Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACS ingresará 2.785 millóns pola operación

Gas Natural pon na mesa 16.750 millóns para facerse con Fenosa

O presidente da Xunta di entender que o capital galego aproveite para saír collendo plusvalías.

Redacción / EP - 09:30 31/07/2008

Gas Natural acordou este mércores adquirir a participación do 45,3% de ACS na eléctrica e lanzará posteriormente unha Oferta Pública de Adquisición (OPA) sobre o 54,7% restante. Estas dúas operacións realizaranse en efectivo, a un prezo por acción de 18,33 euros. Para isto, a gasista catalá terá que desembolsar até 16.750 millóns de euros para facerse co 100% da eléctrica. O volume da nova empresa vaina converter na terceira a nivel estatal.

O prezo ofrecido implica unha prima do 15% sobre o prezo de peche do martes 29 de xullo de 2008 e do 29,4% sobre o prezo medio de Unión Fenosa durante os últimos doce meses. Ademais, implicará unhas plusvalías de 2.785 millóns a ACS, que comprou a súa actual participación na eléctrica en varios movementos a un prezo medio por acción de 11,6 euros.

Operación en tres fases
A operación realizarase en tres fases. Na primeira, a gasista catalá comprará o 9,99% de Unión Fenosa por 1.675 millóns. Posteriormente, unha vez obtido o visto bo da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) e das autoridades de competencia, comprará o 35,3% restante por 5.915 millóns, até alcanzar o 45,3%.

Por último, lanzará nun mes un OPA sobre o 54,7% restante de Unión Fenosa, en cumprimento coa normativa actual, que obriga ao lanzamento dunha operación de compra sobre o 100% ao superarse o 30% dunha sociedade cotizada. O prezo de 18,33 euros por acción acordado descontarase do importe bruto equivalente de calquera dividendo ou distribución aos accionistas de Unión Fenosa que se producise con anterioridade á adquisición. No tempo, ese proceso implica que o peche da compra ao 100% non chegue até a primavera de 2009.


A operación conta co apoio dos dous accionistas de referencia de Gas Natural, que son Criteria Caixa Corp (La Caixa) e Repsol, os consellos de administración da cal ratificaron o seu apoio a esta. A empresa catalá conseguirá deste xeito culminar con éxito unha operación que non foi quen de completar en 2003, cando o intentou sobre Iberdrola, e en 2005, cando non puido mercar Endesa.

Touriño resígnase a saída do capital galego
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumiu este mércores que para os galegos con participación en Unión Fenosa ampliar o seu capital "ten neste momento un custo tan alto", que posibelmente "preferirán recoller plusvalías". "Permítanme que non pase de aí, para dicir iso teño información puntual e rigorosa", asegurou Touriño, "ese é o punto no que estamos".

En declaracións aos medios e preguntado pola operación, o titular do executivo engadiu que, de concretarse a compra da totalidade de Unión Fenosa, "quedaría configurado un grande grupo enerxético", e reiterou que para os accionistas galegos na eléctrica tomar máis posicións é "altamente dificultoso".

Neste momento a presenza de Galicia no conxunto de accionistas de Unión Fenosa redúcese a un 10%, do que Caixanova ten un 5%, Caixa Galicia algo máis do 3% e Banco Pastor pouco menos do 2%. Os tres conseguirían cuantiosas plusvalías se venden estas participacións.


5/5 (3 votos)


Comentarios (6)

Neo #1 31/Xullo/2008 Neo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Do texto do ler-se: "... que posibelmente "preferirán recoller plusvalías"." Não ficaria melhor a forma mais-valias, tendo por base a genuína forma galega mais?

Do Priberam,
mais-valia, s. f.,
aumento do valor de um bem ou de uma mercadoria, em resultado de factores estranhos ao proprietário;
diferença entre o preço de custo e o preço de venda;
na economia marxista, o suplemento de tempo de trabalho não remunerado que é fonte de lucro capitalista.

tururu #2 31/Xullo/2008 tururu
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

moito pensan as caixas no país, farán "caixa" e fuera

DanielErreCe #3 31/Xullo/2008 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A min xa me dá igual que o capital de Fenosa sexa galego ou pernambucano... o que debería de facer a Xunta é publicar o estado actual e os rendementos históricos das concesións dos encoros e dos parques eólicos e esixirlle ás eléctricas que pagen á sociedade por explotar recursos naturais públicos. E ese pagamento podería ser, por exemplo, en especies, baixando o recibo da luz a particulares e a empresas. Unha rebaixa no custo da enerxía podería atraer outros investimentos industriais, pois o custo enerxético non é un gasto menor. Ademais, deses ingresos se podería destinar unha parte importante a planos medioambientais, como depuradoras (xa vai sendo hora de liscar as augas depuradas nas rías) e consolidación de zonas protexidas.

Deberíanse esixir estes impostos a unhas empresas (Fenosa, Endesa, Iberdrola) que teñen uns beneficios astronómicos en base a concesións de recirsos públicos. Beneficios que logo invisten onde lles peta sen reverter un peso no desenvolvemento do país. Eis, señor Touriño (e políticos en xeral), o plan que debería(n) estar matinando.

remexendo #4 31/Xullo/2008 remexendo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ala vai Reganosa para o carallo. Vai vai que te leve o demo, vai vai que te vai levar

Calidonia #5 31/Xullo/2008 Calidonia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Espartano, where are thou?

Barcelos #6 31/Xullo/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Volvemos ao pasado. O gas volve substituír á luz eléctrica.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: