Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria histórica

Benigno Andrade, 1908 - 'O Foucellas', 1952

Hai un século nacía na parroquia das Foucellas Benigno Andrade García; 44 anos despois executaban na Coruña 'O Foucellas'.

F.A. - 08:00 22/10/2008

Benigno Andrade García, O Foucellas, é o máis lendario e popular dos guerrilleiros antifranquistas. Naceu o 22 de outubro de 1908 na aldea das Foucellas, parroquia de Cabrui (Concello de Mesía), e morreu executado a garrote vil o 7 de agosto de 1952 na Coruña.

Aínda que o franquismo o acosou sen acougo, a súa astucia permitiulle fuxir das forzas represivas e converterse nun heroe silencioso do pobo. Tal foi así que o nome de Foucellas chegou a ser sinónimo de guerrilleiro en case todo o país.


1908, 22 de outubro:
Nace nas Foucellas, parroquia de Cabrui (Mesía), Benigno Andrade. Traballa no campo, nunha leitaría e nas minas de carbón de Fabero (O Bierzo).

1930-36:
Participa na fundación da célula comunista de Curtis, xunto co doutor Manuel Calvelo López, a muller deste, Isabel Ríos Lazcano, e a súa propia esposa, María Pérez Mellid.

1936: A Fronte Popular gaña as eleccións do 16 de febreiro. Andrade, afiliado á CNT, traballa nunha serraría no momento en que se produce o alzamento militar en Galiza, o 20 de xullo. Forma parte dunha columna que sae dende Curtis cara á Coruña en apoio das forzas leais á República, mais cando chegan a cidade xa está tomada polos sublevados. Regresa a Curtis e bótase ao monte para salvar a vida da represión que xa exercían os falanxistas e demais fascistas. Entre outros, mandaran fusilar a Calvelo no cárcere de Compostela.

1941:
A Garda Civil toma consciencia da actividade guerrilleira do Foucellas. Sitúao á fronte dun grupo da Resistencia que operaba na zona de Arzúa e Sobrado dos Monxes. No tempo que leva fuxido sobrevive grazas á axuda do pobo, e noutros casos con atracos de subsistencia.

1943:
O Partido Comunista lidera o proceso de subministro de armas aos fuxidos no monte. O Foucellas entra na IV Agrupación Guerrilleira de Galiza, convidado polo guerrilleiro Manuel Ponte Pedreira.

1944, finais de ano: IV Congreso de Federacións de Guerrillas. O PC faise co control da organización da loita guerrilleira en Galiza. Antón Seoane (xefe militar) e Xosé Gómez Gayoso (secretario xeral) regresan de Arxentina e Cuba, respectivamente, e toman o mando.

1945, febreiro: O Foucellas mata o cabo da Garda Civil de Curtis. Días despois férese involuntariamente coa arma que levaba no seu cabalo. A Garda Civil detén e interroga numerosas persoas, entre estas a súa muller, María Pérez, á que lle ofrecen cartos en troques de delatalo. Os seus compañeiros trasládano ao sanatorio San Nicolás da Coruña, onde o operan baixo o nome falso de Juan Fernández.

1945-1946:
Pasa varios meses recuperándose nunha casa do barrio de Monelos. Asiste en varias ocasións ao estadio de Riazor, disfrazado de crego, para ver xogar ao Deportivo, do que era un gran seareiro, especialmente do porteiro Xoán Acuña.

1947, xaneiro: O Foucellas reincorpórase á loita armada. As discrepancias con Gómez Gayoso e Seoane -que non gustan do seu carácter anárquico- fan que mude a súa zona de actuación.

1947, abril:
Matan o guerrilleiro Manuel Ponte, un dos máis activos do país. Como consecuencia, O Foucellas marcha destinado a bisbarras máis meridionais (Lalín, Caldas, Arousa) á fronte do Destacamento Manolito Bello da V Agrupación.

1948: O PCE (Santiago Carrillo e Dolores Ibárruri, A Pasionaria) e Stalin negocian a rendición das guerrillas. Comezan os malos tempos para a Resistencia en Galiza, xusto cando esta semellaba estar máis forte.

1948, 6 de novembro: Morren executados na Coruña Seoane e Gómez Gayoso.

1948-1951: A actividade guerrilleira do Foucellas diminúe a medida que van caendo os seus compañeiros de loita. No entanto, para as autoridades franquistas a súa captura convertérase en algo obsesivo, prometéndolles aos delatores cartos, propiedades e mesmo pasaxes para viaxar a América.

1952, 9 de marzo:
A Garda Civil detén O Foucellas na Costa da Regueira (Oza dos Ríos), onde permanecía agochado nunha cova-refuxio, cando se ía asear ao río Mendo; estábase a preparar para ir de festa. Un dos disparos impáctalle nunha perna.

1952, 26 de xuño:
Xúlgano en consello de guerra na Agrupación da Sanidade Militar da Coruña.

1952, 7 de agosto:
Execútano a garrote vil no cárcere da Coruña. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de San Amaro da cidade, nunha foxa común.


Ligazóns

4.3/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha das poucas imaxes que se conservan de Benigno Andrade
Unha das poucas imaxes que se conservan de Benigno Andrade
Manuel Calvelo e Isabel Ríos, o 25 de Nadal de 1936 no cárcere de Compostela, pouco antes de que fusilasen o primeiro
Manuel Calvelo e Isabel Ríos, o 25 de Nadal de 1936 no cárcere de Compostela, pouco antes de que fusilasen o primeiro
O guerrilleiro Manuel Ponte, un dos máis activos e ousados do país
O guerrilleiro Manuel Ponte, un dos máis activos e ousados do país
Antón Seoane e Xosé Gómez Gayoso
Antón Seoane e Xosé Gómez Gayoso