Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Racha a coalición de goberno na USC

"Universidade Aberta non rompe o pacto, é o reitor quen o incumpre"

Elías Torres, ex vicerreitor de Cultura, explica as razóns que levaron os membros da corrente nacionalista a dimitir en bloque, a pouco máis dun ano das eleccións.

Fernando Arrizado - 12:00 26/03/2009

Este luns, os catro integrantes do colectivo Universidade Aberta (UA, afín ao nacionalismo) que formaban parte do equipo de goberno da USC anunciaron que abandonan os seus cargos de vicerreitores. Unha semana antes fixérao o tamén membro de UA e segundo do Consello de Goberno, o vicerreitor de relacións institucionais Lourenzo Fernández Prieto.

Precisamente, a negativa do reitor Senén Barro (da corrente Plataforma Universitaria Progresista, PUP, afín ao PSOE) a o substituír desencadeou a última dimisión en bloque e o consecuente final do goberno de coalición -do que tamén forma parte con dous representantes Converxencia Universitaria (conservadores)- a pouco máis dun ano das eleccións.

En palabras do dimisionario vicerreitor de Cultura, Elías Torres, foi "a pinga que desborda o copo". Mais o desencontro, de fondo nalgúns temas, viña de antes.

Vieiros
: Por que se produce a dimisión?

Elías Torres: É un episodio que culmina unha longa serie. Fernández Prieto dimite para articular unha candidatura. Isto non quere dicir que a vaia encabezar, nin sequera que forme parte dela. Mais o reitor non accede á súa substitución.

Por que?

Non o fai por presións da PUP, que considera que a dimisión de Fernández Prieto supón unha rotura do pacto de goberno. Mais o pacto non fala disto: tempo atrás foron vicerreitores do PUP os que dimitiron, e foron substituídos, e os membros de UA nin sequera nos pronunciamos. O que si está no acordo é que a representación das correntes debe estar equilibrada.

Os críticos con UA falan dunha actitude exclusivamente electoralista de cara a se posicionar para os comicios do ano que vén ...

A universidade ten tempos diferentes que outros ámbitos. En calquera caso é lexítimo posicionarse. Precisamente, a dimisión de Fernández Prieto para articular unha candidatura -que insisto, non ten por que liderar nin formar parte dela- prodúcese para evitar suspicacias. O reitor non pode repetir porque esgota os dous mandatos. Nós o que procurábamos era un proceso de transición calmado e transparente.

E non hai unha intención por parte de UA de se desmarcar da acción de goberno destes anos, cualificada dende sectores como 'fallida', de cara ás eleccións ...?

Ao contrario. Nós ofrecíamoslle ao reitor unha continuidade, unha estabilidade. En calquera caso, os membros de UA saen do goberno cun gran capital.

A valoración destes anos de goberno é positiva entón?

Hai luces e sombras. Falta cultura de pacto e encontro. Hai tentacións de monopolio. Nós somos un colectivo de PDIs (Persoal Docente e Investigador) que aspiramos a non excluír ninguén, a procurar a excelencia na universidade. As críticas fixéronse sempre primeiro no seo de goberno antes de as facer públicas.

Boloña é un dos puntos negros ...

Temos discrepancias no modo de facer a adaptación, mais é un tema controvertido que precisaría dunha análise máis pausada.

E o plan de financiamento das universidades?

Sen dúbida é un dos grandes calcañares de Aquiles. Houbo un incumprimento grave da Xunta. Mais apartamos as diferenzas e puxémonos ao lado do reitor.

Ten visos de solución?
Está por ver a proposta do novo Goberno. Nós defendemos un financiamento estábel que permita colocar a USC e o resto de universidades galegas nos postos que lles corresponden, que lles asegure aos estudantes o acceso ao ensino, e facilite unha investigación de calidade.


3.88/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: