Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PALLASOS EN REBELDÍA

Desde Oventic: 15 anos de resistencia zapatista

Iván Prado envíanos desde Chiapas a súa segunda crónica, na que nos fala da celebración do ano novo, do primeiro festival da Digna Rabia e da preparación da formación de novos grupos de pallasos zapatistas.

Iván Prado - 13:05 04/01/2009

Oventic, o segundo caracol, é posiblemente o máis impactante de todos os centros neurálxicos do neozapatismo. Construido sobre unha lomba de radical pendente, tén unha chea de edidficacións rebeldes que se distribúen ao redor da estrada central -que leva desde a entrada principal ata o templete zapatista-, coma se dun enorme esquelete de balea se tratase. A casa da Xunta de bo goberno, a clínica, as cooperativas, a caseta de vixilancia, comedores  populares, o auditorio..., en fin, un cento de lugares que, cando a néboa comeza a caer sobre esta zona dos altos de Chiapas onde os tzotziles gobernan desde antigo, adquiren unha condición realmente máxica, converténdose nun enorme navío a través de mares de brétema e misterio.
 
De misterio e festa estivo chea a noite do 31 ao 1 de xaneiro, durante a celebración dos 15 anos de levantamento que o movemento guerrilleiro incluiu dentro do festival mundial da Digna rabia. Entre indígenas rebeldes fixemos o tránsito dun ano a outro coa vivencia de acompañar, unha vez mais, o camiñar desta revolta universal. Entre postos fumeantes de elote (millo cocido) e berros de ¡Zapata vive! vimos desfilar a ducias de autoridades comunitarias encarapuchadas e vestidas coas roupas tradicionais que, ademais do bastón de mando, traían unha mensaxe de benvida para as cerca de 2000 persoas que alí estabamos. Xusto cando a lúa facía a súa aparición nun ceo estrelado e limpo, a festa da palabra e o baile comenzaba.
 
Actuacións, debates informais, bromas e tarefas domésticas como atopar un oco no que pendurar a nosa hamaca baixo cuberto, foron o noso divertimento mentres se achegaba a hora máxica do levantamento armado que mudou a historia recente de México e a de parte da humanidade. Así foi que cando en México eran as 11 da noite, en Galicia as 6 da mañá e no reloxo rebelde as agullas marcaban o intre exacto no que o novo ano zapatista iniciaba, fixo entrada a comandancia xeral do EZLN -representada polo Comité Clandestino Revolucionario Indíxena- para, de novo, agradecer a nosa presenza durante estes 15 anos e dar a mensaxe última da comandancia a través da pausada e sincera voz do comandante David, un dos lideres historicos do movemento e, ao o meu ver, unha das voces máis contundentes do neozapatismo. Nesta ocasión a misiva era clara: "Seguimos vivos, despois de 500 anos de colonialismo, 25 anos de existencia e 15 de resistencia activa, a flor da palabra dos homes e mulleres do millo segue viva".
 
Logo de 5 horas de baile esgotador, sen que ningunha compa da cor da terra quixera facerme os honores, fomos para a hamaca coa retina chea de imaxes inolvidables deste pobo loitador e xeneroso que incluso en metade dunha guerra de baixa intensidade sabe compartir a súa vida e o seu corazón.
Pola mañá, despois de varias visitas, esperas e risas, a nosa xunta, a do V caracol que fala para todos, exiliada en Oventic desde fai uns meses, recíbenos para confirmarnos, finalmente, que a formación dos novos equipos de pallasos zapatistas vai ter lugar en Joljá e no recinto do caracol de Roberto Barrios. Case dez días de formación que precederan a nosa xira polas comunidades en resistencia.
 
Unha vez máis os Pallasos en rebeldía comezan a súa aventura pola zona norte de Chiapas nun momento no que os paramilitares teñen tomados parte dos centros de loita, pero despois de 15 anos de exemplo zapatista sabemos que nós tampouco podemos perder, como imos perder se somos un exercito de soñadores......?
 
Lokonuk, San Cristóbal, 1º de xaneiro


3.67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Charla do subcomandante Marcos na sede do CIDECI, de San Crsitóbal de Las Casas (Chiapas), durante a celebración do Fesatival da Digna Rabia
Charla do subcomandante Marcos na sede do CIDECI, de San Crsitóbal de Las Casas (Chiapas), durante a celebración do Fesatival da Digna Rabia
Iván Prado e Manuel Vicente ("Roxo") no caracol de Oventic durante a celebración do Fesatival da Digna Rabia organizado polo EZLN, evento que se está celebrando entre o
Iván Prado e Manuel Vicente ("Roxo") no caracol de Oventic durante a celebración do Fesatival da Digna Rabia organizado polo EZLN, evento que se está celebrando entre o