Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medra o eco-consumo

O marco do Bantegal estimula o crecemento da produción ecolóxica

A forte demanda no sector alenta o traspaso de terras á agroecoloxía. Así o explican desde a Cooperativa A Xoaniña.

Redacción - 13:30 20/10/2008

"Hai máis demanda da que podemos atender". Así o explica Xan Martínez, da cooperativa ferrolá A Xoaniña, ao respecto do crecente interese e o aumento de cota de mercado desde esta entidade de consumo responsábel. A situación levou a que desde a propia cooperativa tivesen que esforzarse para a busca de terras agrícolas aptas para a agricultura ecolóxica, informando das posibilidades de negocio e animando a labregos a entrar no sector.

Nese contexto, a aparición do Banco de Terras de Galiza (Bantegal), chega no momento indicado como ferramenta axeitada para animar a posta en valor de terreos abandonados ou adicados a outros cultivos. No marco de presentación do proxecto pola comarca de Ferrolterra, Xoaniña xa detectou o interese de diversos propietarios. Ademais, a cooperativa puxo en marcha unha iniciativa para a captación de terreos na área que inclúe os concellos de Ferrol, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Cabanas, Pontedeume, Ares e Mugardos. En principio búscanse leiras con superficies mínimas de 6-7 ferrados, uns 3.000 m2, esíxese que non haxa fontes de contaminación próximas, e valóranse de xeito especial as boas condicións de auga, inclinación e exposición solar.

"As hortas da Xoaniña"
Baixo este lema, a cooperativa ferrolá ten en marcha o proxecto a través do cal xa está recibindo oferta de terras. A entidade vaise encargar da posta en valor das leiras, tramitando ademais a inscrición no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. O prezo anual polo uso dos terreos será o fixado pola Consellaría de Medio Rural a través do Bantegal.

Nunha segunda fase a partir de novembro vanse avaliar tecnicamente os terreos ofertados para deseñar un plan de viabilidade e planificar os tipos de produción. Os primeiros labores agrícolas comezarán a principio de 2009.


4.8/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: