Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Reacción á morte do xeneral Tagma na Waie

Asasinan o 'Nino' Vieira, presidente de Guiné-Bissau

Horas despois rexistráronse tiros esporádicos e algunha pillaxe. A viúva do mandatario está refuxiada na embaixada de Angola.

Redacción - 14:05 02/03/2009
Nino Vieira e a súa viúva

Nino Vieira e a súa viúva

O presidente de Guiné-Bissau, João Bernardo 'Nino' Vieira, e o xefe do Estado Maior, o xeneral Batista Tagme Na Wai, morreron na madrugada do domingo ao luns en dous atentados perpetrados supostamente por militares. O Goberno de Carlos Gomes Júnior, líder do PAIGC, reuniuse de urxencia para analizar a situación, informou o ministro da Defensa, Artur Silva.

Horas despois ouvíanse en Bissau, a capital, disparos e fortes explosións, segundo informan axencias lusas. Todo parece indicar que o asasinato do xefe de Estado é unha reacción dos militares afectos ao xeneral Tagma na Waie, considerado un vello rival do Nino Vieira, finado pouco antes durante unha acción violenta.

En xaneiro, Tagma na Waie acusara os homes do presidente de o quere asasinar, mais daquelas afirmárase que houbera un disparo accidental de un membro da seguridade da Presidencia da República ao paso do xeneral. O corpo 'pretoriano', constituído por unha milicia coñecida como "aguenta", desmantelouse logo do incidente.

Segundo unha testemuña citada polo xornal Semana Online de Cabo Verde, o Batalhão de Mansoa, afecto ao Tagma na Waie, foi quen lanzou o ataque sobre a residencia do Nino Vieira, no que houbo máis vítimas mortais. A súa viúva, Romana Vieira, encóntrase refuxiada na embaixada de Angola. As primeiras informacións dábana como ferida ou mesmo morta.

Guiné-Bissau, independente dende hai 35 anos, basea a súa economía na exportación de anacardos. É un dos países máis pobres do mundo e a súa seguridade viuse ameazada nos últimos anos polos carteis colombianos que utilizan o seu territorio como refuxio para almacenar e distribuír a cocaína cara a Europa.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: