Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

O PSOE ha recorrer ao Supremo se se declara nulo o voto que veña sen DI ou pasaporte

O PPdeG insta a Touriño a pedir perdón os galegos por procurar o "calote electoral" no exterior, e o BNG describe como "arrepiante" a decisión dos socialistas.

Redacción - 19:35 26/01/2009
O vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco

O vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco

O vicesecretario xeral do PSOE, o ulloán Xosé Blanco, sinalou esta segunda feira que o seu partido vai actuar "conforme ao dereito", se a Xunta Electoral Central española (XEC) decide declarar nulos todos os votos que cheguen por correo sen que fose axuntando no envío unha fotocopia da documento de identidade ou o pasaporte.

"En función da aclaración da Xunta Electoral, procederemos de acordo ao dereito", asegurou Blanco, sabedor de que as decisións deste organismo poden recorrerse ante o Tribunal Supremo e, posteriormente, ante o Constitucional. O número dous dos socialistas españois, que acaba de volver dunha viaxe a Venezuela, insistiu en que esta instrución da XEC "restrinxe o dereito a votar" nun duns pouco emigrantes, senón de "milleiros de persoas con nacionalidade española que viven fóra de España". Neste sentido, Xosé Blanco cifrou nun 80% os "españois residentes no exterior que non teñen DI, porque non é obrigatorio", e nun 30% os que están sen pasaporte, xa que é un documento "para viaxar que pode que non todo o mundo precise".

Como exemplo, Blanco revelou que de seis dos 15 membros da dirección do PSOE en Caracas, non tiñan nin pasaporte nin DI, e argumentou que, segundo a constitución española, "non é posíbel que unha instrución da XEC faga unha interpretación da lei electoral que restrinxa un dereito". "Non se pode exixir aos cidadáns algo que non estabelece a propia lei", concluíu.

O PPdeG insta a Touriño a "pedir perdón" aos galegos por procurar un "calote" electoral no exterior
O secretario xeral del PPdeG, Afonso Rueda, instou ao presidente da Xunta e candidato socialista á reelección, Emilio Pérez Touriño, a "pedir perdón" aos galegos polas "súas continuas mentiras" e por procurar un "calote electoral no exterior" que, augurou, "ha pagar nas urnas" o 1 de marzo.

Deste xeito, Rueda quixo criticar a decisión do PSOE, considerando "indigno" que quen aspira a gobernar a todos os galegos "pretenda facelo a costa de trampear a vontade dos cidadáns". Para o popular, este "comportamento de Touriño demostra a súa dobre moral", xa que, segundo dixo, tras catro anos de asegurar que aplicaría o voto en urna, "o PSOE boicoteouno en Madrid, seguindo as súas propias ordes, e despois de "dicir que aceptaba a decisión da Xunta Electoral, tamén o seu partido en Madrid a recorre". "A palabra de Touriño non se sostén alén do Padornelo, e iso vén a ser o mesmo que non ter palabra", acrecentou Rueda, ao tempo que sinalaba que "o Touriño que di que si en Galiza e ordena dicir non en Madrid" é "o mesmo" que "fala de plus de resistencia e gaba o emprego cando 600 galegos van ao paro cada día".

Quintana describe como "arrepiante" a decisión do PSOE
O voceiro nacional do BNG e candidato á presidencia do Goberno, Anxo Quintana, cualificou, á súa vez, que "arrepiante" a petición do PSOE ante a XEC. "Non só os enche de vergoña, senón que algún aínda reclama que sigan sen identificarse", enfatizou o líder nacionalista, ao tempo que consideraba esta situación propia dun país terceiromundista: "Estamos en Tanzania ou onde estamos?", preguntou Quinta ao tempo que aseguraba sentir "vergoña" polo feito de que "en plena campaña a XEC teña que dicir que a xente se identifique cando vaia votar".

Xa concluíndo, Quintana responsabilizou a PPdeG e PSdeG de seren os artífices do actual modelo que rexe o sistema do voto emigrante: "de que fenómenos saíu esta proposta", ironizou o candidato nacionalista, en alusión aos populares galegos, aínda que preguntándose tamén por que os socialistas galegos non modificaron, no seu día, este sistema.


3.86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rueda instou a Touriño a "pedir perdón" aos galegos por procurar un "calote" electoral no exterior
Rueda instou a Touriño a "pedir perdón" aos galegos por procurar un "calote" electoral no exterior
Quintana describiu como "arrepiante" a decisión do PSOE. Na imaxe, visitando un centro municipal de emprego na Coruña
Quintana describiu como "arrepiante" a decisión do PSOE. Na imaxe, visitando un centro municipal de emprego na Coruña