Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións na Europa do Leste

Montenegro ratifica o goberno e apura a súa converxencia coa Unión Europea

A coalición, encabezada polo Partido Democrático dos Socialistas (DPS), do primeiro ministro, Milo Djukanovic, renovou maioría este domingo.

Redacción - 09:00 30/03/2009
O primeiro ministro montenegrino, Milo Djukanovic

O primeiro ministro montenegrino, Milo Djukanovic

A coalición encabezada polo Partido Democrático dos Socialistas (DPS), do primeiro ministro, Milo Djukanovic, renovou este domingo a maioría absoluta nas eleccións parlamentarias anticipadas en Montenegro. Segundo os primeiros resultados facilitados pola ONG Centro para a Transición Democrática (CDT), a coalición Montenegro Europeo obtería o 51,5% dos votos, o que lle asegurará 49 deputados nun Parlamento composto por 81.

A segunda formación máis votada é o Partido Popular Socialista (SNP), de Srdjan Milic, que col 17,5% dos votos conseguiría 17 deputados. En terceiro lugar, sempre segundo estas estimacións, ficaría a acabada de crear Nova Democracia Serbia (NOVA), de Andrija Mandic, co 9,8% de votos e 8 escanos. Un dos perdedores destes comicios sería o líder do Movemento para os Cambios (DPS), Nebojsa Medojevic, quen, por popularidade, podería ter competido con Djukanovic, mais que finalmente quedou co 5,4% dos votos, unha cifra que se traduce en 5 escanos no Parlamento.

Un Montenegro cada vez máis achegado á Unión Europea
Após coñecerse o seu triunfo, os militantes do DPS comezaron a celebralo na súa sede central, na capital Podgorica, onde se lanzaron proclamas a favor da integración de Montenegro en Europa.

En decembro do ano pasado, o país presentou a súa solicitude para entrar na Unión Europea, feito polo que se adiantaron os comicios parlamentarios. Naquela altura Djukanovic argumentaba que só un goberno cun mandato pleno -unha nova maioría, por exemplo-, podería dedicarse a traballar no proceso de converxencia coa UE, de tal xeito que este se fose acelerando.

Porén, a oposición sinalou que adiantar as eleccións non era máis que un truco de Djukanovic para facerse de novo co poder, antes de que o país se vexa afectado de cheo polos efectos da crise financeira mundial.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: