Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica afirmación

Fraga quere "ponderar" o peso político dos nacionalistas "pendurándoos de algures"

O político vilalbés volveu insistir na necesidade de reformar o Senado para poder aplicar o artigo 155 da Constitución, que permite suspender a autonomía.

Redacción - 13:20 11/12/2008
O senador do PP, Manuel Fraga

O senador do PP, Manuel Fraga

O presidente fundador do PP e senador, Manuel Fraga, afirmou esta quinta feira, ao ser preguntado pola posibilidade de limitar o peso dos partidos nacionalistas na política estatal, que este peso había que ponderalo "pendurándoos dalgún sitio" e engadiu, para querer explicar, ao seu xeito, esta afirmación, que o nacionalismo é, "por definición, o contrario da defensa de España".

O político vilalbés fixo todas estas declaración nun almorzo informativo no que era o protagonista e no que se debatía sobre os 30 anos que cumpriu, o pasado sábado, a Constitución española. Fraga, ademais, non ficou aquí, xa que reiterou que a máxima Lei do Estado Español tiña como primeiro obxectivo salvagardar a unidade de España, e que foi un erro introducir nela o termo "nacionalidades". O senador tamén afirmou que o único artigo constitucional que "non é perfecto" é o 155, "artigo chave", no que se contempla a suspensión das Autonomías, e que non "puido ser aplicado, porque o Senado non está preparado para iso".

Após expoñer estes argumentos -que xa sinalara o día 6 de decembro-, Manuel Fraga descartou unha reforma ampla da Constitución, ao non considerala "necesaria nin conveniente", porén, apostou por reformar o Senado e tamén a composición e o tamaño do Congreso dos Deputados para, precisamente, poder aplicar este artigo 155. Isto sería, dixo, "reformar a Constitución por vía do cumprimento". Neste sentido, lembrou que con estas mudanzas -en clara alusión ao que aconteceu co chamado Plan Ibarretxe en Euskadi e o Estatut catalán-, se un presidente autonómico non atende os requerimentos, o executivo poderá intervir co apoio da maioría absoluta do Senado. "O Estado autonómico só ficará pechado no momento no que o Senado teña os poderes que prevé a Constitución e que agora nin ten nin pode exercer", dixo.

Arremetendo contra o nacionalismo "sen fundamento"
Neste xantar, Manuel Fraga tamén repasou unha serie de artigos da Constitución para argumentar que está "suficientemente claro que a soberanía é única e a nación indisolúbel", e que o Estado mantén unhas competencias exclusivas, aínda que as Autonomías teñan as súas "posibilidades de asentamento".

"A interpretación nacionalista das autonomías carece de todo fundamento. Agardemos que o goberno da nación saiba estar no seu sitio e acabar con todos os intentos de converter a autonomía no que non é", manifestou tamén o vilalbés. Neste sentido, Fraga explicou que unha das razóns polas que decidiu volver á política de Galiza foi convencerse a si mesmo de que era posíbel "conseguir vantaxes" para unha Autonomía "sen saír da Constitución". "Os meus 16 anos de Goberno demóstrano".

"O espírito patriótico español subsiste"
No medio destas reflexión sobre a chamada unidade nacional e a Constitución, Fraga asegurou que o "espírito patriótico" español aínda "subsiste", sinalou, mais acrecentando de brincadeira, "aínda que non direi que como no 2 de maio". Porén, continuou, só se demostra mediante determinadas facetas da vida social, "como a deportiva", lembrou, sinalando o momento no que a selección estatal de fútbol gañaba a Eurocopa, no que, segundo dixo, "o país parecía a potencia máis romántica de Europa en patriotismo".

Neste encontro, Fraga tamén deu un repaso pola situación de Euskadi, -sinalando que permitir que cheguen cartos do goberno español para financiar os concellos nos que goberna ANV é "darlle diñeiro a ETA"-; culpou a Zapatero dos efectos da crise e pediu a súa "dimisión fulminante"; e referiuse tamén ás palabras do deputado de ERC, Joan Tardá describíndoas como "un insulto ao rei" e unha "das cousas máis grosas que escoitei na miña vida".


1.44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: