Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xogos Olímpicos

Maniféstese aquí, aquí e aquí

Beixín escolle tres parques públicos aos que se han limitar as protestas que se produzan durante as Olimpíadas.

Redacción - 19:00 24/07/2008
Protesta pola represión chinesa no Tíbet

Protesta pola represión chinesa no Tíbet

Organizar manifestacións durante os Xogos Olímpicos de Beixín non vai estar prohibido, pero quen desexe reivindicar ou protestar por algo, terá que facelo en zonas especialmente designadas para iso, que están abondo afastadas da zona olímpica, segundo dixo o director do departamento de seguridade do Comité Organizador de Beixín 2008 (Bocog), Liu Shaowu.

As áreas para se manifestar están situadas en tres parques, dous no suroeste e noroeste, e un terceiro no centro, perto da zona de embaixadas da capital chinesa. O que non se sabe con certeza é se nestes lugares (que son parecidos aos que se habilitaron en Atenas 2004) se ha poder desenvolver accións de protesta libre e espontaneamente. Liu Shaowu non o aclarou, só dixo que "segundo a lei chinesa, nós protexemos as manifestacións legais", e, a seguir, especificou unha serie de procedementos que se deben cumprir, obrigatoriamente (como especificar o lugar a hora e o motivo da manifestación) para obter a autorización da policía.

A preocupación pola imaxe de China
A China preocúpalle a súa imaxe internacional, que se viu devaluada tras a violencia que se desatou no Tíbet o pasado mes de marzo, e á que seguiron manifestacións e protestas contra China ao paso do facho olímpico por cidades coma París, Londres ou San Francisco.

A organización das Olimpíadas tenlle medo ás accións de protesta que se poidan organizar nos puntos neurálxicos da cidade durante os Xogos, que poderían ser captadas polos máis de 21 mil xornalistas internacionais acreditados, e os milleiros deles non acreditados, que estarán traballando na cidade. Por isto Beixín despregou un enorme continxente de seguridade que, ben visíbel dende hai semanas na capital chinesa, vixía, entre outros lugares, a Praza de Tiananmen, pola súa simboloxía.

China non quere que os XXOO sexan unha plataforma reivindicativa

Non o quere, pero vaille custar evitalo. Os atletas non preocupan as autoridades chinesas, porque poden botar man da Carta Olímpica (na que se pode ler que na zona olímpica as actividades propagandísticas, comerciais e non comerciais non están permitidas, entre elas as de "propaganda étnica, política ou relixiosa"), mais si os xornalistas ou o público, e mesmo os estranxeiros residentes no país (nos últimos días endureceuse a política de concesión de visados e mesmo se implantaron controis nas estradas de acceso á capital) ou os propios disidentes chineses (moitos deles foron detidos nas últimas semanas).

Mais, ao parecer, moitas organizacións internacionais e cidadáns, de xeito individual, teñen preparada unha viaxe a Beixín para aproveitar que vai ser o centro de todas as olladas (cámaras), para dicir alí o que queren que o mundo oia. Entre outras cousas, críticas á política chinesa con respecto a Darfur (Sudán), con respecto ao control da prensa, á falta de liberdade relixiosa no país asiático ou a vixencia da pena de morte, asuntos, todos eles, que xeran todo tipo de reaccións entre os activistas dos dereitos Humanos, e tamén nos gobernos dalgúns países.


3.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: