Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O NOVO BNG

E como será o “quintanismo” sen Quintana?

Logo de que Roberto Mera anunciase esta semana a súa retirada, Carlos Aymerich convértese no principal e case único referente.

R.Vilar - 14:00 25/03/2009
Roberto Mera abandona a primeira liña política

Roberto Mera abandona a primeira liña política

Logo das eleccións do pasado 1 de marzo, o “quintanismo” está nunha fase de cambios. Non é para menos, a persoa que lle dá nome á corrente pasa a un segundo plano. Por se isto fose pouco, esta semana, para sorpresa de moitos, Roberto Mera, un dos dirixentes máis recoñecíbeis do “quintanismo”, comunicaba que aparcaba a súa carreira política para centrarse na súa vida persoal e na militancia de base. O de Ponteareas, que formou parte da última Executiva, foi unha peza básica na intendencia das últimas eleccións.

Ten algunha lóxica seguir falando de “quintanismo” cando ao temón xa non está Quintana? A ninguén se lle escapa que se vive un momento de transición. Destacados cadros desta corrente incluso falan con humor do “posquintanismo”. Nucleado dende 2002 arredor do líder do BNG, está nunha encrucillada que terá que resolver nas vindeiras semanas. Sen dúbida, a estas alturas, só hai unha persoa que pode comandar a estrutura ideolóxica que naceu arredor de Quintana: Carlos Aymerich.

Dentro do “quintanismo” as voces son practicamente unánimes: Aymerich ten proxección pública e contrastada experiencia parlamentaria. Outro punto ao seu favor é que mantén unha relación fluida con moitos dirixentes da outra gran póla do Bloque: a UPG. Mais tamén se quere proxectar a nivel nacional a novos membros que sirvan de caras visíbeis. As quinielas apuntan a rexedores como o de Salceda de Caselas (Marcos Besada) ou a de Tomiño (Sandra González). Falta por ver tamén que papel pode desenvolver dentro desta corrente xente como Teresa Táboas.

Reformular o futuro

O “quintanismo” naceu no seu momento cunha máxima ideolóxica: O BNG por riba dos partidos e correntes que o compoñen. O feito de que o voceiro nacional do Bloque fose ao mesmo tempo o líder da corrente facilitou que esta corrente se convertese, logo da UPG, no sector máis influínte dentro da fronte nacionalista.

Mais Quintana apártase, cando menos a curto prazo, da primeira liña política sen designar un sucesor. De feito -hai voces que afirman que o de Allariz, el tampouco se encargou de negalo con rotundidade- só ensaia unha retirada táctica para ver os acontecementos dos vindeiros meses e logo actuar en consecuencia.

Mais as hipóteses só son hipóteses e, mentres tanto, o “quintanismo” intenta reubicarse nun tableiro no que xa non está Quintana e nunha folla de ruta que ten o seu primeiro punto de inflexión na Asemblea Nacional que o BNG celebra en maio. Na mente de moitos está reforzar contactos con grupos cos que o até de agora houbo bo entendemento como é o caso de Espazo Socialista, Inzar ou PNG-PG.


4.3/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: