Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gonzalo Gómez Freire, director de Aporrea.org

"Vexo un panorama moi difícil se Chávez perde o referendo"

Hai uns días estivo en Galiza para analizar a situación política de Venezuela. Acompañouno Aramita Padrino, avogada das vítimas do golpe de estado.

Fernando Arrizado - 18:00 26/01/2009

Non é a primeira vez que o director de Aporrea -xornal que en abril cumprirá sete anos de vida- visita a redacción de Vieiros. Desta volta, Gonzalo Gómez Freire, veu á Galiza cun dobre propósito. Por unha banda, impartir dúas palestras sobre a situación política de Venezuela, e por outra, denunciar a campaña da dereita venezolana para terxiversar o masacre de Puente Llaguno. Acompáñao a súa muller, Aramita Padrino, unha avogada da Asociación de Vítimas do golpe de estado. Ambos, relatan brevemente os acontecementos:

"O 11 de abril de 2002, o día do golpe de estado contra Hugo Chávez, varias persoas que disparaban dende unha ponte de Caracas foron sinaladas polos medios de comunicación como autores do asasinato de varios manifestantes da oposición. Un vídeo descontextualizado da canle Venevisión, merecedor do premio de xornalismo Rey de España, mostraba defensores do goberno democrático coas súas pistolas, mais non as tanquetas da policía metropolitana de Caracas, involucrada no golpe".

"As probas demostran que os manifestantes nin sequera chegaron a aquel punto. Agora, os policías e comisarios golpistas finalmente detidos, que están á espera de ser xulgados, criminais por delitos de lesa humanidade, convertéronse en mártires da oposición nos medios de comunicación afíns -"presos políticos", chámanos-, que ignoran as verdadeiras vítimas e mesmo as ameazan"
.

Mais antes tivemos tempo de falar da actualidade política en Venezuela, onde o pobo está chamado ás urnas o 15 de febreiro para decidir en referendo se queren que os seus dirixentes, dende o presidente da República até os concelleiros, poidan postularse indefinidamente como candidatos. Unha situación común noutros moitos estados, por exemplo, o español, mais que no caso venezolano está a ser fortemente criticado.

Vieiros
: Por que tanta polémica?
Gonzalo Gómez Freire: A dereita trata de presentar isto como antidemocrático. Moitas críticas veñen do Estado Español, de El Mundo, de El País, da dereita, ... que actúan co que nós chamamos "disociación psicótica". Critican o Chávez, mais aquí hai unha monarquía; hai un rei que ninguén elixiu ou reelixe; non hai un referendo revocatorio como en Venezuela, ... mais isto non é problema, o problema é Chávez. Venezuela leva en dez anos 14 procesos electorais. O pobo vai decidir se quere a emenda ou non.

Mais o pobo xa se pronunciou unha vez, e dixo que non ...
O que houbo antes foi unha reforma constitucional de 69 artigos, entre os que estaba o asunto da reelección, mais tamén se propoñía a redución da xornada laboral, por pór un exemplo. Agora é diferente porque esta posibilidade é para todos os cargos públicos. Por outra banda, a oposición tamén pode presentar outro referendo revocatorio, porque iso segue a estar na Constitución.

A reforma constitucional non saíu adiante. Que pensa que vai ocorrer coa emenda nesta ocasión?

A oposición fixo unha campaña de boicot económico e provocou escaseza artificialmente, mais agora non o pode facer porque o Goberno tomou medidas coa nacionalización de empresas estratéxicas; agora hai sobreprodución de leite e camiñamos cara á soberanía alimentaria para non depender tanto das importacións. E houbo un discurso que alentou os temores irracionais da pequena burguesía, da clase media: que lles ían quitar os seus pequenos negocios, as súas propiedades, mesmo a patria potestade dos seus fillos. A lei e o Goberno son hipertolerantes coa dereita.

Como lle está a afectar a crise económica a Venezuela? Poderíase ver afectado o proceso revolucionario?

Non hai dúbida que sendo o capitalismo mundial, aínda estando no medio dunha revolución socialista, se non hai un grupo de países que muden a un modelo de produción socialista, non hai posibilidade de resistir illados aos efectos da crise. En Venezuela hai cambios económicos, sociais, ... mais segue a ser un país capitalista en rumbo de transformación. Hai propiedade privada nos medios de produción, algo que está a cambiar mais que non impide que evitemos os efectos da crise. Haberá que revisar a débeda externa para cubrir déficits como o provocado pola caída dos prezos do petróleo; igual unha auditoría, como fixo Ecuador, para ver se a seguimos pagando. A crise téñena que pagar os ricos, os que usufrutaron as vantaxes.

Na súa última visita a Vieiros, vostede mantiña que a Revolución Bolivariana é do pobo, non de Chávez ...

O proceso revolucionario é de fondo, e Chávez é unha expresión que se convirte na súa dirección. Chávez tamén propón medidas que non necesariamente as está a pedir o pobo nese intre. Ás veces, adiántase á conciencia do pobo e estimula o seu desenvolvemento. Mais outras veces son os movementos sociais os que teñen que loitar e presionar o Goberno, un Goberno que é permeábel aos traballadores, algo que non pasaba cos anteriores.

Hai quen sustenta que Chávez está a eclipsar o traballo dos movementos populares, que outros partidos da esquerda venezolana están a ser marxinados como aconteceu nas últimas eleccións ...

O que pasa é que eses partidos de esquerda non teñen moita forza. Hai unha realidade: Máis alá da actitude que poida ter Chávez, o pobo veo como referencia e non os outros partidos. Máis ben ao contrario, eses grupos utilizan o Chávez como un portaavións para poderen subsistir electoralmente.

Cando imos ao movemento popular, o que é que ocorre? Que ten que avanzar no desenvolvemento de líderes de seu. Ter capacidade para propor e impulsar as políticas. Nós non facemos nada con queixarnos con que Chávez asume o protagonismo, se nós non temos a fortaleza para ocupar ese espazo. Se se está a agardar por que Chávez tome unha medida e non a toma porque ten outras presións, é a nosa responsabilidade facérmonos sentir como poder popular.

Na esquerda parece claro que Chávez sustenta o liderado. E na dereita, hai alguén que poida capitalizar o movemento da oposición?

Eu non lles vexo capacidade para erguer un liderado da estatura do de Chávez. Porén, non lle hai que quitar importancia ao feito de que teñen a protección de EUA. Hai pouco descubriuse que os principais partidos da burguesía -que aínda que teñen loitas internas, póñense de acordo para lle facer oposición a Chávez, coa participación dos principais medios de comunicación- recibiron da Embaixada de EUA en Venezuela perto de tres millóns de dólares para a campaña en contra da emenda ... Hai moita manipulación. Cando un exército machaca os palestinos ... o demo é Chávez? Ou éo Israel e EUA? Aí se ven como están invertidos os valores.

Semella que Chávez se está a converter nun referente da esquerda e do antiimperialismo no mundo ...
Porque ten unha actitude franca, clara, aberta, de confrontación directa co Imperialismo. Fronte a isto non hai medias palabras Representa a conquista dunha posición de independencia no exercicio da política, que diferencia o goberno venezolano do doutros países que non ousaron tomar medidas deste xeito. Denuncia o Imperialismo, axuda os pobos pobres nos momentos difíciles e barrios de EUA como o Bronx ou de Nova Orleáns. E ten unha política de integración latinoamericana, de solidariedade, respecto á da que foi a Gran Colombia.

Nese senso, hai líderes do continente que consideran que está a exercer unha especie de "imperialismo venezolano"...

O que pasa é que esas críticas veñen dos que prefiren que sexa EUA o que se meta a ditar as políticas, e cando ven un dirixente latinoamericano que ten un protagonismo a prol da independencia e da soberanía nacional, das loitas dos pobos indíxenas, eses países que son de carácter burgués e oligárquico non gustan porque é un problema para eles. Logo, sinálano como negativo, mais para os movementos sociais de América Latina é unha beizón.

Que pode ocorrer nas eleccións presidenciais vindeiras, se a emenda non sae adiante e Chávez non se pode volver postular a un terceiro mandato?

Se se perde o referendo o panorama que vexo é moi difícil. Porque a figura de Chávez é o aglutinante de todas as faccións diverxentes. Sectores ao seu redor, dos que poden aparecer posíbeis líderes substitutos non terminan de convencer o pobo. O problema pode ser a dispersión, a fragmentación e as loitas internas. Iso véxoo perigoso. Téñense que fortalecer os movementos sociais, para poder cubrir un posíbel baleiro coa perda da figura de Chávez -aínda que sempre pode estar aí, non sendo presidente. Mais temos un reto moi grande. Non podemos depender exclusivamente da figura de Chávez.


4.14/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: