Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
POR UNANIMIDADE

O Parlamento aproba que non se produzan transxénicos dedicados ao consumo no noso país

Ao berro de "Se non tedes fillos, será culpa do millo!", membros da Plataforma Galega Antitransxénicos denunciaron que a iniciativa é insuficiente.

A. Rodríguez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 15:00 26/11/2008
Un tomate transxénico, avisando da súa perigosidade

Un tomate transxénico, avisando da súa perigosidade

Esta cuarta feira debatiuse no Parlamento unha Proposición non de Lei, feita pola deputada nacionalista Tareixa Paz, para que o noso país sexa declarado oficialmente Zona Libre de Transxénicos, para que se prohíba o seu cultivo namentres non se investigan os seus efectos na saúde das persoas, os animais e o medio.

Porén, aínda que os tres grupos con representación na Cámara apoiaron, con unanimidade, a proposta, o PPdeG, coa normativa comunitaria na man, lembroulle ao BNG que non se pode prohibir o cultivo e a produción de organismos modificados xeneticamente no noso país, e o PSdeG sinalou que é bo investigar, e tantear os prexuízos e beneficios que poderiamos tirar do seu cultivo. Houbo acordo, mais encamiñado a salvar os nosos cultivos tradicionais na convivencia cos modificados xeneticamente, e deixando de lado a proposta, máis ambiciosa, que facían os nacionalistas.

"A moción carece de contido real"
Mentres os tres grupos debatían, perante o predio institucional xuntáronse unha morea de activistas, convocados pola Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), vestidos de espigas de millo, e mesmo un tomate, que sabían da importancia do día sinalado para que os tres grupos con representación na Cámara se posicionen a favor ou en contra desta proposición: "É unha oportunidade histórica. Todos sabemos o moito que hai que traballar para cambiar as cousas, desta vez estamos a tempo de paralas antes de que sucedan", dicían no comunicado que chamaba a mobilizarse.

Porén, aínda que PPdeG, PSdeG e BNG xa se amosaran, con anterioridade, de acordo con declarar o noso país zona libre de transxénicos, para os ecoloxistas aínda hai eivas na proposta aprobada, xa que máis alá da declaración, procuran o rexeite á introdución de cultivos alterados xeneticamente nas terras galegas -tamén para experimentación-, a identificación, mediante o etiquetaxe, dos alimentos que levan OXM (Organismos Xeneticamente Modificados), alén de información, a distribuír entre a cidadanía e os agricultores, sobre os efectos destes produtos na saúde das persoas e do gando.

Por unha soberanía alimentar e uns métodos de produción sustentábeis
Coa mobilización pretendíase "transmitir aos e ás representantes dos grupos políticos o desexo dos galegos e galegas de conservar a súa biodiversidade e os seus métodos de produción sustentábel", prohibindo a entrada de sistemas de "produción intensiva e alterada xeneticamente promovidos polas industrias transnacionais, que teñen como único obxectivo lucrarse co control mundial da alimentación".

Segundo a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), estamos nun momento chave para decidir o que queremos facer en Galiza, xa que tamén está en trámite unha Proposición non de Lei na Comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Pesca para declarar o Estado Español libre de transxénicos.

"Queremos saber o que comemos!"
Aos berros de "Perigo, transxénicos, están no Parlamento!", "Transxénicos nos campos, tóxicos nos pratos!", "Se non tedes fillos, será por culpa do millo!" ou "Etiquetar é un dereito esencial!", os ecoloxistas concentráronse ás portas da Cámara, en Compostela, para lembrar que os galegos queren saber o que comen, mais tamén o que come o que eles comen, é dicir, o que comen, por exemplo as tenreiras, xa que a meirande parte do millo modificado xeneticamente que se cultiva en Galiza vai destinado á alimentación do gando.

"Parlamento, non te vendas a Monsanto!"
Ademais, o noso país é tamén, na actualidade, zona de cultivo experimental de millo -o coñecido como NK603 x MON810-, ao aire libre dende 2004. En Galiza concéntranse unha grande parte dos case medio millón de metros cadrados de todo o Estado nos que as empresas Monsanto, Pioneer e Limagrain Ibérica cultivan millo transxénico, engadíndolle a este feito o risco que supón que se poidan contaminar outros campos de millo, debido á polinización cruzada. Neste sentido, a PGA denuncia que no noso país foi medrando, nos últimos tres anos, o número de campos experimentais dedicados a este cultivo, esparexéndose por leiras de Santa Uxía de Ribeira, Mesía, Val do Dubra, Touro, Arteixo, Vilalba Chantada, Castro de Rei e Lalín, sen que se investigase aínda, segundo denuncian os ecoloxistas, se existen "un risco significativo para a saúde humana e/ou do medio".

Porén, o pasado 11 de novembro presentouse en Viena (Austria), un estudo -encargado polos Ministerios de Sanidade e Agricultura-, sobre os efectos dos transxénicos na saúde. Esta investigación, unha das poucas realizadas sobre impactos a longo prazo do consumo deste alimentos, concluíu que a fertilidade de ratos alimentados co millo modificado xeneticamente NK603 x MON810 estaba seriamente danada. Este millo está aprobado para a súa importación na Unión Europea, e emprégase para uso en alimentación humana e animal. Mais os ecoloxistas galegos recalcan que agora que se demostrou que este millo non é bo para a saúde, "todo o proceso de aprobación fica en dúbida. Non nos podemos sentir seguros cos transxénicos que hai no mercado. Non podemos seguir tolerando que as multinacionais experimenten coa nosa saúde co visto e prace do Goberno e das autoridades europeas", engaden.

Zonas libre de transxénicos en Galiza
Na actualidade hai varios concellos de Galiza que se declararon, simbolicamente, zonas libres de transxénicos, rexeitando o cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente (OXM), unha ferramenta coa que as administracións locais e provinciais poden protexer o seu medio, a saúde dos seus cidadáns e a calidade dos seus produtos agrícolas, así como a súa biodiversidade. Os municipios que rexeitan os transxénicos son os de Lalín e Silleda, en Pontevedra; o de Irixo e Verín, en Ourense; o de Chantada e Riotorto, en Lugo; e os de Ames e Negreira, na Coruña.


Ligazóns

4.54/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mobilización, perante o Parlamento, dos activistas da Plataforma Galega Antitransxénicos

Logo da Plataforma Galega Antitransxénicos
Logo da Plataforma Galega Antitransxénicos
Membros da Plataforma Galega Antitransxénicos, manifestándose ás portas do Parlamento
Membros da Plataforma Galega Antitransxénicos, manifestándose ás portas do Parlamento
Os ecoloxistas alertan do risco que ten non coñecer os efectos destes produtos na saúde
Os ecoloxistas alertan do risco que ten non coñecer os efectos destes produtos na saúde
Un dos deseños empregados na campaña contra a introdución de alimentos transxénicos
Un dos deseños empregados na campaña contra a introdución de alimentos transxénicos
Os detractores dos transxénicos alertan da necesidade de investigar os seus efectos na saúde
Os detractores dos transxénicos alertan da necesidade de investigar os seus efectos na saúde