Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Accións coordinadas

Máis de cen mortos nos ataques en Mumbai

Arredor de 300 feridos nos atentados no centro turístico e comercial da capital da India. De momento atribuídos a un grupo descoñecido, "Deccan Muyahidín".

Redacción - 08:00 27/11/2008


Actualización 8h (xoves 27):
As autoridades indias informan do decreto de "toque de queda" no centro da cidade mentres se desprega o dispositivo de seguridade. Os obxectivos principais dos atentados foron sete áreas destacadas da capital, entre elas dous dos grandes hoteis e a estación ferroviaria central. A policía informou de ataques en até nove puntos adicionais, todos eles ao parecer coordinados.

Tamén se comunicou o arresto de varios dos implicados e a morte de cando menos catro deles. Ademais, no operativo policial tería falecido o xefe do grupo antiterrorista da cidade. A última hora da BBC fala de que homes armados manteñen arredor de corenta reféns nun dos hoteis atacados. Segundo testemuñas citadas pola mesma canle, os atacantes seleccionaron os turistas con pasaporte británico e estadounidense. O ataque foi reivindicando en mensaxes a varios medios en nome dun grupo presuntamente islamista descoñecido até o de agora e que responde ao nome "Deccan Muyahidín".



Actualización 22h (mércores 26 de novembro):

A policía di que os ataques estaban coordinados e que continuaban de madrugada. Hai tamén centos de feridos e varios reféns. Varios homes que portaban armas de repetición comezaron a disparar contra a xente esta cuarta feira en puntos diferentes da cidade de Mumbai (tamén coñecida como Bombai, India), incluíndo unha estación de tren, dous hoteis de cinco estrelas -onde se cre que os atacantes tamén capturaron reféns-, un hospital e un restaurante turístico. Cando menos hai 60 mortos e arredor de 200 feridos.

A policía cre que os ataques, sete polo de agora, estaban coordinados, e informou que continuaban na noite desta cuarta feira (hora galega, madrugada na India). Ademais rexistráronse dúas explosións de granada. Segundo as forzas de seguridade, os atacantes dispararon indiscriminadamente contra peóns e clientes.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: