Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Destrución do litoral

A especulación urbanística xa hipotecou a nosa costa

Colectivos ecoloxistas colocan bandeiras negras en diferentes praias e zonas costeiras denunciando os puntos máis ameazados.

Redacción - 12:00 23/07/2008

Galiza é acredora de 26 bandeiras negras e 8 puntos negros, un recoñecemento do que non compre felicitarse. Esta dubidosa distinción débella á xestión do seu litoral, afectado por verquidos contaminantes graves, agresións urbanísticas ou proxectos industriais irrespectuosos co medio ambiente. O colectivo Ecoloxistas en Acción vén de publicar o seu informe anual "Bandeiras Negras 2008" e o noso país non sae ben parado.

Coa colaboración das asociacións ecoloxistas galegas Verdegaia e a rede "A ría non se vende", advirten que o desenvolvemento insostíbel dos sectores urbanístico, turístico ou pesqueiro transformaron xa o noso litoral. As consecuencias xa as estamos a pagar, dunha banda sobre a biodiversidade mariña, e doutra sobre o propio sostemento destes sectores, é dicir, sobre a súa rendibilidade económica.

Denuncian ademais o planeamento de máis infraestruturas, entre as que subliñan o Plan de Ampliación do Porto de Vigo, o Plan Director das Instalacións Náutico Deportivas de Galiza, os Plans Xerais de Ordenación Municipal e o Plan de Acuicultura. Tamén se refiren ás verteduras urbanas e industriais, ao intenso tráfico marítimo sen control ou á sobreexplotación dos caladoiros.

Bandeiras negras
Pontevedra é a provincia máis afectada, xa que recibe 16 bandeiras (impactos irreversibles sobre o ecosistema) e 2 puntos negros (actuacións agresivas pero máis puntuais). Débese á alta explotación industrial e urbanística da súa franxa costeira. Para mostra, a península do Morrazo, onde malia a concentrarse unha das densidades de poboación máis altas, se prevé aumentar a edificabilidade até nun 80%. As bandeiras e puntos negros distribúense por Nigrán, Canido, a depuradora do Río Lagares, Bouzas, Vigo, Teis, Chapela, Rande, Redondela, Arcade, Vilaboa, Domaio, Moaña, Cangas, a ría de Pontevedra, a ría de Arousa e Sanxenxo.

Séguelle A Coruña, con oito bandeiras e dous puntos negros: en Porto do Son, Fisterra, Merexo, Camelle, Seiruga, Miño, Pontedeume, a ría de Ferrol, Valdiviño e Ortigueira. A terceira é Lugo, con dúas bandeiras e un punto negro: Barreiros, Foz e San Cibrao.

Roteiro marítimo de denuncia
Colectivos ecoloxistas, veciñais e sociais veñen de colocar físicamente estas bandeiras negras nos diferentes puntos ameazados, concretamente no litoral pontevedrés. Denunciaron así o perigo que supón a ampliación de infraestructuras como o porto de Vigo e os portos deportivos, a escasa e desaxeitada depuración das augas residuais, verteduras industriais ou os recheos.

Ademais, o veleiro Deusa Maat, de Ecoloxistas en Acción, estará amarrado estes días en Vigo e Cangas, e pode recibir visitas. Esta embarcación emprégase para analizar e denunciar a situación dos ecosistemas costeiros e conta con científicos mariños entre a súa tripulación.


Ligazóns

4.5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: