Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VALORACIÓNS

Reaccións á dimisión de Touriño

Os socialistas culpan á coalición co BNG e á crise do seu retroceso e lamentan non ter adiantado as eleccións, como se valorara en agosto.

Redacción / EP - 19:52 02/03/2009
Acompañado de Varela e Barcón, na sede do PSdeG, esta segunda feira, dirixíndose aos medios de comunicación ao dimitir

Acompañado de Varela e Barcón, na sede do PSdeG, esta segunda feira, dirixíndose aos medios de comunicación ao dimitir

Ao coñecer a dimisión de Emilio Pérez Touriño como secretario xeral do PSdeG, a raíz dos resultados das eleccións deste domingo, os responsábeis do partido aseguraron que van constituír unha comisión xestora para dirixir o partido. A intención é axilizar ao máximo os prazos para convocar un congreso extraordinario do que saia o novo liderado.

Os membros desta xestora deben ser nomeados dende Madrid, pola Executiva Federal do PSOE. Tras a designación desta, que se encargará de organizar e preparar o congreso, desenvolveranse eleccións xuntanzas extraordinarias das agrupacións municipais para elixir aos entre 400 e 600 delegados que participarán no conclave. Mentres non se saiba nada desta comisión, as máximas responsabilidades na dirección do partido recaen no vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, e a secretaria de Organización, Mar Barcón.

Culpando á crise e á alianza co BNG
Aínda que os socialistas agardaban un resultado "moi axustado" nas oitavas eleccións galegas, os membros da Executiva Nacional Galega consultados recoñeceron que os resultados do domingo os colleron "por sorpresa". De feito, vinculan a dimisión de Touriño a que "non lle quedaba máis remedio", despois de que o PSdeG non fose capaz de rendibilizar nas urnas catro anos de Goberno bipartito. Porén, a coalición cos nacionalistas é un dos factores que os dirixentes socialistas barallan como causa da baixada do seu partido, que perdeu case 27.600 sufraxios nas catro circunscricións galegas, en relación aos resultados de 2005, sen contar co voto emigrante, que aínda non se coñece. Outro dos puntos fracos que recoñecen é que se deixou pasar a "campaña sucia" do PPdeG, mesmo sen rebater moitas "falacias". De feito, segundo lle recoñeceron a Europa Press fontes socialistas, durante a campaña electoral, a tensión sentiuse na sede compostelá do partido, onde o equipo que Xosé Blanco mandou dende Ferraz e os asesores máis próximos a Touriño pelexaron polo enfoque que lle habían dar á súa estratexia electoral.

Outro dos factores que culpan de terminar coa carreira política de Touriño é a crise. De feito, sitúana como unha das principais causas do castigo nas urnas, sobre todo nas zonas urbanas, onde a "sensación é máis aguda". Tamén indicaron que a decisión de non adiantas as eleccións -que se había tomar en agosto-, pasoulles factura.

As reaccións no seo do Partido Socialista
Así se coñeceu a decisión de Touriño, os medios de comunicación perseguiron aos responsábeis nacionais do PSdeG, para recoller as súas declaracións. Dúas das persoas cuxos nomes se barallan para substituír a Touriño, o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, e a secretario de Organización, Mar Barcón tamén falaron cos xornalistas.
Varela sinalou que a dimisión do seu líder era unha "resposta lóxica dun dirixente da súa talla", e a decisión de marchar, "coherente coa súa traxectoria". Polo seu lado, Barcón eloxiou a decisión de Touriño, xa que, ao seu ver, "demostrou que fai o mellor servizo que lle podía facer ao partido". Mar Barcón tamén dixo que hai "estabilidade no partido" xa que hai "varias xeracións traballando xuntas", polo que hai "moita xente" que pode tomar o "relevo xeracional".
Por outro lado, tamén fixeron declaracións algúns alcaldes do PSdeG, e entre outros socialistas, o secretario xeral do PSdeG en Ourense, Manuel Vázquez, que asegurou ver a dimisión de Touriño coma un "aceno de grandeza política" tras un resultado "que ninguén agardaba".

Entre os alcaldes, destacaron as declaracións do de Ferrol, Vicente Irisarri, e o de Vigo, Abel Caballero. O primeiro dixo que a dimisión é un feito que "honra a Touriño", e que o partido queda cunha "estrutura sólida"; e o segundo tamén gabou o presidente en funcións, desmentindo que se vaia presentar no seu lugar.

Blanco non ve un castigo á política de Zapatero, e descarta dirixir o partido en Galiza
Polo seu lado, o vicesecretario xeral do PSOE, o ulloán Xosé Blanco sinalou que a derrota dos socialistas non podo interpretarse como un castigo á política do goberno español, ao tempo que deixou claro que non prevé liderar o PSdeG tras a dimisión de Touriño.

As reaccións dos sindicatos
O secretario xeral do sindicato estatal CCOO en Galiza, Xan María Castro sinalou que "entenden" a dimisión de Touriño, mais consideran que "podería continuar". Por outra banda, o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, considerou "lóxica" a decisión tomada por Touriño e sinalou que o movemento responde a unha "estratexia interna do partido" na que non quixo entrar. Os dous dirixentes sindicalistas renunciaron a pronunciarse sobre se o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, debe dimitir ou non. Porén, Seixo dixo que Quintana "ás veces personalizou demasiado a xestión no seu persoal", polo que considera que tamén debería "personalizar os erros", aínda que insistiu en que o BNG debe facer unha "avaliación colectiva, pois non é un problema de persoas" concretas, senón de toda a organización.

Por outra banda, tamén se pronunciou sobre a marcha de Touriño José Manuel Fernández Alvariño, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), quen cre que se "perde un activo importante".

A reacción do PP
O candidato do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, e o líder estatal do partido, Mariano Rajoy, coincidiron esta segunda feira en expresar o seu "respecto" á decisión do líder dos socialistas galegos.

Por outro lado, populares coma Corina Porro ou Carlos Negreira -segunda nas listas do PPdeG por Pontevedra, e primeiro pola Coruña, respectivamente- tamén deron a súa opinión. Porro dixo que a marcha de Touriño é "un xesto honorábel" ante la maioría "contundente" do PPdeG, e Negreira asegurou que respecta a decisión tomada polo presidente en funcións.

Respecto dende outras partes do Estado
Tamén se pronunciou sobre a dimisión do líder dos socialistas o secretario xeral de ICV e deputado no Congreso español, Joan Herrera. O político catalán sinalou que a vitoria electoral do PPdeG no noso país demostra que non lles afectaron os "escándalos de corrupción", r considerou que a crise repercutiu nos resultados de PSdeG e BNG.

Nesta conferencia de prensa, ofrecida esta segunda feira, Herrera expresou o seu "máximo respecto" pola dimisión de Touriño e describiu a súa marcha coma un "xesto de calidade democrática", porque "cando un presidente non renova a condición, tería que ser normal que asumise responsabilidades".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: