Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARME FREIRE, SINDICATO LABREGO GALEGO

"Queremos vivir dignamente, que non se especule coa alimentación"

Viaxa por todo o país o "mercado da transparencia", unha iniciativa que denuncia as marxes abusivas que se aplican a produtos gandeiros.

Isabel G. Couso - 09:00 18/07/2008

As leitugas páganse a 24 céntimos ao produtor, mentres que se venden a 70 céntimos nas grandes superficies, o que supón un 300% de marxe de beneficio. No caso das patacas, a marxe é do 400%; na carne e no leite do 272%; e así unha longa lista de produtos gandeiros e agrícolas.

Contra esta realidade quere loitar o Sindicato Labrego Galego (SLG), quen vén de organizar un mercado da transparencia, para que os compradores poidan saber cal é o prezo que se lle paga ao produtor. Con esta iniciativa queren poñer de manifesto a situación de grave crise que atravesa o sector e denunciar a súa situación de indefensión. Dunha banda, porque non están estipulados uns prezos mínimos para os produtos agrogandeiros, polo que son as multinacionais da distribución quen fixan a cantidade económica que recibe o produtor, unha cantidade que sempre tende á baixa. E doutra banda, revélanse contra os monopolios nos que se está a concentrar a compra de produtos do campo.

A recepción desta iniciativa en Compostela foi moi boa, tanto que nunha hora os produtores case remataron coa súa mercancía. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, recoñece que lles sorprendeu a boa acollida do mercado transparente e comprobou que moitos consumidores están máis concienciados do que agardaba.

Medidas políticas
O Sindicato, da man da súa secretaria xeral reclama que se adopten medidas políticas para cambiar esta situación. Reclama a convocatoria dunha mesa de negociación que aborde como lle pór fin a esta crise. Ademais, queren que se modifique a lei de competencia para poder fixar uns prezos mínimos dos produtos que reflictan os custos de produción e cubran o traballo de agricultores e gandeiros. Igualmente, piden que se elabore unha lei de marxes comerciais que sexa transparente e 'que signifique que a xente saiba que parte do que está pagando vai parar ao produtor e canto hai de marxe de beneficio para os intermediarios'.


Ligazóns

4,91/5 (11 votos)

Comentarios (4)

Tino #1 18/Xullo/2008 Tino

Venderon-nos a UE como a panacea para todos os males e o único q comprovamos é precisamente todo o contrario: preços mais altos ca nunca, inflaçom desbocada, juros das hipotecas mais altos da história, rendas de agricultores e trabalhadores a rés de cham... e um futuro moi negro!

Carlinhos #2 18/Xullo/2008 Carlinhos

Colectivizaçom, cooperativismo, uniom ou extinçom. Mesmo dentro da economia de mercado (subsidiada, nom esqueçamos) tendes armas para vos defenderdes se renunciades à individualista mentalidade pequeno burguesa.

observator #3 21/Xullo/2008 observator

Mercado da mentira. Os e as poucos/as "labregas" que estaban a vender no mercado venden directamente os seus produtos, non teñen intermediarios que queden cos benefícios. É o que pasa por ter que reproducir na Galiza as campañas de COAG destinadas à horta Andaluza e Murciana. Efectivamente, como dicia Carlinhos, hai armas e mecanismos como o cooperatismo aos que o SLG adicou nas suas ponencias para o último congreso 0 liñas, nen a primeira palabra.Asi pasou o que pasou con Feiraco, con un sindicato incapaz de apresentar alternativa frente a Unions Agrárias.

signatus #4 22/Xullo/2008 signatus

#3 observator, que esses vendam directamente os seus produtos quer dizer que em Galiza essa é a situaçom dominante? Acho que nom, mas estou certo de que quem vendem directamente os seus produtos e quem trabalham com cooperativas de consumo recebem muito melhores preços e vivem em muito melhores condiçons, assi que bom era que esse modo de produzir (agroecológico), distribuír (circuítos curtos, intemediaçom mínima) e consumir (responsável: biológico, local, cooperativo...) se generalizasse.
É a hora da soberania alimentar!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: