Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
XORNADA EN COMPOSTELA

Os servizos baseados na internet son o futuro da telefonía móbil

Shahram Nir, do foro FTF, dixo que debe existir "banda ultra larga" para favorecer o desenvolvemento de novos servizos, como redes sociais baseadas en xeolocalización.

Redacción - 18:34 12/03/2009

O futuro da telefonía móbil estará marcado por un modelo "baseado no usuario" e que estabeleza unha comunicación entre máquinas, ademais de entre persoas. Esta predición fíxoa este xoves en Compostela Shahram Nir, director da estratexia de NEC Europa e un dos expertos do Future Trends Forum (FTF).

Na xornada, organizada por BIC Galicia e Feuga, Nir falou dun modelo de negocio que evolucionará do actual "vertical", con redes diferenciadas a un "multiservizo e integral na mesma tecnoloxía", baseada nas conexións IP. Prediciu que o tráfico será "masivo por momentos", polo que haberá que dispoñer dunha banda "ultra larga" e unha rede "máis plana e intelixente", que se manteña dun xeito máis independentemente do factor humano.

Segundo explicou, crearanse novos produtos e oportunidades de negocio baseadas nas novas funcións dos teléfonos móbiles, superiores á simple emisión e recepción de chamadas e mensaxes. Entre as novas opcións están as redes sociais, a localización por GPS ou o entretemento.

O foro internacional FTF, da Fundación Bankinter, publicou o informe 'Tecnoloxías móbiles: apertura e novos modelos de negocio', onde analiza a evolución da telefonía móbil, que no ano 2008 acadou unha penetración mundial do 61 por cento, superior, polo tanto, á internet.

Un dos aspectos ao que lle prevén máis éxito son as redes sociais accesíbeis a través do móbil, que conteñan ferramentas de xeolocalización. As ferramentas financeiras, a xestión de viaxes, a posiblidade de mellora da telemedicina e a publicidade personalizada son outras das probábeis vías de futuro do medio.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: