Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Preocupación polo mapa sociolingüístico do país

A CIG-Ensino ameaza cunha folga xeral se o PPdeG derroga o Decreto do Galego

O secretario xeral do sindicato, Anxo Louzao, considera moi graves as declaracións de Alberto Núñez Feijoo antes de chegar a presidir a Xunta.

Redacción / EP - 17:25 24/03/2009
O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao

O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao

O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, ameazou esta terza feira con recorrer á folga xeral e á "paralización do ensino" en Galiza se o novo Goberno do PPdeG decide derrogar o Decreto do Galego.

En conferencia de prensa, Louzao afirmou que a central sindical vai comezar unha campaña para "explicar as pretensións" do vindeiro Goberno en relación á nosa lingua, recalcando que esta é "sumamente difícil de entender, salvo dende o máis profundo antigaleguismo". Nesta liña, o sindicalista lembrou o "retroceso importante no uso do galego" que evidencian "todos os estudos", entre eles os datos "demoledores" do mapa sociolingüístico que se coñeceron a pasada semana, e que sinalan que en 12 anos reduciuse á metade o número de persoas monolingües en galego. Segundo Louzao, estes estudos "deberían preocupar" aos gobernantes, e movelos a "tomar medidas", e non deixalos quedos, "a menos de que o que se pretenda sexa a extinción do noso idioma".

Se fai falta, "enfrontados" e senón, "abertos ao diálogo" para evitar a "paralización do ensino en Galiza"
En canto ao ensino, Louzao lembrou que, a pesar da existencia da Lei de Normalización Lingüística, publicada hai 26 anos, que xa estabelecía que o 50% das materias se impartisen en galego, na actualidade "a súa aplicación está moi lonxe de acadar este obxectivo". Pos isto aclarou que "só se pode falar de imposición da lingua" dende perspectivas que pretendan "a súa aniquilación", xa que, segundo sinalou, "ao longo da historia, o galego foi proscrito e perseguido no sistema educativo" como lingua "de segunda clase, e no seu propio país".

Ante este panorama, o secretario xeral de CIG-Ensino revelou que este sindicato vai estar enfrontado co PPdeG, xa que non están "dispostos a perder o idioma como marca de identidade", mais lembrando, ao tempo, que están "abertos ao diálogo" para evitar "ter que recorrer á paralización do ensino".


Ligazóns

5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: