Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
OS DEPUTADOS EN XOGO

Estes son os escanos que decidirán o gañador das eleccións

As sondaxes publicadas e os movementos dos partidos dan pistas sobre os lugares nos que o PP e o bipartito van pelexar pola maioría absoluta.

Redacción - 18:50 25/02/2009

Aínda que ao longo da campaña se publicaron moitas enquisas (entre o domingo e o luns, por exemplo, foron un total de trece), e que entre elas había claras diferenzas, en realidade os abanos que outorgaron a cada partido eran relativamente limitados, cun PP movéndose entre 35 e 38, e PSOE e BNG mantendo os resultados de 2005, cunha leve tendencia á alza, máis clara nos socialistas. Porén, todo indica que os partidos do bipartito van ter que agardar até o final do escrutinio para asegurar a continuidade da súa maioría, e que pequenos movementos de voto nunha ou noutra provincia poden decantar escanos decisivos que mesmo lle poderían dar a Núñez Feijoo o seu arelado deputado número 38.

Lugo e Ourense son as circunscricións nas que o resultado parece máis claro, ao fío dos datos publicados nas sondaxes. En Ourense (PP 8, PSOE 4, BNG 2 en 2005), é case seguro que os populares perderán un escano, que gañarán os socialistas. Niso coinciden practicamente todas as enquisas, que lle auguran tamén unha leve suba ao BNG, insuficiente para acadar a súa terceira acta.

En Lugo (PP 8, PSOE 5, BNG 2 en 2005) tamén baixa o PP, que podería perder o seu oitavo escano en beneficio do BNG, aínda que este trasvase resulta máis incerto có de Ouense. Así o indican máis da metade das sondaxes, que si coinciden en indicar un descenso na intención de voto do PP (entre un e catro puntos menos) e do PSOE (ao redor tres puntos), e un ascenso do BNG de entre dous e tres puntos.

A Coruña e Pontevedra é onde as eleccións parecen máis abertas. O derradeiro escano de cada unha destas provincias pode ser para calquera das tres forzas maioritarias, e é tamén nestas circunscricións onde podería emerxer unha cuarta forza política, aínda que esta posibilidade é moi remota por mor da barreira do cinco por cento. Na Coruña (PP 11, PSOE 8, BNG 5 en 2005), a media de todas as sondaxes restaríalle un deputado aos nacionalistas, que en principio iría para o PSdeG-PSOE. Porén, as enquisas diverxen moito, e de igual xeito que hai estudos que manteñen o quinto escano para o BNG, hai outros que lle outorgan un duodécimo deputado ao PP. É dicir, que a derradeira acta coruñesa vai estar pelexada entre as tres forzas políticas.

En Pontevedra (PP 10, PSOE 8, BNG 4 en 2005) a situación é semellante, pero é o PSdeG-PSOE o que podería perder un escano. A meirande parte das enquisas indican un leve descenso para os socialistas, aínda que en principio manterían a súa oitava acta por esta provincia. O PP tamén cae lixeiramente, e o BNG mantense, e calquera dos dous partidos podería roubarlle ao PSOE ese deputado, sobre todo os populares.

Polo tanto, o escenario que debuxan as enquisas é aberto. O PP perde con case toda seguridade un escano por Ourense e podería perder outro por Lugo, pero ten opcións de gañalos pola Coruña e Pontevedra; isto é, estase movendo nun abano de 35 a 38 escanos, unha maioría absoluta que depende de que gañe eses dous escanos en xogo e manteña o oitavo por Lugo. O PSdeG-PSOE gañaría un por Ourense, e podería subir tamén pola Coruña, pero de igual xeito pode caer por Pontevedra. Finalmente, o BNG pode gañar un escano por Lugo, e mantén algunhas opcións de facelo por Pontevedra, ascensos que poderían compensar a hipotética perda dun deputado pola Coruña.

Por suposto, aí está o voto oculto, a abstención dos votantes do bipartito, a influencia das variadas 'cuartas forzas', e por suposto o voto emigrante, que non recollen as sondaxes. Todo pode pasar.


4.85/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: