Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA ITALIANA (III)

A Italia federal: fiscalidade e reforma do Estado

O profesor Manuel Ángel Candelas fainos outra entrega da súa visión da realidade social e política italiana.

Manuel Ángel Candelas - 09:15 04/10/2008

Unha das eivas no programa de goberno da esquerda, recoñecida polos seus propios membros, se ben tras a derrota da primavera, é a renuncia, case histórica,  a tratar a cuestión territorial. A paulatina incorporación dos movementos nacionalistas (chamados a sí mesmos en Italia secesionistas) nos gobernos rexionais, provinciais e locais non foi suficiente para que os partidos de signo esquerdista abordaran o asunto da estructura do Estado ou, en termos máis propios, a organización territorial de Italia. De sempre partidarios dunha vertebración unitaria do país, deixaron nos últimos anos sen atender ás reivindicacións de certas partes de Italia, desapegadas (se permiten a licencia dun termo exportado para Italia) da gobernación romana e, nalgúns casos, directamente molestas coa distribución dos orzamentos. Non só no coñecido caso da Padania, senón tamén en lugares afectos á esquerda, como a propia Toscana ou a Liguria, ou en feudos propios da dereita como o sur de Italia ou a propia Sicilia. O discurso hexemónico da esquerda -por outra parte tamén moi extendido, sen dúbida, pero polo que parece non dominante- da unidade italiana está sendo posto en cuestión por cadros dos partidos (en especial do máis interesado en gobernar, o Partito Democratico) que ven como os seus sectores sociais afíns (esa clase obreira das cidades do norte, por exemplo) viran nas últimas eleccións a posicións máis nacionalistas por crer que desde ese punto as súas peticións poden resultar máis eficaces.

O resultado desta pugna interna, entre os favorables en manter a tensión unificadora, paliativa da evidente sima entre o norte e o sul de Italia, e os defensores dunha maior descentralización (a famosa devolution dos primeiros anos do século XXI), é a incorporación do asunto do federalismo nas liñas programáticas do principal partido da oposición. Non sei se a vella tradición itálica das città stato, previa á unificación italiana, persiste nesta determinación, pero pola orixe das propostas (en xeral, os alcaldes que procuran maior poder decisorio) pode dicirse que os políticos esquerdistas tratan de conciliar o vello propósito unificador garibaldiano (unha figura que co paso dos anos parece máis próxima ao ideal esquerdista: os asubíos que merece a celebración anual da unidade italiana ou os xestos hostís de Bossi na interpretación do himno son boa proba) cunha decidida reestructuración do territorio, en nostalxia disimulada do mundo renacentista.

A nova situación mírase na participación activa do PD nas negociacións co goberno para lograr unha nova pranta territorial. Resulta curioso comprobar durante estes primeros meses de goberno de Berlusconi o interese con que todos os partidos toman as reunións sobre a organización (fiscal, sobre todo) do territorio. Quizáis chame a atención, desde a nosa perspectiva, que a fórmula autonomista española funcione de forma explícita, mesmo desde as ringleiras dos voceiros económicos da Lega Nord, como modelo imitable, por riba incluso do federalismo alemán ou de pretensións maiores de independencia completa tal e como anuncia a cada pouco o seu líder Umberto Bossi.

Consígnase deste modo que a reforma federalizante do goberno Berlusconi de 2001, co pulo da Lega, quedou inconclusa e que os partidos de esquerda, se antes renuentes á reorganización do estado, non queren quedar fóra da nova iniciativa nin, xaora, deixar en mans de partidos que abogan pola secesión a elaboración das novas directrices. Pretenden influir na construcción dunha estructura tributaria e financeira solidaria, que non aumente os desniveis de renda e calidade de vida observables a primeira vista en Italia.
O ministro leghista della Semplificazione Normativa (sic), Roberto Calderoli, célebre polas súas barbaridades e encargado de redactar o borrador do Proxecto,  xa conta co beneplácito do goberno para levar adiante a reforma profunda desta nova descentralización. Neste contexto resulta rechamante ler as declaracións de Massimo D’Alema sobre esta proposta de corresponsabilidade fiscal. Se cadra por temor ou por desconfianza, o ex primeiro ministro e ministro de exteriores con Prodi no último goberno, proclama que o “federalismo non pode existir sen unha consensuada reforma do propio Estado”.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: