A organización defende a inclusión dunha materia sobre sexualidade nas escolas, a redución da censura ou a legalización do matrimonio homosexual.
Tomámonos o sexo en serio. Este é o lema do novo partido político que veu nacer Australia, o Partido polo Sexo (Australian Sex Party). "As enquisas indican que a censura e as actitudes da sociedade cara a sexualidade son máis abertas ca nunca, porén en política ocorre o contrario", explica a líder do partido, Fiona Patten, directora executiva da Asociación Eros, que representa á industria sexual australiana.
A organización conta xa con medio millar de afiliados, logo de que se presentase oficialmente en Melbourne. No seu programa contempla a inclusión dunha materia sobre sexo nas escolas, a redución da censura e a legalización do matrimonio homosexual. Ademais, tentará que o goberno de marcha atrás no seu intento de crear un filtro cibernético que bloquee o acceso dos internautas a case 10 mil páxinas web de contido sexual. Segundo Patten, esta medida pode causar a perda duns 16 mil postos de traballo no sector e mesmo impedirá a entrada no portal do propio partido, xa que contén a palabra "sexo".
Expectativas para o futuro
A formación ten previsto presentar candidatos ao Senado e aos parlamentos dos estados que forman Australia. Mais non é a única organización de ideais diferenciados e de recente creación que se presentará aos vindeiros comicios electorais. Xa o dicía Daniel Bell alá nos 60: o fin das ideoloxías está próximo e as esquerdas e as dereitas, o liberalismo e o proteccionismo están a deixar paso a outras inquedanzas sociais. Na vindeira cita coas urnas concorrerán outros partidos non menos singulares como "Menos Impostos sobre a Cervexa e a Gasolina", "Eliminación da Prohibición da Marihuana", "Partido dos Pescadores", "Servizo Político de Operadores de Taxis" ou "Partido da Esperanza".
Recoiro! Bem pensado, todos estes partidos "de ideais diferenciados" podiam ter espaço político no Bloco como "correntes internas". Entre o Partido Galego do Sexo (PGS) e a UPG; se me derem a escolhere eu nom sei que escolheria...
Nom, melhor é militar no Partido da Esperança.
É o resentimento o que vos empuxa a falar mal da UPG e do BNG en tódalas noticias,ata na da morte do fari?
O Fari non morreu, vive un pouco en cada un de nós(up)