Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dende esta sexta feira

Milleiros de persoas secundan a folga de fame de Evo Morales

O presidente de Bolivia decidiu manterse a base de auga, mate e follas de coca, nunha súa reivindicación, pedindo unha nova Lei Electoral.

Redacción - 15:30 11/04/2009
Evo Morales no seu primeiro día de xaxún / Imaxe: Clarín

Evo Morales no seu primeiro día de xaxún / Imaxe: Clarín

Dirixentes sindicais bolivianos aseguraron este sábado que hai perto dun milleiro de persoas en todo o país secundando a folga de fame que comezou a pasada sexta feira o seu presidente, Evo Morales, para exixirlle ao Congreso a aprobación da Lei Electoral que permita adiantar os comicios a decembro.

Os dirixentes da a (COB) e a Coordinadora Nacional polo Cambio (Conalcam), acompañan a Morales nesta medida de protesta, que non abandonarán até que se aprobe a modificación da norma. Mentres, fontes do Palacio do Goberno, en La Paz, sinalaron que o presidente boliviano está en bo estado de saúde ao cumprirse o primeiro día da súa folga de fame, o que o obrigou a suspender unha súa viaxe a Cuba que tiña previsto realizar este sábado. O voceiro persoal de Morales, Iván Canelas, explicou que o mandatario continúa a traballar, a pesar da medida de protesta. O presidente de Bolivia estase mantendo só a base de auga, mate e follas de coca.

Unha accidentada sesión parlamentaria na que non se terminou de aprobar a lei
A crise política que se vive en Bolivia colleu forza a raíz das discrepancias xurdidas cando o presidente quixo aprobar un réxime electoral transitorio, obrigado pola nova Constitución, que permitiría desenvolver as eleccións xerais a finais deste ano. Na sexta feira a lei foi aprobada en primeira instancia, mais a oposición abandonou o Congreso -despois de 24 horas de negociacións- para frear a votación definitiva, rexeitando un proxecto que consideran que lle dá vantaxe a Evo Morales para saír reelixido en decembro. Os principais puntos de discrepancia son o padrón electoral, a reserva dunha cota de bancadas para os sectores indíxenas e o voto exterior.

Aínda que o partido de Morales, Movemento ao Socialismo (MAS) ten a maioría dos deputados, a oposición controla a Cámara Alta, o que lle confire a capacidade de veto e de deixar sen quórum a Asemblea Lexislativa. Como forma de presión a un Congreso que se disolverá a finais deste ano, os parlamentarios oficialistas ameazaron con dimitir colectivamente e propiciar o peche do Parlamento se non se para a reforma da Lei Electoral. Porén, Morales xa descartou convocar eleccións mediante un decreto por el elaborado.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: