Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIO DE CICLO

O BNG anuncia un proceso interno de reflexión do que sairá un novo liderado

Anxo Quintana afirma que será o Consello Nacional e as asembleas comarcais as que debatan nos vindeiros meses o futuro da organización. En outono a Asemblea Nacional proclamará un novo candidato.

R.V. (texto)/Isabel G. Couso (vídeo e fotos) - 20:10 02/03/2009

O Bloque anunciou este luns que vai abrir nas vindeiras semanas un “proceso de reflexión” para reorientar a organización logo do fracaso electoral deste domingo. O propio Anxo Quintana foi o encargado de anunciar esta nova etapa logo dunha Executiva Nacional celebrada este luns.

O líder nacionalista, que estivo acompañado de boa parte da Executiva, recoñeceu que os resultados do Bloque son malos. A continuación sinalou tres claves que explicarían a derrota do bipartito: o non ter sabido transmitir a acción do goberno á cidadanía, a crise económica e a musculatura do Partido Popular.

A pesar de que os xornalistas preguntaron directamente pola posibilidade, Quintana non quixo desvelar o seu futuro inmediato e limitouse a afirmar que queda a disposición do que decidan os órganos colexiados da formación nas vindeiras semanas.

O comezo do adeus de Quintana
Tal como algúns agardaban, Quintana non presentou este luns a súa dimisión. Porén, é evidente que o político de Allariz comeza a súa retirada da primeira liña. A organización decidiu marcar os seus propios tempos para a busca dun novo candidato. O proceso rematará na Asemblea Nacional que ten previsto celebrar o Bloque este outono. Antes o Consello Nacional e as asembleas comarcais comezarán un debate interno para marcar novas teses políticas que deberán referendarse na asemblea.

Fontes da UPG consultadas por Vieiros subliñan que é precisa unha reflexión serena que sirva para un futuro rexurdimento do Bloque. Dan por feito que Anxo Quintana non vai ser o encargado de seguir á fronte da organización pero tamén consideran que o voceiro é quen debe seguir representando publicamente o BNG até que os militantes dean a última palabra na cita asemblearia prevista para final de ano.

Pola súa parte, un destacado membro do “quintanismo” tamén recoñecía que a decisión da Executiva era a máis lóxica xa que “o Bloque ten os seus propios tempos”. Dentro deste colectivo está asumido que Quintana, logo de dous resultados adversos, ten esgotado o crédito para poder pelexar por terceira vez pola presidencia da Xunta. O propio Quintana recoñeceulle aos seus círculos máis achegados que é inaprazábel unha renovación das caras que dirixen o BNG.


4.74/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: