Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica

Arrogante impunidade

"Entrando en Gaza pola fronteira de Erez a visión é desoladora". Camilo Nogueira achéganos as súas impresións logo dunha recente visita á devastada Faixa.

Camilo Nogueira - 11:30 07/03/2009
Nogueira en Gaza (clique para ampliar)

Nogueira en Gaza (clique para ampliar)

Entrando en Gaza pola fronteira de Erez a visión é desoladora. Nun radio de varios quilómetros xacen amoreadas as ruínas dun polígono industrial e comercial destruído polo exército israelí en 2004.

En Jabalia, a poucos quilómetros, un campo de refuxiados onde moran 150.000 persoas, as mostras da destrución causada polos bombardeos do mes de xaneiro aparecen en todo lugar. Fervían as rúas de xente con aparencia tan digna como desamparada. Por toda a parte burbullaban nenos e nenas que, por millóns, asegurarán o futuro do seu povo. Nos locais de ACNUR -a organización da ONU para a axuda aos refuxiados que atende en Gaza ás necesidades básicas da povoación- filas de mulleres e de homes esperaban en procura da ración de alimentos básicos que receben. A organización non ten problemas para reunir os abastecementos necesarios mais, carente Gaza de calquer instalación portuaria e proibida toda relación autónoma dos palestinos co exterior, a potencia ocupante que debería garantir a chegada de axuda humanitaria atranca cruelmente a diario a entrada das partidas que, provenientes dos Estados e as organización doantes, esperan nos portos israelís.

Máis ao sur, na vila de Aved Rubbo, montóns de escombros son o único que resta de 700 edificios industriais e comerciais cañoneados estes días polo exército de Israel. En Gaza capital, onde viven 300.000 persoas, a brutalidade mortífera dos bombardeos atinxiu a edificios oficiais e a vivendas familiares, a antigos pazos administrativos e ás casas dos máis pobres. Como pasa en toda a franxa, os innúmeros carros tirados por burros que circulan pola vila retratan o retroceso e o alcance da miseria criada polo apartheid. 

O grupo de deputados do Parlamento Europeu encabezados pola deputada italiana Luisa Morgantini, vicepresidenta da Cámara (cos que entrei novamente en Palestina depois de estar nos anos 2002, 2004 e 2008 para sumar esforzos na consecución dunha xusta paz) tivemos unha reunión con John Ging, o irlandés responsábel da organización de axuda aos refuxiados da ONU que durante os bombardeos alertou a todo o planeta a através da televisión sobre as consecuencias dos bombardeos do campo de concentración en que o Estado de Israel convertera a Gaza. Ging denunciara o asasinato de mulleres, homes e nenos, civís inocentes, reclamando que asumiran tamén a súa responsabilidade os que pudendo non impedían os ataques nen se achegaban a aquel territorio para comprobar o alcance tráxico da guerra empreendida por Israel durante o seu período eleitoral. O 80% dos asasinados polo exército israelí non eran combatentes.

Nunha tenda levantada no patio do edificio do Parlamento de Palestina destruído polos bombardeos, mantivemos unha reunión cos deputados que restan no territorio depois da división entre Cisxordania e Gaza e do encarceramento por Israel de 40 dos representantes elixidos democraticamente. Desde as posicións de Hamás, e ante as perguntas de membros do grupo europeu sobre a posibilidade da solución dos dous Estados, os deputados afirmaron que non ten sentido cargar sobre as costas do povo ocupado unha decisión que está en mans do Estado ocupante: retirarse definitivamente de Cisxordania e Gaza para empreender un proceso político que conducir ao estabelecemento dunha paz permanente. Reclamaron o direito dun povo ocupado a loitar contra o Estado ocupante e puxeron en evidencia que o 70% dos habitantes de Gaza son refuxiados que tiñan as súas terras no territorio invadido por Israel. Lembraron que o 80% dos traballadores palestinos carecen de emprego. Trouxeron á memoria que Iassir Arafat, que asinara con Israel os acordos de Oslo, foi asediado até a morte; que Israel construíu un muro separador de centos de quilómetros, invadindo terras de Cisxordania e arredando familias; que a construción de asentamentos xudeus en terras palestinas continua e o exército ocupante destrúe todo o que acaba de ser construído, especialmente con fondos doados pola Unión Europea, e ainda que non necesitarían nengunha axuda de cesar a ocupación.

Sen entrar na solución dos dous Estados, fixeron que notar depois de ocupar o 78% da terra de Palestina o Estado de Israel quer aínda ir por unha parte substancial do 22% restante, obviando ademais que un Estado de Palestina soberano pasa polo dominio dos espazos marítimo e aéreo, o control das fronteiras estatais e a formación dun exército proprio, nun proceso garantido pola ONU e apoiado firmemente pola UE, os EEUU e os Estados árabes.

O 25 de febreiro, recibíranos o Primeiro Ministro Salam Fayad en Ramallah. Antigo alcalde de Nablús con unha grande experiencia internacional. Fayad governa en precario o limitado territorio de Cisxordania que está baixo a súa autoridade, crucificado por 600 humillantes check-points do exército israelí, numerosos asentamentos de colonos xudeus e estradas proibidas para os palestinos. Insistiu en que Israel non pode ser máis unha excepción no cumprimento da legalidade internacional. Manifestou o seu desexo do entendemento con Hamás e mostrou o seu apoio aos intentos -que se materializarían pouco depois no Cairo- de reunir reunir os diferentes partidos e movimentos palestinos co obxectivo de formar un governo de unión nacional que conduza á paz e a reclamación conxunto dun Estado soberano. Entretanto, os EEUU e a UE non tratan con Hamás “porque non recoñece ao Estado israelí”, mais si o farán con Benjamin Netanyahu que non respeita a legalidade internacional e rexeita Estado de Palestina demandado pola ONU nunha chea de resolucións.

O dia 27 estivemos en Belén e Hebrón, mantendo reunións cos alcaldes, cristián o da primeira cidade e musulmán o da segunda, ambas baixo o encerro colonial. Saíndo para Belén desde Xerusalén, a vista está dominada pola imaxe ameazante dos asentamentos ilegais dos colonos israelís en Xerusalén Leste, a parte palestina da cidade, e no territorio de Cisxordania. Todo ensombrado pola muralla ofensiva levantada polo Estado de Israel.

A só oito quilómetros de Xerusalén, Belén está fechada polo muro. Os seus habitantes non dispoñen do direito de achegarse á capital onde viven os seus e onde están os servizos públicos indispensábeis. A cidade deféndese cos recursos derivados da presenza diaria de grupos de turistas relixiosos.

Con 150.000 habitantes, Hebrón padece a presenza dun asentamento xudeu instalado pola forza no centro histórico da vila. 400 fanáticos ultraortodoxos, rodeados por 2.000 soldados do exército israelí, pretendendo que aquela terra “lles foi entregada por Deus”, hostilizan sistematicamente aos habitantes da cidade. Coa maioría de povoación desempregada e sen capacidade de saida autónoma cara o exterior, Hebrón mantén contra vento e maré parte da súa tradición industrial e artesá, coa extracción de rochas brancas e a fabricación de cerámica, malia a subordinación imposta polo Estado ocupante e sen canles de comercialización proprias.

Desde Europa, a entrada en Israel e Palestina é por Tel Aviv. Construída a partir dun asentamento xudeu á beira de areais mediterráneos nas aforas da histórica Jaffa, a capital administrativa, económica e cultural do Estado de Israel é unha urbe moderna, “europea” para os seus habitantes malia estar en Asia. A xente pasea pola praia e as avenidas que miran cara o Mediterráneo. Acababan de votar maioritariamente a favor de partidos extremistas que negan a existencia do povo palestino. Os habitantes da cidade teñen diante de si o mar que poucos quilómetros ao sur, a un tiro de pedra, non constitúe unha porta aberta ao mundo senón un elemento máis do muro carcerario que oprime aos palestinos, xente culta e educada que vive a pobreza con dignidade admirábel esperando o fin da arrogante impunidade do Estado de Israel. Un povo que anceia o fin de tanta traxedia, o remate do contraste entre a riqueza de Tel Aviv e a miseria insuportábel que lles é imposta.


Ligazóns

4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: