Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Antigos aliados

Dende Cuba con amor

O presidente ruso, Dmitri Medvédev, visita a illa caribeña para relanzar as relacións bilaterais dúas décadas despois da caída do campo socialista.

Redacción - 13:00 28/11/2008
Os dous dirixentes

Os dous dirixentes

O presidente ruso, Dmitri Medvédev, reuniuse esta quinta feira na Habana co seu colega cubano, o xeneral Raúl Castro, para confirmar o incremento das relacións bilaterais até un nivel sen precedentes dende que Cuba era o principal aliado da Unión Soviética en América.

A visita do dirixente ruso á illa caribeña prodúcese nun momento en que as relacións de Washington e Moscú están no seu menor nivel en moitos lustros, e dúas décadas despois da caída do campo socialista.

Castro e Medvédev coincidiron na importancia de continuar acrecentando os vínculos mutuos en diferentes campos, particularmente no económico, e comentaron as causas e as consecuencias da actual crise.

O cubano agradeceu a axuda de Rusia logo do paso recente de tres furacáns pola illa, e o ruso ratificou a disposición do pobo, do goberno e do empresariado do seu país de incrementar a participación rusa no desenvolvemento da economía cubana.

Medvédev acabará na Habana a súa primeira visita a Latinoamérica, logo de pasar tamén dende o venres da semana pasada por Perú, Brasil e Venezuela. Hai unha semana o presidente chinés, Hu Jintao, tamén estivo en Cuba e noutros países do continente.

Esta é a cuarta visita oficial dun líder do Kremlin á illa, despois das de Leonidas Breznev, en 1974, Mikhail Gorbachev, en 1989, e Vladimir Putin, en 2000. O viceprimeiro ministro ruso, Igor Sechin, fixo entre xullo e novembro catro viaxes a Cuba -incluído o actual con Medvédev-, para entrevistarse con Raúl Castro e asinar varios de acordos en numerosas áreas.

Polo momento xa asinaron varios contratos relacionados coa industria do níquel, a automotriz e a petrolífera. Ademais, estanse a estudar varios proxectos de cooperación sobre transporte, enerxía, comunicacións, educación, industria farmacéutica, biotecnoloxía e turismo.


3.67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: