Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións o 1 de marzo

O BNG espera o apoio cidadán "para a segunda forza do cambio"

O voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, dixo esperar que o electorado valore que a súa formación impulsou "cambios estruturais importantes" desde o Goberno.

Redacción - 14:15 18/12/2008
Touriño e Quintana, na xuntanza semanal do Consello da Xunta, após a que Touriño acudiu ao Parlamento

Touriño e Quintana, na xuntanza semanal do Consello da Xunta, após a que Touriño acudiu ao Parlamento

Destacou Anxo Quintana que o BNG prometera "unha revolución tranquila" e dixo estar seguro de que os "cambios estruturais" deseñados desde as consellarías lideradas polos nacionalistas serán valorados positivamente polos cidadáns nas urnas. "Imos enfrontar as eleccións do 1 de marzo coa máxima ilusión e sabedores de que estamos nun bo momento político", asegurou Quintana, cualificando o Bloque de "forza política en ascenso".

O líder do Bloque afirmou que, na súa opinión, os nacionalistas cumpriron coa "primeira fase do cambio" e indicou que a sociedade "ve un BNG que cumpre, que fai política para a xente e que lle dá estabilidade ao Goberno". Así, asegurou esperar que os cidadáns "volvan dar a súa confianza para iniciar a segunda fase do cambio".

"Maior intervención pública, sobre todo nos ámbitos financeiros"

O voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich reclamoulle ao Goberno que "siga traballando", a pesar de entrar nun período preelectoral, e avanzou que o seu partido vai loitar por unha "maior intervención" na vindeira lexislatura.

Aymerich tamén falou cos xornalistas nos corredores da Cámara, e aproveitou para garantir que a "máxima prioridade para o BNG -antes de se anunciaren os comicios e agora, tras coñecer a data exacta- é seguir traballando en beneficio do país e dos galegos" porque a situación económica e social "así o reclama". O parlamentario nacionalista tamén destacou que esta lexislatura fora moi "frutífera" na Cámara, sobre todo polas alternativas propostas polo seu partido, e colocou en contraposición ao PPdeG, ao que reclamou que "ademais de dicir que todo vai mal" revele "as súas propostas e alternativas.

En canto ás propostas do Bloque, Aymerich avanzou que levan entre elas a regulación das caixas, a creación dun banco público, xunto coa continuación de "políticas transformadoras en materia de servizos sociais, e nos ámbitos rural e enerxético". "Este é o aval co que nos vamos presentar", sentenciou o nacionalista.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: