Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Novo trasacordo co plan de normalización

O PPdeG sae contra o respecto á lingua no comercio

Feijoo avisa de que se chega á Xunta derrogará a Lei de Comercio Interior de Galicia, en fase de anteproxecto, debido ao apartado introducido sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores.

Redacción - 18:30 28/07/2008

Outra vez desde o PPdeG cargan contra unha medida do Goberno que desenvolve unha das recomendacións estabelecidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado coa unanimidade das forzas parlamentarias hai xa case catro anos, paradoxalmente, durante o último goberno do PP con maioría absoluta na Cámara.

Desta volta, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, anunciou este luns que no caso de que a lei de comercio interior sexa aprobada no que queda de lexislatura "sen modificar o seu contido", o seu partido derrogará a norma se gaña as próximas eleccións. O PP interpreta que se trata dunha norma que "no canto de promover impón". "O cidadán empresario cando se dirixe aos seus clientes a través de letreiros, catálogos, facturas, etc., se o fai en castelán debe adherir obrigatoriamente ao texto en castelán unha tradución en galego do que ten escrito", opina Anxo Bernardo Tahoces, voceiro de Industria do grupo parlamentario do PPdeG, "se no letreiro, catálogo ou factura non hai espazo suficiente para ambos os dous textos, o empresario ten que elixir", engade.

Así, e segundo a interpretación de Tahoces, "en Galiza no ámbito da actividade comercial privada, redactar soamente en galego é legal, e redactar soamente en castelán é ilegal". Xa que logo, o voceiro de Industria considera que a través desta norma "a utilización do castelán como lingua única na rotulación" poderíase sancionar con cantidades "de até 30 mil euros".

De paso, o PP critica que o Goberno non promova "un plan de apoio ao sector comercial" en tempos de crise económica, e acúsao de "importar medidas inspiradas en Cataluña ou Baleares". Di Feijoo ao respecto que a Xunta esquece "o escenario de bilingüismo cordial que tradicionalmente se rexistrou en Galiza".

O galego no comercio, un valor subliñado polo Plan de Normalización
En 2004, o texto saído do Parlamento co apoio unánime de todos os deputados, incluídos os do grupo que daquela sostiña o Goberno, o PP, foi claro á hora de incluír recomendacións específicas en favor do galego no ámbito comercial. O documento parte neste ámbito da vontade de promover o estabelecemento da "oferta positiva de atender o cliente en galego como práctica comercial habitual". De paso, salienta os "baixos índices de rexeitamento" na poboación ao seu uso empresarial.

Como obxectivo específico, o Plan de Normalización apunta a necesidade de "dar os pasos necesarios para ampliar a base legal do uso comercial do galego". De xeito concreto, o texto propoñía por exemplo crear xunto co Consello Galego de Consumidores, "unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios".

No mesmo sentido, a norma chama a "resolver os problemas xurídicos" que puidese haber e que dificultasen ou impedisen o uso do galego no sector económico. Á beira, outro dos puntos mesmo chamaba a instalar en todos os organismos públicos e en lugar visíbel "un cartel que informe do dereito do cidadán e consumidor a expresarse oralmente ou documentalmente en galego".

O artigo que non acepta o PP:

Artigo 8. Dereitos lingüísticos das persoas consumidoras
1. O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras. Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada.

2. A sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos para as persoas consumidoras dos establecementos abertos ao público deben ser redactados, ao menos, en galego. Esta norma non se aplica ás marcas, aos nomes comerciais e aos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.

3. Os poderes públicos galegos garantirán o exercicio dos dereitos establecidos nos parágrafos anteriores e para tal fin, prestarán todo o asesoramento que, no seu caso, for preciso.


5/5 (10 votos)


Comentarios (25)

ranciadas #1 28/Xullo/2008 ranciadas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pero que credibilidade ten este señor , que un día fala de dobre nacionalidade (galega e española) e outro que rexeita a lei de comercio. De que vai?

JoeMarrone #2 28/Xullo/2008 JoeMarrone
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E nin sequera é un texto moi ambicioso no fomento da lingua, ainda que xa é un paso. Que dirán cando se lancen outras medidas?

galeguzo #3 28/Xullo/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Feijoo está cheio de contradições consigo próprio e com o seu partido. Acho que Vieiros devia intentar fazer-lhe uma entrevista em profundidade para o deixar com o cu ao ar.

Gaias #4 28/Xullo/2008 Gaias
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esto e o que entenden eles por GALEGUISMO.
Mais eu lembro que os de GB e o manifesto da "lengua comun" pedia o mesmo para os castelan falantes na administracion. E decir que sexan atendidos na sua lingua.
Pero claro, eles defenden o bilinguismo nos ambitos donde o galego ten presenza (Xunta, administracions e concellos), non donde esta discriminado (empresarial, laboral, miedios de comunicacion,etc).
E no ensino queren o apharheid, pq claro os nenos galegos non poden aprender mais dunha lingua, sobre todo se esta e a propia da sua comunidade. Pq contra o ensino en ingles e frances non protestan, nin ver ameazados os seus dereitos.

dumiense #5 28/Xullo/2008 dumiense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O PPdeG non sabe aínda o que lle convén máis para gañar votos, resultado: unhas veces apoiamos ao galego e outras non, así chupamos votos de todos os sitios, como ao fin e ao cabo a xente non se entera de nada.

lavesedo #6 28/Xullo/2008 lavesedo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

pois a min non me chista o feijoo pero a lei esa tampouco moito. Póñovos un exemplo: eu teño un negocio calquera, se son galego falante e NON penso atender en castelán cliente ningún que comprenda o meu idioma, -poño por caso o veciño facha cabrón que é da aldea pero quere ser atendido en castelán-, neste caso... incumpriría o artigo 8, parágrafo 1 desta lei: "O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras". Multaríanme, xa que logo???
Eu só pido poder falar no meu idioma no comercio, despois xa escollerei como cliente o sitio onde me traten mellor, agora forzar os galegofalantes a atender en castelán e os castelánfalantes a facelo en galego non me parece nin medio normal...

crunha #7 28/Xullo/2008 crunha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ao final pode ser boa cousa esta forma de actuar do PP en Galicia. Pode que perda os votos "galeguistas" que Fraga conseguira apañar, e ademáis os españolistas seguirán sen estar contentos con el. Coma os ultranacionalistas españois de LibertadDigital que o acusan de nacionalista galego.

Gaias #8 28/Xullo/2008 Gaias
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que quere Feijoooooo e ser galeguista e antigaleguista segundo a clientela. Na COPE e antigaleguista, nun mitin en Ourense ou o dia da patria galega e o maior galeguista, cando apoia os de Galicia bilingue nas suas manifestacions e antigaleguista e defende o apharheid linguistico, mais se hai que reunirse con escritores galegos, academicos ou ir a TVG emprega so o galego.

Biosbardos #9 28/Xullo/2008 Biosbardos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non lleve vexo o problema. Cada persoa que atenda aos cliente como queira. Se quere atendelo en castelán que o faga. Se quere atnedelos en galego que o faga. Se quere rotual nunha noutra ou nas dúas que o faga. Agora ben, obligar por lei a falar en galego é un atentado contra os dereitos dos catelanfalantes ¿Existe algunha lei que obrigue as persoas a rotular en castelán ou atender en castelán? Penso que non, facédemo saber se estou trabucado. Os de Vieiros coas súas campañas de adoutrinamento ás veces cágana demasiado.

crunha #10 28/Xullo/2008 crunha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#9 Penso que a lei só "obriga" a que os comerciantes teñan a capacidade de atender á xente tanto se lles fala en galego coma se o fai en castelán.
A verdade que si o que fai e obrigar a falar o idioma do cliente non sei se me parece moi ben. En calquera caso sería unha "imposición" dos dous idiomas, non só do galego!
O que si que me parece moi ben é que se obrigue a rotular polo menos en galego. Que menos, estando en Galicia.
E non esquezas que son medidas para apoiar a unha lingua que está en inferioridade de condicións co castelán. É como se ves unha discriminación que dean bolsas de estudos "só" aos que teñen menos cartos.

pedrochosco #11 28/Xullo/2008 pedrochosco
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ten toda a razon levesendo, pois eu teño un pequeno negocio e se non me da a gana de atender a algun coma feijoo, en castelan, vanme multar?

Corunhes #12 28/Xullo/2008 Corunhes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu acabo de ler o anteproxecto que está na páxina web da consellería, e o único artigo que fala da lingua é o art. 8, que di exactamente o que está escrito aí arriba.

Do punto 1 do artigo, o único que se deduce é que en todolos comercios terá que haber alguén que entenda galego (nin sequera que o fale), pero nin obriga a responder na mesma lingua, nin que a todolos traballadores coñezan o galego.

O de responder en galego aos que falen en galego é un bulo que inventaron os da Coz (ou ao mellor é que eles non saben ler en galego e non entenderon o anteproxecto de Lei). De feito Feijoo, que polo menos a ler chega, non criticou o punto 1, tan só o punto 2, o dos carteis en galego.

seire #13 28/Xullo/2008 seire
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois a min paréceme ben que se obrigue a falar en galego aos clientes galegofalantes e en castelán aos que falen castelán. Onde está o problema?. O que debería ser natural, o que os comercios deberían ter como cortesía cara os clientes non se está facendo de xeito "natural" e espontáneo pola gran maioría dos establecementos e empresas deste país,que usan maioritariamente exclusivamente o castelán.
Porque cada vez que vou a unha tenda me sinto discriminado con respecto ao cliente do meu lado porque non se me responde na miña lingua, mentres a el si se lle responde na súa: o castelán? Que pasa que ese cliente é máis respectado ca min?
Onde está a cortesía do comerciante e o seu respecto polo idioma de parte dos seus clientes?
Quen é o que quere vender os seus produtos?, quen é o que se ten que adaptar a quen, o comercio ao cliente ou o cliente ao comercio?
Acaso se un comercio abre unha tenda en París ou en Roma, non empregará as linguas propias deses territorio? Porque en Galicia non acontece o mesmo e se empregan os dous idiomas? Eu precisamente levo máis de 6 anos traballando nunha empresa que ten por política precisamente esta, a cada cliente responderáselle na súa lingua. E como galegos, coñecedores dos dous idiomas, ningún dos traballadores desta empresa temos ningún inconveniente en falar unha lingua ou a outra cos cliente, sen menoscabo ningún da nosa liberdade de idioma ao falarmos dentro da empresa na lingua que queiramos. Non hai que confurdir o dereito que temos como traballadores a empregar a lingua dentro da empresa, co dereito dos clientes a seren atendidos na súa, e como forma parte da "política lingüística" que toda empresa debería ter neste país ou en calquera onde convivan máis dunha lingua.
Só os monolingües son os que poñen sempre impedimentos, porque por comodidade, por autoodio, ou por pura lacazanería, non queren aprender a lingua do outro, faltándolle ao respecto a moita xente deste país.

Non teño moita fe nesta lei, nin que a súa aprovación se leve a cabo tal como está feita, a verdade, pero agardo que se aprove e que sirva para acabar unha vez máis con moitas actitudes imperialistas, insolidarias e nada tolerantes de moitas persoas que residen neste país quen confunden os dereitos propios cos dereitos dos demais.

Saúde e mil primaveras máis para a nosa lingua galega!

Saúdos.

Dogma #14 29/Xullo/2008 Dogma
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

LEI QUE NON LEBA A NADA..

Estes Popularicheiros... "se no letreiro, catálogo ou factura non hai espazo suficiente para ambos os dous textos, o empresario ten que elixir"...

Na miña opinión "nunca vai a xistir espazo suficiente", asi que todo vai a quedar como agora, asi que... se decidirá en castelan que parece que os que programan as maquinas non saben a escrita galega.

Tino #15 29/Xullo/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E kerian pactar co BNG nas municipais e supostamente no novo governo da Xunta?
FEIXOO ANTIGALEGO: DEMITE-TE

krauzer #16 29/Xullo/2008 krauzer
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O apelido do Sr.Alberte non é español, o meu tamén non.A diferenza entre "canto costa ?" e ¿cuanto cuesta" (as variantes posíbeis serian igualmente válidas) e, alomenos no contexto comercial, comprensibel para o máis nugallán ou para o maior paspán entre os máis parvos dos testaráns, daquí e máis dacolá. O desprezo e desleixo cos galego falantes teñen apañado no silandeiro ámbito comercial é infinito: malia a secularización lingüística lembro moi ben o desprezo dos profesionais do comercio na cidade de Ferrol para todo aquele que dirixía a eles en galego. Todo un repertorio de abraiante estratexia de marqueting baseado no desprezo.E non pasou nada. Porque había quen cedía e mesmo premiaba con algunha compra.E van para varios séculos de cesión permanente.Acontece ca estes comerciais pasado o tempo ainda non son quen de se dirixiren ao cliente na súa língua, quero dicir, na do cliente, ese que sempre leva a razón. Nos supermecados da Costa Brava ou de Mallorca xa se dirixan ao cliente directamente en inglés ou alemán.

rockandroll #17 29/Xullo/2008 rockandroll
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

biosbardos, estás nos ídem. De verdade que flipo com o teu absoluto desconhecimento de qualquer tema, sobretudo no que di respeito da língua. Nom te inteiras nem de meia, meu.

condedecotobade #18 29/Xullo/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un café con xeo, por favor,
Con que?
Con xeo
Ah! con hielo!

Cantas veces terame pasado isto?
A min paréceme ben que obriguen a comercios dunha determinada superficie a ter algún empregado/a que entenda galego. Penso que iso debera estar axcompañado doutras medidas en positivo como que pagasen parte dos carteis dos estabelecementos que empregasen a denominación en galego tipo perruquería/aria (non quero crear polémica con iso)pero non me parece que vaia moi desencamiñada a lei. Iso si, vanna aproveitar os españolistas (PP e PSOE) para dar caña eleitoral, diso estou certo.

papeiro #19 29/Xullo/2008 papeiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Biosbardos é un simple ignorante -existe esa lei, e hai quen pagou por non cumprila-, o grave é que ademais atrévese a desprestixiar a Vieiros por publicar informacións ás que desde a súa escasa información pode replicar. Un xenuino galego sumiso!

molondron #20 29/Xullo/2008 molondron
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Cartelería, facturas, prezos, publicidade; o normal, tamén en galego.
Por qué o que é normal en Euskadi ou Catalunya non se cumpre aquí?
Se visitamos, por exemplo, en Bilbao o Corte Inglés, a Fnac, o Carrefour, pequeno comercio por toda a cidade o bilingüísmo escrito e totalmente normal.
Aquí todavía andamos nestas, e así nos vai...

Gaviotero #21 29/Xullo/2008 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Titular falso. El PPdeG está contra la imposición y el totalitarismo fascistoide del gallego.

LOIS_DE_SILAN #22 30/Xullo/2008 LOIS_DE_SILAN
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"1. O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras."

Imaxinádesvos que dixera o contrario ... ou case!?: o exercicio da actividade comercial poderase levar a cabo con violación parcial ou total dos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras (!!??).

Quero dicir con isto que ese eventual precepto non engade nada ó ordenamento xurídico preexistente. O realmente relevante évos o contido ou o que se ha de entender por "dereitos lingüísticos".

"Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua OFICIAL empregada."

Ó meu entender o de "oficial" sobra; non só porque unha interpretación en senso contrario podería facilitar a interpretación de que si poden ser discriminados os usuarios de linguas non oficiais, senón asemade porque é moi desexábel que dentro das "persoas consumidoras" tamén estean o maior número posíbel de aquelas que descoñezan as linguas oficiais.

Por outra banda, a este inciso do eventual precepto élle tamén aplicábel o criterio da redundancia. Imaxinades que dixera: algunhas persoas consumidoras poderán ser discriminadas ou atendias incorrectamente por mor da lingua que empreguen.

Aquí o relevante évos o concepto de discriminación lingüística, que se deixa como concepto xurídico indeterminado para que sexa precisado pola grea de xulgadores iuslingüisticamente analfabetos da xurisdición española.

"2. A sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos para as persoas consumidoras dos establecementos abertos ao público deben ser redactados, ao menos, en galego. Esta norma non se aplica ás marcas, aos nomes comerciais e aos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial."

Aquí xa se entra, certamente, no contido dos dereitos lingüísticos e mais no do concepto de prohibición de discriminación por mor de lingua: na Galiza na súa lingua territorial propia coma en Castela na súa coma en ... na súa; SEN PREXUÍZO de usarmos amais linguas alleas con quen lexitimamente aínda descoñeza a territorial propia.

Como doadamente se pode constatar eses condicionamentos lingüísticos para o desempeño da actividade comercial nin abordan o uso oral nin o dos documentos contábeis.

Nunha comunicación cun órgano público na Galiza (ou desde A Galiza cun órgano público con potestades sobre A Galiza) o uso do castelán só está xuridicamente permitido se o particular descoñece lexitimamente (porque non tivo tempo ou oportunidade) a lingua oficial propia do territorio; mais, no comercio non procede contrariar as "persoas consumidoras" que pretendan usar unha lingua allea esixíndolles acreditación do lexítimo descoñecemento da territorial propia (o cliente sempre ten a razón!).

"3. Os poderes públicos galegos garantirán o exercicio dos dereitos establecidos nos parágrafos anteriores e para tal fin, prestarán todo o asesoramento que, no seu caso, for preciso."

Como o lexislativo autonómico non asesora, e os órganos xurisdicionais tampouco, serian órganos do executivo (Xunta, Concellos, ...) os encargados dese asesoramento. Mais, para a tutela do "rigoroso respecto dos dereitos lingüísticos" non abonda con asesorar. A batalla aínda está pendente fronte ós xulgadores analfabetos en iuslingüística e mais fronte ós tamén inexistentes iuslingüistas "asesores" dos executivos galegos.

Cales son os dereitos en xogo?

"As persoas consumidoras" que lexitimamente non deberan descoñecer a lingua propia do territorio teñen o dereito/obriga de se expresaren en galego e de teren toda a información nesta lingua (agas circunstancias especiais iocandi causa ou outras): cartelaría, recibos, facturas, etiquetaxe, explicacións ...

"As persoas consumidoras" que lexitimamente descoñezan a lingua propia do territorio teñen o dereito de se expresaren na lingua allea correspondente e mais a seren atendidos (explicacións) nalgunha lingua allea (nomeadamente o castelán) comunmente coñecida, aínda que sexa de xeito parcial, polos interlocutores. Sen prexuízo do dereito a todo tipo de explicacións nesa, de ser o caso, lingua comunmente coñecida non teñen dereito a documentación na lingua allea.

Dogma #23 30/Xullo/2008 Dogma
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

EU XA ESTOU FARTO...

Eu xa ando farto de chegar a un comercio e o facha de turno me espete nos fuciños "perdón no le entiendo en gallego, si quiere vaya a la aldea".

E tenme pasado mais dunha vez, se non con ise comentario que so me ocurreu no Ferrol si con outros "moi loaces".

Dogma #24 30/Xullo/2008 Dogma
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

GAbi o titular non é falso, o que non quere o PP é que unha cousa tan normal coma que te poidan atender na tua propia lingua se lebe a cabo.

É isto é un problema moito mais complicado do que a tua propia cabeciña pode dar de si, soio tes que ir as Baleares, e xa non é que non te atendan en Catalán, é que nin te atenden en Castelan en moitos lugares que soio saben falar Aleman ou Ingles.

O que ven a decir o PP é que demos libertade ¿DE QUE?... e todo por unha falsa idea de que aqui andaráamos mellor se todos falaramos castelan cando o certo a idea real é que aqui andariamos mellor se os galegos non existiran e soio existiran os españois, o que eso si NON SE ATREBEN A DECIR, porque se non ¿A ONDE IRIA ESE GALEGUISMO?...

antoniosilva959 #25 28/Agosto/2008 antoniosilva959
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se no parlamento Europeu oralmente o Português e o Galego são a mesma língua porque será que o Estado espanhol através da RAG quer isolar o galego na norma escrita e não aceita o padrão internacional? E gasta milhões de Euros dos nossos impostos a criar um dialecto padrão isolasionista artificial?

É uma questão política com receio da Galiza ganhar autonomia e chegar à independência.
Porque a nossa língua ao contrário do catalão e basco por exemplo tem uma dimensão mundial sendo falada em todos os continentes por cerca de 300 milhões de pessoas e é oficial em 10 países incluindo a Região Autónoma de Macau na China.
Acresce ainda o facto que sem ser idioma oficial é também a língua materna falada e escrita de milhões de pessoas de territórios em vários continentes, com destaque para a Índia no antigo Estado Português da Índia ( Goa, Damão, Diu, Dadrá e Nagar-Aveli) que foi português durante 5 séculos.
É também língua oficial das principais organizações mundiais como na União Africana (onde o espanhol não é), no Mercosul e na União Europeia onde oralmente é reconhecido como galego.
O galego e o português foi a mesma língua oficial falada e escrita em Portugal e na Galiza até os castelhanos a terem extinguido oficialmente na Galiza. Só a reintegração da nossa língua materna faz acabar com a colonização linguística dos galegos. A RAG tenta impor definitivamente a colonização castelhana da língua e isolar os galegos dos povos que falam a nossa língua materna. Tudo porque se teme das vantagens económicas e culturais que a Galiza obtém por entrar num mercado de cerca de 300 milhões de pessoas. Por isso todos os galegos e galegas se devem opôr ao dialecto “portuñol” da RAG. Nós temos como língua materna uma das mais importantes do mundo, não precisamos de a trocar por um dialecto criado artificialmente pela RAG para nos isolar no mundo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: