Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADEGA DENUNCIA QUE SE TRATA DUN ESPAZO PROTEXIDO

A polémica urbanización da Frouxeira, en Valdoviño, seguirá adiante

O Concello aprobou a continuidade do proxecto de construción de 69 chalés e un hotel a poucos metros da costa lindando cun espazo protexido e un castro.

Marcos S. Pérez - 14:00 16/09/2008

A parcela na que 'Construcciones Gallegas, S.A.' pretende construír a polémica urbanización inclúese na súa totalidade no LIC Costa Ártabra, parte da Rede Natura 2000. Diversos grupos medioambientais, encabezados por Adega, desenvolveron nos últimos meses diversas accións diante da administración local e galega para procurar a paralización do proxecto. O terreo linda con zonas Zepa (Zona de especial protección para as aves ) e Ramsar (convención internacional que protexe os humedais) e ademais sitúase a escasos metros do castro da Frouxeira.

Este luns o pleno do Concello de Valdoviño debateu a legalidade do proxecto, a instancias do grupo municipal do BNG. O grupo de goberno do Concello, gobernado por Terra Galega, asegurou a continuidade dos traballos, malia ás críticas. En realidade, tanto a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellaría de Política Territorial como o Concello de Valdoviño coinciden en que a obra "non se podería facer hoxendía", pero que debido a que obtivo autorización antes da aprobación da lei de protección do litoralm "atópase dentro da legalidade". En concreto, o edil de Urbanismo, Gonzalo Doce, afirmou no pleno que ao día seguinte de presentar o BNG a denuncia, "reunímonos co equipo técnico para saber se había algunha cuestión que obrigase a paralizar a obra e dixéronnos que non".

Adega denuncia que en ningún momento puido acceder a esa documentación que constitúe a base da argumentación do Concello e da construtora. Adega esixiulle en varias ocasións á Consellaría de Medio Ambiente que levase a cabo estudos de impacto ambiental e que realizase a preceptiva consulta perante a Unión Europea, á que segundo a organización ambientalista, a administración galega está obrigada, debido ao carácter protexido do espazo. Medio Ambiente aduciu que a parcela se atopa incluída na súa totalidade "nun ámbito de características urbanas". Porén, Adega afirma que a cualificación do chan é de 'rústico especialmente protexido de interese patrimonial', debido á existencia no seu interior dos restos castrexos, polo que en aplicación da Lei 9/2002 (de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza), están tamén especialmente prohibidos os usos residenciais e industriais. Esta área de protección está fixada nas Normas Complementarias e Subsidiarias provinciais nun mínimo de 200m de radio.

Nos últimos meses Adega denunciou que a licenza para o proxecto de urbanización (aprobado en 2003) tiña un prazo de execución das obras dun ano, e xa que logo, cumpría tramitar novamente a documentación urbanística. Malia a carecer desta autorización, a construtora escavou unhas fondas gabias no espazo dunar, o que foi cualificado por Adega como "outro exemplo máis da estratexia de feitos consumados" que se vén realizando en distintos espazos protexidos do país coa intención de explotalos economicamente.

Nas vindeiras semanas o BNG levará o caso aos tribunais, presentando un recurso contencioso-administrativo. Con todo, este tipo de medida non asegura a paralización das obras e mesmo se a protesta tivese éxito, a resolución podería tardar varios anos.


4,91/5 (11 votos)


Comentarios (8)

Carlinhos #1 16/Setembro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"A min chaman Todo-mira,
senhora do gran tesouro;
por estrela clarecida
jago neste Val[dovinho]
Mais treidor foi que un mour
o vilán que me vendeu"

lura #2 16/Setembro/2008 lura
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Manuel Vazquez, conselleiro de medio ambiente: DESTITUCIÓN
Ánxela Bugallo, conselleira de cultura: DESTITUCIÓN

Eurico #3 16/Setembro/2008 Eurico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que auténtica vergoña..........., se unha urbanización pode situarse a escasos metros do mar, sobre terreo arqueolóxico e nun sitio de protección natural, Onde raios é que non se pode edificar?¿.

Por certo, ¿é verdade que tras ese pelotazo está o concelleiro de urbanismo (que é constructor por certo) e o mesmisimo Xoán Gato (TEGA e socio do anterior) como escoitei?

Hermerico #4 16/Setembro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tierra gallega caciques.
E vistes a fot?, os picolos como sempre amparando o delito

Outro #5 16/Setembro/2008 Outro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver se nos informamos un chisquiño rapaces. A licenza de obra foi concedida no ano 2003 pola antrior goberno municipal articipado por Centristas, PSOE e Bloque. A culpa de que non se poda paralizar é da incompetencia ou neglixencia das consellerías de Polírica Teritorial e Medio Ambiente (PSOE) que din que está todo en regra, e da de Cultura (BNG) que simplemente non se entera e non di nada. Ademáis no pleno de onte a alcaldesa (Terra Galega) comprometeuse a pedir novos informes sobre o tema e c´nstame que fará todo o posibel porque non se leve a cabo, así que basta de acusar sen fundamento, os culpabeis por acción ou omisión son o PSOE e o Bloque que coma en tantas outras cousas están na horta e non ven as berzas (ou non lles interesa velas.

Xistral #6 17/Setembro/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Quen se ten que informar un pouco é alcaldesa de Valdoviño que cando empezaron os camións e as excavadoras a traballar alí xa fai tempo cando lle preguntaron pola cuestión dixo que non sabía nada (e os camións pasando continuamente pola estrada da Robaleira. Eu estaba alí porque todos os anos paso bastante tempo en Valdoviño no verán.
Por outra parte os primeiros que deron a licenza xa a deron ilegalmente porque simplemente ao ser chan rústico debería cumprir a lei dos 100 metros ao mar, que non cumpre. Non podería ser chan urbano porque non tiña as características necesarias en saneamento e servizos que ten que ter ese tipo de chan. Non ten esas características nin a parte de baixada a praia donde están todos eses garitos de mal gusto e todos ilegais. Xa non digamos onde está o bar Saiña e o mamotreto de ladrillo a medio acabar que está ao lado. É tan ilegal que non poden acabalo, pero o incrible é como chegou até ese punto. Agora ou que deixen acabalo ou que o derriben, pero dá noxo.

Hermerico #7 17/Setembro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Menos caralhadas legalistas , estám tod@s no alho, se quixessem encontrariam a forma de pará-lo, que para incumprir a sua lei impunemente nunca há entraves.

Xistral #8 17/Setembro/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estou de acordo Hermerico. Desde logo se se quere parar párase

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: