Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE ARXENTINA

Sete anos do "corralito"

Este mércores cúmprense sete anos desde a posta en marcha das medidas económicas que logo se coñecerían como "corralito financeiro" e que impedían tocar os propios cartos depositados nos bancos. Foi o comezo da fin do goberno encabezado por Fernando de la Rúa.

Débora Campos - 10:45 03/12/2008

Na Arxentina, cúmprense este mércores sete anos do lanzamento, por parte do ministro de Economía daquela, Domingo Cavallo, das medidas que logo se coñecerían como "corralito financeiro". Tratábase dun esquema que en poucas semanas ía xerar un forte rexeitamento popular que rematou co goberno encabezado polo presidente Fernando de la Rúa, neto de galegos.

Tralo grave proceso de fuga de capitais que reduciu as reservas monetarias internacionais a 19.600 millóns de dólares, o 3 de decembro comezaron a rexer dous decretos que limitaban as posibilidades da xente de coller os seus cartos depositados nos banco.

Nun intento por frear a saída de cartos do país, o Banco Central da República Arxentina (BCRA) trazou "un novo marco para o desenvolvemento das entidades financeiras, a fin de consolidar a súa posición e posibilitar o normal desenvolvemento das actividades económicas", segundo se explicaba daquela. Noutras palabras, a xente quedaba sen poder empregar os seus aforros.

As limitacións anunciábanse cun carácter "transitorio" e de expansión da bancarización, xa que a súa validez imaxinábase por non máis de tres meses. Deste xeito, cada persoa podía quitar do banco cada semana non máis de 250 pesos ou dólares. Podíase ademais, facer transferencias electrónicas de balde cara a outras contas na mesma ou outras entidades.

Ainda que o uso das tarxetas para facer pagos ou quitar cartos do banco non estaba nada estendido, a normativa autorizaba o pago de consumos ou gastos con medios electrónicos, con cheques e con tarxetas de crédito.

Cavallo xustificaba as medidas co argumento de que "se permitimos que a xente retire grandes cantidades de diñeiro en efectivo habería unha desestabilización do sistema financeiro e poñeríanse en perigo os aforros de todos", dicía.

As medidas de control de cambio e o limite nos retiros de depósitos atoparon máis detractores que defensores, tanto no plano local como no internacional, aínda que recibiron por entón o eloxio do subsecretario do Tesouro dos Estados Unidos, John Taylor.

Once días logo de entrar en vixencia o "corralito", comezaron os roubos en grupos de xente que -desesperados uns e aproveitados outros- entraban nos supermercados e levaban todo canto ali había.

O 19 e 20 de decembro o conflito social despregouse sen freo e a represión policial, amparada no estado de sitio decretado por De la Rúa, rematou con decenas de mortos e centos de feridos.

O presidente renunciuo e deixou a casa de Goberno fuxindo nun helicóptero, no medio de masivos "cacerolazos". Logo virían o default da débeda pública e o fin da convertibilidad -máis cinco presidentes no prazo de algo máis de dúas semanas-, mentres o "corralito", convertido logo en "corralón", tardaría anos en desmontarse.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: