes souberan desta grande lección e tomaran boa nota.

Nuns tempos que hai moito aplauso e moita defensa do “renovador”, mais propio das técnicas de ventas que do coñecemento científico, onde as ciencias sociais, a dirixencia política e sindical chegan mesmo a defender ou a crerse a desaparición ou a perda de centralidade da clase obreira, un xesto, unha actitude como a de Pepiño, achéganos de novo a esencia do verdadeiro significado de ser un traballador comprometido en superar calquera forma de organización social antihumán. Aínda que cabe interpretar o seu feito como espontáneo, eu afirmo que Pepiño fíxoo porque ten grabado no máis profundo del, os valores da historia do movemento obreiro, onde a traizón a un compañeiro/a de loita non é posible no seu nivel de consciencia.

E xa para rematar quixera contar sinxelamente outra ensinanza das miñas vivencias. O clima de tensión e sufrimento que levamos vivido no Concello de Dozón non foi quén de facernos esquecer que antes de nada somos seres humanos, e aínda que entre nós teñamos algúns e algunhas que todos os días poñen o mellor de si para desmentir dita afirmación, foi Pepiño quen co seu facer, axudoume a comprender na práctica a cita do Che: “hai que saber endurecerse sen perder a tenrura” porque pese a todo o que pasamos, pese o que pasou el, sempre amosou esa faciana de humanidade, de tenrura para cos demais.

Por todo isto, moitas gracias Pepiño, que teñas moita vida e que sexas feliz, o mereces,


Asdo.: Ana Lois Navaza.



Un regalo persoal para Pepiño.Un poema de Antonio Vázquez Tierra, de Monforte de Lemos, do seu poemario “Inventario Esquencido da Esistencia”.

Un dos meirandes placeres:
ollarme no espello da vida
sen vergoña, recoñecer o xesto
satisfeito e respirar fondo
sabendo que un é aquelo
e non engañan os sentidos
cando olla ó redor complacido
de saberse cheo dunha
mirada luminosa, inxel,
que non murchou a viaxe
do tempo.


4,29/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: