ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria histórica

'O Foucellas': "Unha boa persoa que se botou ao bravo"

O 22 de outubro de 1908, hai exactamente 100 anos, nacía nas Foucellas (Mesía) o máis lendario dos guerrilleiros antifranquistas. Falamos con dúas persoas que o coñeceron.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotos: Isabel G. Couso - 08:00 22/10/2008
Benigno Andrade, 'O Foucellas'

Benigno Andrade, 'O Foucellas'

"Daquelas estaba nunha serraría aí en Curtis, e tivo que escapar como agora escapan os da ETA. Non lle quitaba iso que fose boa persoa; era boa persoa". O que fala é Manuel, veciño das Foucellas, aldea da parroquia de Cabrui (Mesía); e veciño tamén do Foucellas, porque Benigno Andrade García, o máis famoso guerrilleiro antifranquista do noso país, foi e será sempre recordado polo alcume que tomou da aldea onde naceu o 22 de outubro de 1908, hai esta cuarta feira 100 anos.

Manuel, de 82 anos, fala del coas lembranzas dun cativo que vía no Foucellas un home nobre, solidario -"se había que segar ou sachar, el andaba sempre por aquí cos veciños"- e inxustamente perseguido, que "cando os do Movimiento o quixeron coller, dixeron que puxera unha bomba no tren correo que baixaba de Madrid, entre Curtis e Teixeiro". "Aquelo foi o que o botou ao monte. Tardou despois bastante tempo en deixarse ver, case un ano; pero estaba aí", comenta.

Era na casa natal onde se agochaba O Foucellas, "sempre con moito ollo", comenta Manuel. "Eu era rapaz e ía coas ovellas por alá arriba, e a muller del víñame dicir: Ai, Manoliño se foses alí á casa da Lesta e lle dixeses ao Foucellas que escapase que pola tarde van cachear a casa". E mentres a Garda Civil, ao mando "dun tal Castelao, que dicían que era malo malo", escachaba con todo, O Foucellas subíase a un alto e "miraba como eles traballaban", ri o Manuel mentres o conta.

Ponse máis serio cando se lle pregunta pola familia: "Ao irmán rebentárono vivo a paus, a Garda Civil. Unha irmá, chamábanlle Consuelo (da que se di que era a que conseguía información para axudar ao Foucellas), era a que limpaba o cuartel da Garda Civil, pasounas putas de todo; e a nai, a pobre, tiña que vir por aquí pedir para comer, porque non tiñan nada, eran pobriños de todo".

"Eu moito non o vin. Vino dabondo"

Outro dos que coñeceu O Foucellas foi Pepe, O ferreiro de Barbeito. Mais en diferente momento, en distinto lugar e nunhas circunstancias nas que 15 anos de vida -e morte- guerrilleira polos montes pesaban como unha lousa. "Eu moito non o vin. Vino dabondo", sorrí o Pepe recordando o seu encontro na Costa da Regueira (Oza dos Ríos) co home que o réxime fascista convertera nun criminal sen escrúpulos, atribuíndolle mesmo delitos que se cometeran ao mesmo tempo en sitios distintos.

O Foucellas
e mais un compañeiro acusaban O ferreiro de ir falar deles a Cesures. "De vostedes non falei; nin a Cesures fun!", díxolles. "Vostede falou e pense ben. Poñerse tranquilo verá como vostede falou de nós", retrucáronlle os dous fuxidos. O episodio sucedeu na casa da que logo sería a sogra do Pepe. Este asegura que non tivo medo porque "todo o que me fixesen era inxusto", e confesa que aínda que non directamente, algo si preguntara pola vixilancia da Garda Civil.

"Se non é por unha persoa que dicía que se podía facer unha morte á miña presenza, xa me tiñan morto", disque lle dixeron os foucellas, nome que a sona de Benigno Andrade deu en designar a todos os membros da resistencia antifranquista do país.

Pepe, o ferreiro conta tamén como a noite que capturaran O Foucellas, o 9 de marzo de 1952, día de feira en Curtis, viran baixar cara á cova en que se agochaba moitos homes con gabardinas -gardas civís, ao cabo. Houbo un gran tiroteo. A Benigno Andrade disparáronlle nunha perna. Amante da xolda, estábase a asear para ir a unha casa na que houbera voda. Mais alguén -ninguén sabe aínda dicir quen- delatárao.

"Falouse despois de que a xente por alá por onde el era, máis alá de Curtis, dicía que era -salienta paseniñamente Pepe o ferreiro- boa persoa". "Pero -reflexiona- non sei como foi co asunto da Guerra ou da leche que foi cando se botou ao bravo".


Con motivo do centenario do nacemento do Foucellas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asociación Cultural Obradoiro da Historia, de Ordes, e a Asociación Cultural Eira Vella, de Betanzos, organizan diversos actos para lembrar os miles de heroes anónimos da Resistencia antifascista, mortos, torturados, desterrados, encadeados e perseguidos por defenderen a legalidade democrática. En todos os actos haberá unha homenaxe para as súa familias, lectura de poemas, presenza de vellos guerrilleiros, intervencións de historiadores e actuacións musicais. Ademais, en novembro proxectaranse en Betanzos filmes sobre a guerrilla antifranquista galega.


Ligazóns

4,62/5 (29 votos)

Comentarios (18)

mercedes #1 22/Outubro/2008 mercedes
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Foucellas, Ponte, Pancho, Fina Gallego, e tantos e tantas máis, que só perduran na memoria gracias a quen a mantivo como facho de resistencia e dignidade. Chegou tamén o tempo de facer homenaxe a Astray, Heine, Máiz, ...que nolos trouxeron ata o presente.

papuxa70 #2 22/Outubro/2008 papuxa70
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Falta o piloto asasinado em Belesar pela Garda Çivil¡¡¡¡¡¡¡¡

Xistral #3 22/Outubro/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Outra alma galega que merecía mellor sorte. Cantos mártires temos e que pouco os admiramos.

tinho #4 22/Outubro/2008 tinho
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Cantos foucelhas fam falta sempre, cantos mortos trouxo o fascismo
,muitos deles anonimos.nom esquezamos o passado para vivir o pressente

Barcelos #5 22/Outubro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Un bo libro, aínda que teña o inconveniente de estar escrito en castelán é o deste señor:

V. Luís Lamela García (1993), "Foucellas - El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952)" A Coruña: Edicios do Castro

edreira #6 22/Outubro/2008 edreira
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Un libro en primeira persoa desta xentiña esquecida por todos:
"Testimonio de la Guerra Civil"
Isabel Rios Lazcano. Ed. do Castro.

Hermerico #7 22/Outubro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E os Foucelhas de hoje, quando terám o reconhecimento que merecem e nom as imbecilidades exprimidas por tanto débil mental?

micsha #8 22/Outubro/2008 micsha
[Valora este comentario Positivo -8 Negativo]

Comentario mal valorado polos lectores. Ver



Carlinhos #9 22/Outubro/2008 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +8 Negativo]

Somente um pseudo-intelectual enfermo, com muito tempo livre e com vontade de protagonismo pode difamar a um luitador antifascista para degradá-lo à categoria de delinqüente; algo que si forom Jefes de Estado do Estado espanhol, bispos e funcionários da EspaÑa franquista, do III Reich, do Vaticano, da Itália fascista e dos EUA imperialistas, golpistas e assassinos de meninhos, grandes amigos dos genocidas espaÑoles. Enfim, som os mesmos que governam hoje o mundo. EspaÑa Una! EspaÑa Grande! EspaÑa Libre! Assi estivemos e assi estamos.

HumorGalego #10 23/Outubro/2008 HumorGalego
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Com O coitelo antiespanholista
http://br.youtube...

agressom espanholista
http://br.youtube...

História da Galiza
http://br.youtube...

hipergaleguismo
http://br.youtube...

papuxa70 #11 23/Outubro/2008 papuxa70
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

And another one goes to Mixa, minus one for the she-fascist¡¡¡¡¡

HumorGalego2 #12 24/Outubro/2008 HumorGalego2
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Em castrapo escreve-se assim: compañeiro
Em GALEGO escreve-se assim: companheiro

NH é GALEGO e Ñ é espanhol
http://br.youtube.com/watch?v=...

Castrapo não queremos O galego como idioma internacional
http://br.youtube...

Barcelos #13 25/Outubro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#8 Ai que terlos moi mal postos pra decir que Foucellas era un delincuente común.

Rematou sendo un guerrilleiro antifascista, porque os comunistas eran os únicos que lle axudaron. Certo que axudaban a estas persoas para a sua causa, pero o axudaron.

Benigno Andrade tivo que fuxir ao monte porque lle tocou a negra de ter xente ruín na súa aldea que o acusaban do que fose para matalo e arrebatarlle os seus bens. Eses traidores e avariciosos, "mishaporfora", eran os delincuentes, e por desgraza bastante comúns nas nosas terras.

micsha #14 26/Outubro/2008 micsha
[Valora este comentario Positivo -3 Negativo]

Benigno Andrado fue uno de los muchos españoles que contribuyó a generar la guerra civil. Uno de los muchos que con su intolerancia y desprecio por la libertad de los demás se enfrentó a sus propios conciudadanos para intentar imponerles las ideas que gracias a un concienzudo trabajo de lavado de cerebro le metieron en la cabeza, como a otros muchos ignorantes de la época. Si a eso se le añade la pertenecia al típico grupito apoyado por la republica con carta blanca para hacer lo que le viniese en gana, el resultado está claro: cuando los otros tuvieron la sartén por el mango, quién recibió el palo fue el que antes lo había dado.

Podéis seguir haciendo de altavoces de la propaganda nacionalsocialista todo lo que queráis, pero vais a tener que aguantar que os digan las verdades a la cara, por mucho que eso os recuerde que estáis continuamente queriendo inventar una historia para justificar un futuro en el que los Foucellas de turno puedan volver a hacer de las suyas.

Xeonllo #15 26/Outubro/2008 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

A guerra civil foi xerada pola inxustiza, a miseria e as desigualdes sociais. Os grandes intereses creados foron os que se sublevaron contra o goberno do Frente Popular, contando co importantísimo apoio ideolóxico que foi o da Igrexa católica, con tanta influencia entre moita xente.

E Foucellas foi un dos guerrilleiros-fuxidos que se botaron ao monte para seguir loitando pola república, nuns casos non resignándose á victoria fascista e noutros casos por simple cuestión de supervivencia, por ser buscados polas forzas represivas de Franco.

Os que en Galiza facían "das súas" non foron precisamente os Foucellas de turno senón os falanxistas e compañía.

Barcelos #16 26/Outubro/2008 Barcelos
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Aquí temos un defensor nato do fascismo e do golpe de estado contra a República realizado por Franco.(Comentario #14) botando merda nestes foros.

Supoño que sería do que mamóu na súa casa, porque o que é por experiencia persoal, dubídoo.

micsha #17 26/Outubro/2008 micsha
[Valora este comentario Positivo -5 Negativo]

Comentario mal valorado polos lectores. Ver



prometeo #18 27/Outubro/2008 prometeo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Defender non o defenderás pero, dende logo, o que é xustificalo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Casa natal do Foucellas / Foto: Isabel G.Couso
Casa natal do Foucellas / Foto: Isabel G.Couso
A Coordenadora Galega de Roteiros colocou unha placa na casa natal do Foucellas en 2006 / Foto: I.G.Couso (clique para ampliar)
A Coordenadora Galega de Roteiros colocou unha placa na casa natal do Foucellas en 2006 / Foto: I.G.Couso (clique para ampliar)
Manuel, veciño de Benigno Andrade na aldea das Foucellas / Foto: I.G.C
Manuel, veciño de Benigno Andrade na aldea das Foucellas / Foto: I.G.C
Pepe 'o ferreiro' tamén foi "veciño" do Foucellas
Pepe 'o ferreiro' tamén foi "veciño" do Foucellas
Están previstos diversos actos para conmemorar o centenario do Foucellas
Están previstos diversos actos para conmemorar o centenario do Foucellas
Un roteiro percorrerá este sábado algúns dos lugares clave na vida do Foucellas (clique para ampliar)
Un roteiro percorrerá este sábado algúns dos lugares clave na vida do Foucellas (clique para ampliar)