Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Foro Económico Mundial

Falarán os gurús en Davos do que sabían, o que non fixeron e o que poden facer?

Será o maior encontro de líderes políticos para o debate do escenario económico desde a xuntanza hai semanas do G20.

R. Noguerol - 13:30 27/01/2009
Estampa aérea de Davos, onde ten lugar o Foro Económico Mundial

Estampa aérea de Davos, onde ten lugar o Foro Económico Mundial

Ben minguada chega a credibilidade da que pasaba por ser unha das principais xuntanzas para o debate de empresarios, banqueiros, gurús e líderes políticos mundiais. O Foro Económico Mundial, celebrado anualmente na localidade suíza de Davos, ten lugar esta semana doce meses despois de que os expertos camiñasen con pés de manteiga por riba do escenario de crise que xa daquela se debuxaba en todo o mundo.

Co altermundista líder de U2, Bono, adicado ao negocio musical e a ausencia doutras glamourosas presencias, desde modelos a actores, que decoraban a feira de Davos en pasadas edicións, o protagonismo haberán de asumilo os principais líderes políticos, de primeiros ministros a responsábeis de finanzas. O paso ao segundo plano dos xigantes económicos tamén semella significativo, incluíndo a propia desaparición da lista de financiadores da cita dalgún dos investidores importantes doutros anos.

"Dándolle forma ao mundo pos-crise" é o título escollido para a reunión deste 2009, á que están convocadas 2.500 persoas procedentes de 90 países. Á porta do inicio este martes da xuntanza, John Wren, xefe executivo do hólding publicitario Omnicom, declaraba ao fío de Davos 2009 que o balance será bo para marcar a diferencia se cando menos os líderes reunidos con capaces simplemente de acordar e iniciar "algunhas poucas ideas para mellorar o contexto comercial e restaurar a confianza nas institucións e no futuro". Doutra banda, outro dos asistentes ao foro, Philip Jennings, secretario xeral do organismo sindical Global Union, lembrou que os traballadores en todo o planeta "están pagando un alto prezo" na actual crise global, e subliñou a responsabilidade do foro económico ao respecto da definición de ideas prácticas para a reforma financeira, o control das corporacións, o cambio climático, a creación de emprego, seguridade social e dereitos humanos. "Davos 2009 ten a oportunidade de responder a esta chamada", advertiu.

Na mesma liña, Guy Rider, secretario xeral da Confederación Internacional Sindical (ITUC), recordou que os representantes sindicais xa ofreceron un agresivo discurso hai un ano no mesmo foro, desafiando os líderes empresariais e políticos a tomaren nota da inestabilidade da economía global e da necesidade de poñer en marcha solucións "realistas" baseadas no impulso do "traballo digno" para os cidadáns. Rider chamou a atención sobre a incerteza diante desta cita ao respecto de se servirá ou non no contexto económico internacional "para axudarnos a averiguar se estamos listos para corrixir os erros masivos do pasado".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Kofi Annan, presidente do Foro Global Humanitaria, será un dos que teña voz na cita de Davos
Kofi Annan, presidente do Foro Global Humanitaria, será un dos que teña voz na cita de Davos
Rupert Murdoch, o magnate mediático conservador de News Corporation, é un dos participantes e financiadores da cita
Rupert Murdoch, o magnate mediático conservador de News Corporation, é un dos participantes e financiadores da cita