Os ex-todopoderosos xenocidas que estenderon nos anos 70 o terror e a morte na provincia de Tucumán, ao norte do país austral, foron sentenciados a cadea perpetua. Son Antonio Bussi e Luciano Benjamín Menendez. Con todo, a Xustiza non os mandou a un cárcere normal.
A Xustiza da provincia arxentina de Tucumán condenou este xoves os represores Antonio Bussi e Luciano Benjamín Menéndez a prisión perpetua pola desaparición do ex-senador provincial Guillermo Vargas Aignasse no ano 1976. Tras coñecerse a sentenza, rexistráronse incidentes cando se dispuxo que os ex-militares non fosen trasladados a un cárcere común.
Bussi e Menéndez foron condenados a prisión perpetua e inhabilitación absoluta e perpetua por asociación ilícita, violación de domicilios e privación ilexítima de liberdade, imposición de tormentos agravados e homicidio agravado por aleivosía polo concurso premeditado pola participación de dúas ou máis persoas co fin de actuar con impunidade.
Os maxistrados decidiron diferir o pronunciamiento sobre a forma de condena de prisión imposta aos imputados, manténdose até esa instancia a modalidade de cumprimento da prisión preventiva vixente que no caso de Bussi é arresto na súa propia casa.
Esta situación causou malestar entre os manifestantes de dereitos humanos que esperaban a sentencia fronte á sede do Tribunal Federal Oral de Tucumán e que pretendían que se dispoña o traslado de Bussi e de Menéndez ao cárcere de Vila Urquiza para que cumpran a condena xunto con presos comúns.
Antes da sentenza, os represores defenderon o seu proceder durante os anos 70 e repetiron que a Arxentina "padecía unha guerra", ao falar antes de que se escoitase a decisión dos xuices.
O primeiro en opinar foi Bussi, quen asegurou: "A pesar de non ser os meus xuíces naturais, teñen a honra de ser maxistrados do lugar que foi berce da independencia e sepulcro da subversión marxista-leninista. Xunto a soldados combativos, derrotamos na Serra Mestra arxentina a agresión que perseguía converter ao país nun satélite soviético”.
Bussi dixo que se sente “un perseguido político dos derrotados do pasado nun combate xusto", ao referir a avanzada ilegal das forzas militares do Estado contra todo quen que non pensase coma eles e que rexeitase a implementación dun modelo socio-económico que levou á pobreza a millóns de arxentinos.
Decontado, falou Menéndez, que manifestou que, desde 1960, a Arxentina "padece as consecuencias da peor das guerras, a silenciosa, a revolucionaria, que é global, inexorable e permanente".
"A Arxentina ostenta o dubidoso mérito de ser o primeiro país na historia que xulga os seus soldados vitoriosos, que loitaron e venceron por orde e para os seus compatriotas”, dixo procurando unha xustificación militar a unha guerra que nunca existiu.
O fiscal Terraf solicitara que os represores fosen condenados a prisión perpetua por formar parte dunha tiranía que, tras o golpe de estado de 1976, dedicouse a aniquilar a quen pensaba diferente. "A Arxentina padeceu unha tiranía, que despregou un plan organizado de terror, que tiña por obxectivo eliminar o que pensaba distinto de quen exercía o poder. Bastaba coa simple disidencia de pensamento, non de acción, para ser vítima do terrorismo xenocida", aseverou.
A pesar da sentenza, a situación xudicial de Bussi e Menéndez non termina agora, porque ambos están imputados noutras 600 causas por violacións aos dereitos humanos.