Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Folga xeral en Francia

"A maior mobilización en 20 anos"

Centos de miles de persoas saíron ás rúas das principais cidades do país para protestaren pola xestión da crise por parte do goberno.

Redacción - 18:25 29/01/2009
Primeira gran mobilización para Sarkozy

Primeira gran mobilización para Sarkozy

Centos de miles de persoas -1,5 millóns, segundo os sindicatos- saíron esta quinta feira ás rúas das principais cidades francesas para protestaren contra a política do presidente, Nicolas Sarkozy, e do goberno do primeiro ministro, François Fillon, (ambos os dous da UMP) e a súa xestión da crise económica.

"Estou farto de que me tomen por parvo", declaraba Alain, un home xa xubilado, ao falar do motivo que o levou a saír á rúa. As centrais sindicais, que convocaron a folga en defensa do emprego, o poder adquisitivo e os servizos públicos, consideraron que fora a maior mobilización de traballadores dos últimos 20 anos.

"É a xente a que está aquí, non só os sindicatos. A pelota está no campo do goberno e da patronal. Ou entramos na negociación e deixan de lles facer pagar a crise aos máis humildes ou asumen o risco dun conflito social grave", advertía un responsábel sindical.

A manifestación parisiense, que partiu dende a Praza da Bastilla e rematou fronte á Opera, reuniu 65 mil persoas, segundo a Policía. En 2006, nunha outra protesta similar, as forzas de seguridade reduciran o número de participantes de 700 mil a 84 mil. Marsella, Lyon, Bordeus, Niza, Lille ou Estrasburgo responderon tamén masivamente á convocatoria sindical.

Sarkozy e o goberno de Fillon, co bafo popular na caluga
(11.45 horas)
Oito sindicatos franceses, amparados polas forzas políticas da esquerda, saen unidos á rúa esta quinta feira para protestaren contra a política do presidente francés, Nicolas Sarkozy, e do goberno do primeiro ministro, François Fillon, (ambos os dous da UMP) fronte á crise económica e en defensa do emprego, a protección social e os servizos públicos.

A xornada de folga, que apoia case o 70% dos franceses, está a alterar os servizos públicos, dende os transportes e a educación até os hospitais, pasando polo sector enerxético e a televisión. No entanto, a obriga de avisar con tres días de antelación sobre a intención de apoiar o paro permitiu garantir os servizos mínimos.

Os sindicatos cren que o paro alcanzará unha marca histórica. "Non podemos aceptar que os traballadores sexamos os únicos que pagan as consecuencias da crise. Tamén necesitamos, como os bancos, garantías: mais garantías para a vivenda, para a xubilación...", afirmou Bernard Thibault, secretario xeral do sindicato CGT, nunha entrevista en Le Parisien.

Esta é a primeira gran mobilización social dende o inicio da crise económica e dende a chegada de Sarkozy ao Elíseo, en maio de 2007, mais non é o único desgusto do presidente esta semana. O Partido Socialista (PS) presentou esta cuarta feira na Asemblea Nacional unha moción de censura contra a ineficacia do plan de relanzamento económico e o recorte de liberdades civís, que apoiou toda a esquerda e o centro independente.

Malia que o texto non saíu adiante -os parlamentarios da UMP anularon sen problemas a moción de censura, que só conseguiu 231 dos 289 votos que lle eran necesarios para prosperar-, o Executivo de Fillon saíu un pouco máis erosionado da sesión plenaria un día antes de que Francia se bote á rúa.


Ligazóns

4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manifestación en París
Manifestación en París
Manifestación en Niza
Manifestación en Niza
Manifestación en Lyon
Manifestación en Lyon
Manifestación en Marsella
Manifestación en Marsella
Caricatura de Sarkozy, en París, co insulto que lle proferiu hai uns meses a un home que non lle quixo dar a man
Caricatura de Sarkozy, en París, co insulto que lle proferiu hai uns meses a un home que non lle quixo dar a man