Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
'EXERIA'

Contra a linguaxe sexista: Software galego

A aplicación presentada este luns ofrece alternativas a expresións dos textos administrativos susceptíbeis de seren discriminatorios.

M. del Río - 19:25 19/01/2009

Exeria, personaxe histórica galega, que viaxou a Oriente Próximo no século IV, deulle nome a unha nova ferramenta informática que facilitará o uso de linguaxe non sexista. A aplicación, que presentou este luns a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, é froito da colaboración entre Vicepresidencia e Innovación e Industria.

A ferramenta foi desenvolvida polas empresas Tagen Ata e Imaxín, e ten como obxectivo, nunha primeira etapa, servir de utilidade para as persoas que traballan na Administración á hora de elaborar textos non discriminatorios. Aínda que a iniciativa naceu coa intención de crear un glosario de termos igualitarios, acabou evolucionando cara a unha ferramenta que analiza o texto, detecta termos susceptíbeis de seren sexistas e ofrece até cinco alternativas.

A utilidade desenvolveuse grazas á análise de miles de textos do eido da Administración, para obter unha visió do uso actual da lingua. Inclúe os mil termos máis empregados nese ámbito procedentes dun corpus de 129 millóns de palabras. O repertorio irase ampliando grazas ás achegas e suxestións que se deixen na web do programa.

Ao ser de código aberto, toda a cidadanía poderase beneficiar do desenvolvemento de Exeria. Isto tamén permite que se integre perfectamente no paquete ofimático OpenOffice.org para analizar directamente os textos á hora de elaborar documentos. Pódese descargar o código fonte e versións para varios sistemas operativos na súa web, www.exeria.net.

Nunhas declaracións efectuadas ao remate do acto, Carme Adán salientou o papel das novas tecnoloxías como “grandes aliadas da igualdade”. Sobre Exeria, afirmou que permite “descubrir o uso sexista que se fai da linguaxe”, ao tempo que demostra que é “posíbel facer un uso da linguaxe administrativa non sexista”.

A secretaria xeral de Igualdade lembrou que novas funcionalidades, como o teletraballo ou a administración electrónica “tamén contribúen ao labor das mulleres”, e mais polo feito de que “unha parte moi importante das usuarias da administración son mulleres”. Engadiu que o Goberno está a conceder “axudas para combater a fenda dixital” que lles afecta ás mulleres, principalmente de avanzada idade e do rural, para acceder ás novas tecnoloxías, con accións como a alfabetización dixital.

Ademais, para Carme Adán, o uso do software libre contribúe á “democratización do coñecemento” e á súa difusión, “porque é obriga da Administración usar unha linguaxe non sexista”. Por iso, ademais de se poder descargar dende a súa web, enviaráselle a toda a Administración para o seu uso inmediato.


4,14/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: